O PP propón que incumprir os prazos de depuración das rías non implique sancións da UE

Treitos do programa presentado polo PPdeG para as eleccións europeas CC-BY-SA Praza Pública

O pasado decembro a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo votaba definitivamente o informe resultante da visita dunha delegación da Eurocámara ás rías do Burgo, Ferrol e Vigo. O presidente daquela delegación, o conservador Philippe Boulland, comezou a elaborar o diagnóstico cunha visión moi crítica sobre o que vira en Galicia, tamén sobre o papel das administracións competentes para sanear as rías. Pero a presión do PP español surtiu efecto e de nada serviron as protestas da austríaca Angelika Werthmann nin da letoa Tatjana Zdanoka, que viron nas rías unha situación "escandalosa" merecente de censura e sancións. Daquela os populares -tamén cos votos dos socialistas europeos- lograron o obxectivo de minorar as consecuencias políticas da contaminación e, cara á próxima lexislatura europea, semellan decididos a evitar tamén as de tipo económico. 

O pasado sábado o presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, presentaba a parte galega do programa do seu partido para as eleccións do 25 de maio. A falta de candidata ou candidato coñecido, o voceiro parlamentario, Pedro Puy, e o propio Feijóo foron os encargados de debullar as liñas mestras do documento, o único con "importancia" de cantos se presentan aos comicios, proclamou o presidente. No punto 14 deste programa, o último dos catro dedicados á "política medioambiental", o PP céntrase na directiva de depuración de augas UE, a mesma na que, cando menos en público, a Xunta enmarca os seus "esforzos" a prol da limpeza das rías. A aposta conservadora é que a UE "sexa máis flexible, en atención aos prazos e ás circunstancias".

O pasado decembro o PP xa bloqueou un informe crítico coa situación ambiental das rías galegas

Esa flexibilidade debería desembocar, en opinión do PP, en que "os procedementos relacionados co incumprimento de prazos", isto é, cos límites fixados para ter as rías saneadas -o 2015 no caso da ría do Burgo, por exemplo- non cheguen a supoñer sancións económicas" para o Estado español e, por extensión, para a Xunta. Esta proposta lánzana no mesmo documento no que eloxian a Unión por "permitir a creación de numerosas infraestruturas de xestión de residuos" e por ser "fundamental para comprender a situación actual da xestión da auga en Galicia". "A aplicación da normativa" que agora piden flexibilizar "supuxo un gran esforzo, pero taḿen un salto cualitativo para a nosa rexión", din.

Un programa monolingüe

O PP formula esta aposta pola relaxación da disciplina medioambiental no treito do programa que, afirma Feijóo, permitirá que Galicia teña "moito que dicir" no contexto comunitario. O documento, redactado unicamente en castelán, pon o acento na importancia dos fondos da UE para lograr "a liña de AVE Ourense-Santiago-A Coruña e a autovía Rías Baixas e do Noroeste-Corredor do Morrazo [del Morrazo, no orixinal]". Tamén explica que, nos vindeiros cinco anos, o PP traballará para "atopar fórmulas de axilización e firmeza xurídica do asentamento de novas instalacións" na costa ou para que a UE teña en conta "o sistema disperso de asentamentos humanos" de Galicia, definida só como "rexión" ao longo de todo o documento.

O PP advirte de que aproveitará o contexto europeo para facer unha "firme defensa da unidade de España"

Na parte do programa que é común a todo o Estado os populares advirten de que aproveitarán o contexto europeo para realizar unha "firme defensa da unidade de España" e pregúntanase "como estaríamos se non existise a Unión Europea" ou "como estaremos se non defendemos a UE contra eses movementos que queren regresar á desunión e ao fraccionamento". "Volver fragmentados ao século XIX ou encarar unidos os desafíos do século XXI?", cuestionan, nun ámbito no que ven a Galicia cunha "vantaxe competitiva importante: o Camiño de Santiago".

Esteiro da ría do Burgo CC-BY-SA ElBuhonº30
Presentación do programa do PP para as europeas © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.