Denuncian "verteduras sistemáticas" de augas industriais en Ribeira polo mal funcionamento da estación depuradora

Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Ribeira © Acuaes

A entidade ecoloxista Verdegaia e o colectivo de persoas afectadas pola EDAR de Ribeira difundiron os resultados do informe de Auditoría encargado por Augas de Galicia en relación ao funcionamento desa instalación, moi criticada nos últimos anos polo seu funcionamento. Verdegaia denuncia "graves irregularidades" e a existencia de "vertidos sistemáticos" de augas industriais do polígono de Xarás á rede de saneamento urbana. Unha eivas "que non parecen moi razoables nunha infraestrutura que leva tan pouco tempo en funcionamento".

A auditoría destaca que a temperatura dese vertido e a súa cor "son claros indicadores da súa orixe industrial"

Verdegaia lembra que "todos os documentos oficiais" relacionados coa EDAR subliñan que a instalación "está proxectada para auga urbana, e non para augas industriais". "Está claro que, por como se deseñou a EDAR e polas consecuencias negativas que os efluentes de residuos industriais teñen sobre o seu funcionamento, estes non deben ir á rede urbana", sinala a entidade.

As gráficas de alivios "evidencian" que os vertidos "non son un feito ocasional, senón que se trata dun vertido sistemático"

Porén, a auditoría realizada por Adantia destaca que tanto a temperatura dese vertido (anómala para unha rede de saneamento urbano, segundo as propias palabras do equipo técnico que elaborou o informe) como a súa cor "son claros indicadores da súa orixe industrial", salienta Verdegaia. A entidade presenta tamén gráficas que "evidencian" que os vertidos "non son un feito ocasional, senón que se trata dun vertido sistemático".

Segundo os rexistros realizados polo sistema e analizados polo equipo que levou a cabo a auditoría, os alivios teñen lugar frecuentemente: ata maio houbo unhas 10 horas de alivio diarias, e a partir de aí oscilaron entre 14 e 18. A ausencia de alivios en domingos e festivos, así como durante o intervalo entre o 24 de decembro e o 6 de xaneiro, ratifica "sen deixar lugar a dúbidas" que os vertidos proceden da actividade industrial, destacan os colectivos denunciantes.

Horas de alivio diarias na EDAR de Ribeira © Verdegaia

Verdegaia pregúntase "se Augas de Galicia e o Concello de Ribeira están consentindo na irregularidade e mirando para outro lado"

Para Verdegaia, "é inaceptable que se estean producindo este tipo de vertidos, que comprometen o bo funcionamento da instalación". E pregúntase "se Augas de Galicia e o Concello de Ribeira están consentindo na irregularidade e mirando para outro lado, ou están actuando de xeito neglixente na súa función de supervisar que se cumpra o establecido para eses vertidos".

"Mentres os residuos industriais sigan sen depurar en orixe, e indo para onde non deben, os problemas na instalación vanse suceder", advirte a entidade, que conclúe que "cómpre determinar quen autorizou esa “chave de paso” para que as industriais pasen ao sistema xeral, quen deu permiso para que o alivio de industriais á rede (que podería ser entendible como algo ocasional) se produza de maneira sistemática; e que medidas se van tomar desde o Concello e desde Augas de Galicia para restituír a situación".

Solicítanlles aos partidos políticos do concello de Ribeira "que non acepten o traspaso da infraestrutura a mans municipais en tanto non se solucionen as múltiples eivas contidas no informe"

De igual xeito, o colectivo de persoas afectadas pola EDAR de Ribeira afirma que "a presenza de augas industriais na rede urbana é grave porque trae consigo un inadecuado funcionamento da infraestrutura, limitando a capacidade das instalacións para levar a cabo a depuración dunha maneira axeitada e contribúe ao deterioro do equipamento da EDAR". Ademais, destaca que "estes alivios de augas residuais industriais, cargan os pasivos ambientais desas industrias sobre a cidadanía de Ribeira e o seu medio natural".

O colectivo solicítalles aos partidos políticos do concello de Ribeira "que non acepten o traspaso da infraestrutura a mans municipais en tanto non se solucionen as múltiples eivas contidas no informe realizado por Adantia". Así mesmo, pídenlles "que insten ao goberno municipal a aclarar a presenza (claramente irregular) de augas industrias nas instalacións" e "que insten ao goberno municipal e a Augas de Galicia a corrixir esa gravísima eiva e a tomar tódalas medidas necesarias para garantir que os residuos industriais van para o destino previsto para eles: a decantadora de Touro".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.