Feijóo pide o voto "a quen nalgún concello vota ao PSOE pero non está de acordo con que goberne co populismo"

Feijóo nun mitin en Santa María de Cesar, en Santiago, o 5 de xullo de 2020 © PP

“Para quen di que o rural galego está baleirado, eu recoméndolle que visite o rural de Santiago”, di a deputada Paula Prado

“As vitorias non se logran nas enquisas”. Este domingo, no día das últimas enquisas da campaña, que lle dan unha ampla maioría absoluta, a mensaxe transversal de Feijóo en todos os mitins, máis alá do sectorial sobre pesca que deu pola mañá tamén en Santiago, foi a da mobilización fronte ao exceso de confianza. “A abstención, non ir ás urnas, é un voto directo ao multipartito”, alertou, antes de pedir aos seus que pidan o voto a todo o mundo: “Ao mellor hai xente que nalgún concello vota ao PSOE, pero non está de acordo con que goberne co populismo; a esa xente hai que pedirlle o voto”, dixo.

Paula Prado intervén no mitin de Santa María de Cesar, no rural de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

A última hora da tarde, en Santa María de Cesar, parroquia rural do norte de Santiago, baixo unha carballeira preto do río Tambre -“este lugar tan fermoso, este lugar tan galego”, segundo o definiu Feijóo- antes do candidato popular interveu a deputada Paula Prado, a mesma que hai catro anos, cinco días antes das eleccións de 2016, alertaba de que “a proposta que teñen as mareas de Podemos para o rural é expropiar as fincas que non se traballen”. Desta volta a súa mensaxe para o rural foi para os que non viven nel: “Para quen di que o rural galego está baleirado, eu recoméndolle que visite o rural de Santiago”, dixo a 15 quilómetros da praza do Obradoiro. Prado tamén quixo saír en defensa do empresariado, en xeral, asegurando que “nós non imos criticar os empresarios como fan outros”. 

Feijóo advertiu de que haberá crise económica durante moito tempo malia que “a todos nos deron un 'trankimazin', que son os ERTEs, como cobramos o 75% malo será”

Sen estar presente na intervención de Prado, xa que chegou tarde doutro mitin previo en Lalín, Feijóo incidiu na liña da súa compañeira de partido e fusionou os mundos empresarial e rural asegurando que traballa para “que se poida vivir no rural e do rural”, facendo fincapé nesa segunda parte e enumerando todo tipo de datos de produción vinícola, láctea ou pesqueira. Tamén asegurou que haberá crise económica durante moito tempo malia que “a todos nos deron un trankimazin, que son os ERTEs, como cobramos o 75% malo será”, dixo, para advertir de que unha vez que rematen estes será o mundo empresarial e non o Goberno central o que terme da economía.

Pero o foco do seu discurso non foi o rural nin a economía senón a mobilización, o tema ao que dedicou máis tempo. Pero pedindo pouco tempo aos seus. “Prestémoslle quince minutos a Galicia para gañar catro anos, non hipotequemos catro anos por un día de relaxación”, reclamou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.