Rajoy encabezou o PP cinco veces para ser presidente só en 2011 e 2016, mentres que Fraga fracasou en tres ocasións e Feijóo terá agora a súa segunda oportunidade
As eleccións xerais convocadas para o 29 de novembro serán as segundas nas que Alberto Núñez Feijóo é o candidato do PP á presidencia do Goberno de España. Pero serán as décimas eleccións xerais, das 16 celebradas desde a volta da democracia, en que a dereita estatal conte cun galego como o seu candidato. Porén, só un deles foi quen de facerse posteriormente coa presidencia, en dúas ocasións: Mariano Rajoy en 2011 e 2016, tras fracasar noutras tres ocasións.
Manuel Fraga en 1979, 1982 e 1986
As primeiras eleccións xerais tras a aprobación da Constitución foron o 1 de marzo de 1979. Gañounas Adolfo Suárez coa UCD, que se declaraba de centro pero aglutinaba diversas familias da dereita. Boa parte das restantes, as que non tiñan problema en declararse abertamente de dereitas, impulsadas por destacados cargos do franquismo, agrupáronse en Coalición Democrática e puxeron á súa fronte como candidato a un ex-ministro da ditadura, Manuel Fraga, presidente tamén dun dos partidos que conformaban a coalición, Alianza Popular. Fraga obtivo naqueles comicios un 6% do voto total e deu a Coalición Democrática 10 dos 350 escanos do Congreso dos Deputados.
Fraga volveu ser o candidato de Alianza Popular en 1982 e de Coalición Popular en 1986, comicios nos que o afundimento de UCD o deixaron como claro líder da dereita española. Nas dúas convocatorias, gañadas por Felipe González, Fraga obtivo unha similar porcentaxe do 26% do voto total e 107 e 105 escanos respectivamente.
En 1989 Fraga volvería a Galicia, a obter catro maiorías absolutas consecutivas, e Alianza Popular refundábase como Partido Popular poñendo á súa fronte a José María Aznar, madrileño de nacemento pero coa súa carreira política desenvolvida ata aquel momento en Castela e León. Aznar foi candidato en catro ocasións, logrando en dúas delas a presidencia do Goberno de España.
Mariano Rajoy en 2004, 2008, 2011, 2015 e 2016
O mellor resultado de Fraga foron 107 escanos, o de Rajoy 186 e Feijóo quedou en 137 en 2023
Cando decidiu retirarse, Aznar designou como sucesor a outro galego que marchara de Galicia había anos, o seu ata daquela vicepresidente Mariano Rajoy, que foi candidato en cinco eleccións xerais. Nas dúas primeiras, en 2004 e 2008, perdeu ante José Luis Rodríguez Zapatero, pero a súa capacidade de resistencia levouno a unhas terceiras, en 2011, nas que recuperaría o poder para a dereita coa maior porcentaxe de votos (44,6%) e número de escanos (186) obtidos nunca.
Nas súas cuartas xerais, en decembro de 2015, Rajoy foi incapaz de revalidar a maioría absoluta e rexeitou negociar con outras formacións para tentar formar goberno. Iso levou a unha nova convocatoria medio ano máis tarde, en xuño de 2016, na que mellorou lixeiramente os resultados e logrou ser investido presidente grazas á abstención do PSOE. Pero non remataría a lexislatura e deixaría La Moncloa como o primeiro presidente do Goberno de España expulsado por unha moción de censura, a impulsada por Pedro Sánchez en 2018 tras coñecerse as condenas do caso Gürtel de corrupción no PP.
No PP Rajoy foi sucedido en 2018, ante a negativa de Feijóo a presentarse a unhas primarias, por Pablo Casado, nacido en Palencia, que nas seguintes xerais, as de abril de 2019, faría retroceder o PP a niveis do primeiro Fraga, con menos do 17% dos votos e 66 escanos. Foi o resultado da explosión dunha nova formación, Ciudadanos, que se dicía de centro pero que se alimentaba de máis votos da dereita que da esquerda e que obtivo 57 escanos, pero que non soubo pactar para sobrevivir. Aqueles comicios tamén tiveron que repetirse, en novembro do mesmo ano, para que, unha vez afundido Ciudadanos a só 10 escanos, Sánchez acabase acordando con Unidas Podemos o primeiro goberno de coalición desde a Segunda República.
Neses segundos comicios en menos dun ano Casado melloraría algo a situación do PP, pero non lle bastou para fortalecerse ante os baróns do seu partido, que a comezos de 2022 decidiron prescindir del no seu enfrontamento coa madrileña Isabel Díaz Ayuso e entregarlle o control a Feijóo.
Feijóo en 2023 e 2026
Fronte á presenza anecdótica dos primeiros anos da democracia, desde 2019 a dereita ten competencia á súa dereita con Vox
Feijóo fíxose coa presidencia do PP a comezos de 2022 e en xullo de 2023 afrontou as súas primeiras eleccións xerais como candidato. Foi o máis votado co 33% dos votos e 137 escanos, recuperando o PP dos malos resultados de Casado e devolvéndoo aos niveis onde o deixara Rajoy. Pero non foi quen de lograr os apoios parlamentarios necesarios para gobernar máis alá dos de Vox, Unión del Pueblo Navarro e Coalición Canaria.
Agora, tres anos e medio despois, Feijóo volve ser o candidato do PP na décima ocasión en que un galego encabeza a dereita estatal en 16 eleccións. Pero, a diferenza dos primeiros anos da democracia, desde 2019 hai máis competencia á dereita da dereita. Se en 1979 Blas Piñar obtiña un único escano que perdía en 1982, nas primeiras eleccións de 2019 Vox obtivo 24 escanos, dobrounos nos segundos comicios xerais de finais de aquel ano con 52 escanos e mantívose en 33 escanos en 2023. Así que se Feijóo consegue gobernar, ademais de ser o segundo galego en facelo tras Rajoy pode ser tamén o primeiro que presida un goberno de coalición da dereita coa extrema dereita.