O Goberno galego, que tenta manter no centro da axenda poítica as subvencións ao transporte en coche privado, somete a exposición pública un documento que aspira a reducir en 2040 un 30% as emisións contaminantes e un 80% as mortes
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou este martes no Diario Oficial de Galicia o inicio da exposición pública da Estratexia Galega de Mobilidade, un documento co que o Goberno galego aspira a “reducir un 30% as emisións contaminantes e o 80% as vítimas mortais asociadas ao transporte no 2040”. A estratexia é lanzada mentres o Goberno galego tenta manter no centro da axenda política as subvencións ao transporte en vehículo privado (peaxes, axudas á compra ou combustibles) e despois de que veña de adxudicar por 10 anos as concesións dos buses interurbanos de ámbito galego.
A Xunta resistiuse a reorganizar as liñas de bus interurbano existentes en Galicia ata que así llo impuxo en 2016 o Tribunal Supremo, que anulou a prórroga dos servizos e concesionarios preexistentes que o Goberno galego decidira en 2010. O proceso de renovación, que supuxo a reorganización de todo tipo de liñas tanto de transporte regular como escolares, deuno por rematado a Xunta para as primeiras hai agora dous anos e para as segundas hai un ano, aínda que seguen a rexistrarse problemas por toda Galicia entre críticas de cidadanía e oposición que acusan o Goberno galego de mirar para outro lado ante os incumprimentos da principal concesionaria, Monbus.
Neste contexto, coas liñas de autobús comprometidas no fundamental das súas rutas ata 2030, a Xunta presentou este martes a Estratexia Galega de Mobilidade, que vai máis alá do transporte regular pero que aspira a ter neste un dos seus principais soportes. Unha declaración de intencións que chega ao tempo que o Goberno galego ou o PP veñen apostando por máis rebaixas de peaxes, subvencións dos combustibles e mesmo axudas á compra de vehículos privados, ata o punto de que hai tres anos o daquela aínda presidente Feijóo anunciou novas subvencións para ese fin nun acto de inauguración dunha senda peonil.
Segundo a Xunta, a nova estratexia busca un “modelo integral de mobilidade” baseado “nunha rede de transporte interurbana onde as conexións se planifiquen e complementen os dous grandes modelos de mobilidade en Galicia: a urbana e a rural”. O documento, di o Goberno galego, pon o foco nun “concepto clave”, a “redución de desprazamentos: achegando os servizos aos cidadáns, con teletraballo e coas novas tecnoloxías”.
A Xunta di apostar por un "modelo integral de mobilidade" despois de que Feijóo anunciase axudas para mercar coches na inauguración dunha senda peonil
A estratexia ten cinco grandes obxectivos: unha mobilidade máis funcional, garantir a sustentabilidade ambiental, incrementar a seguridade, apostar pola innovación e abaratar os custos da mobilidade. E abarca medidas desde a creación de “camiños escolares seguros” ata a implantación de códigos QR nas marquesiñas que permitan a quen teña e saiba usar un teléfono móbil coñecer as liñas e frecuencias desa parada aínda que vaian mudando.
A Xunta di estar aberta a recibir todo tipo de propostas que incorporará ao documento cando as considere viables para aprobar a súa nova estratexia no Consello da Xunta “previsiblemente na primeira quincena de xuño”.