O 2025 rematou con 16.331 persoas dadas de alta no servizo e pagando a subscrición anual de 40 euros. Un 17% máis que en 2024. Outras 9.949 subscribíronse de forma ocasional (pagaron algún mes)
Algo está a pasar na Coruña. Unha verdadeira revolución que está a mudar a forma en que a súa poboación se move pola cidade e que é evidente só con percorrer as súas rúas un día calquera. Cada vez máis coruñeses e coruñesas usan a bicicleta para desprazarse, especialmente as bicis do servizo municipal Bicicoruña. As súas cifras son incontestables: o ano 2025 rematou con 16.331 persoas dadas de alta no servizo e pagando a subscrición anual de 40 euros. Isto significaría que preto do 6,5% da poboación da Coruña é usuaria de Bicicoruña.
Mesmo se parte dos usuarios e usuarias son estudantes ou traballadores non empadroados na cidade, a cifra resulta impresionante. A este dato mesmo poderíanse engadir as 9.949 persoas que o pasado ano se subscribiron de forma ocasional algún mes (cun custo de 10 euros). O número de usos totais (viaxes) roldou os 1,73 millóns, unha media de 4.742 cada día.
O número de usos totais (viaxes) roldou os 1,73 millóns, unha media de 4.742 cada día. A cifra aumentou un 29%
Todos os indicadores amosan un importante incremento en relación ao ano 2024 (13.999 usuarios e 1,34 millóns de viaxes), cun aumento do 17% e do 29%, respectivamente. É dicir, máis persoas dadas de alta e cun uso cada vez máis intenso e frecuente do servizo.
Ningunha localidade galega se achega nin sequera minimamente ao uso que A Coruña fai da bicicleta e os datos de Bicicoruña hai que poñelos en relación cos que rexistran cidades como Barcelona, Madrid, Sevilla, Valencia, Zaragoza ou Donostia, lugares nos que a implantación da bicicleta e dos servizos públicos de alugueiro de bicicletas leva moito máis tempo en marcha.
Os datos de Bicicoruña, sen comparación posible en Galicia, hai que poñelos en relación cos que rexistran cidades como Barcelona, Madrid, Sevilla, Valencia, Zaragoza ou Donostia, lugares nos que a implantación da bicicleta e dos servizos públicos de alugueiro leva moito máis tempo en marcha
Bicicoruña é unha historia de éxito e de aposta continuada por un novo modelo de mobilidade. As cifras e a resposa da cidadanía avalan a aposta e confirman que cando o servizo e a infraestrutura existen (unha ampla rede de vías ciclables e un número elevado de estacións e bicicletas) a xente opta masivamente por usar a bicicleta, sen que a chuvia (que en París ou Amsterdam non é un obstáculo) ou as costas (a maior parte das bicis de Bicicoruña son xa eléctricas) supoñan un impedimento.
Esta semana, na presentación do balance do ano 2025 a alcaldesa Inés Rey subliñou a este respecto que “A Coruña é unha cidade que pedalea. Este goberno apostou desde o principio pola sustentabilidade. Por un modelo coa mirada posta no futuro, máis ecolóxico e máis verde. Os cidadáns e as cidadás apóiannos nisto. A proba é o inmenso éxito de Bicicoruña nos últimos anos, un servizo polo que sentimos moito orgullo”.
"O servizo municipal naceu como un sistema deseñado para o ocio, mais conseguimos convertelo nunha rede útil para o transporte que hoxe empregan para os desprazamentos de traballo milleiros de persoas”, destacou esta semana a alcaldesa, Inés Rey
“Hoxe A Coruña é unha cidade que tamén se move en bici e que é un referente en España nesta modalidade de transporte. O servizo municipal naceu como un sistema deseñado para o ocio, mais conseguimos convertelo nunha rede útil para o transporte que hoxe empregan para os desprazamentos de traballo milleiros de persoas”, engadiu a rexedora, incidindo en que, efectivamente, a bicicleta é hoxe na Coruña un medio de transporte para o día a día.
Cómpre lembrar que A Coruña é a cidade galega que máis pedalea e tamén, segundo os datos do INE, a que máis emprega o transporte público. É, igualmente, a urbe da que máis persoas entran e saen en coche todos os días, á espera de melloras no transporte metropolitano, especialmente no tren de proximidade. De momento a bicicleta está xa transformando os desprazamentos internos. Unha revolución que chegou para quedar e que cambiou a cidade para sempre.
A rede de vías ciclables comezou a medrar e hoxe chega a 45 quilómetros en todo o termo municipal. Tamén o fixo o número de estacións: das 24 existente en 2022 pasouse a 79 na actualidade
Bicicoruña é un servizo que existe dende o ano 2009, como amosaba o primeiro gráfico, pero que durante máis dunha década non pasou dos tres mil usuarios activos e das 200.000 viaxes anuais. Ata hai uns anos os carrís-bici (fóra do que acompañaba parte do Paseo Marítimo) eran case inexistentes e o número de estacións (os lugares nos que se collen e deixan as bicicletas) era moi pequeno (apenas unha decena nos primeiros anos), polo que non constituía un servizo realmente útil para a maioría da poboación.
A rede de vías ciclables comezou a medrar e hoxe chega a 45 quilómetros en todo o termo municipal, unindo co centro e entre si todos os barrios da cidade. Tamén o fixo o número de estacións: das 24 existente en 2022 pasouse a 35 en 2023 e 49 en 2024. Na actualidade son xa 79 e o seu número medrará ata as 85 nos vindeiros meses. Tamén medrou o número de bicicletas dispoñibles, que hoxe son 650, 410 delas eléctricas.
A elevada demanda do servizo provoca algunhas eivas e críticas dos usuarios: a cidadanía esixe máis estacións, máis bicicletas ou a posibilidade de facer desprazamentos a outros concellos
O sistema presenta algunhas eivas, que en ocasións dan lugar a críticas dos usuarios, e ten posibilidade de mellora. Pero mesmo estas críticas son resultado do éxito do modelo: a xente quere máis estacións preto de onde vive, estuda ou traballa, quere máis bicicletas (nas horas de maior intensidade de uso hai veces que se esgotan) e un horario ampliado (na actualidade pódense usar ata as dúas da madrugada e a partir das 6 da mañá).
Nos últimos días o BNG anunciou a presentación dunha moción que incide nestes puntos e tamén na posibilidade de que o servizo permita desprazarse aos concellos da área metropolitana ou na petición de que se elimine o tempo obrigatorio de cinco minutos de espera para coller unha nova bici despois de ter deixado outra nunha estación.
Outubro de 2025 marcou o récord de usos (máis de 200 mil en todo o mes) e tamén o día con máis viaxes (8.332 o día 10)
O aumento no número de estacións a partir de 2022 e a adquisición de bicis eléctricas levaron á multiplicación nas cifras de usuarios e viaxes. Os pouco máis de tres mil aboados de 2021 convertéronse en 7.589 en 2022 e en 13.669 en 2023. Hoxe son máis de 16 mil. De igual xeito, as 172 mil viaxes de 2021 (aínda cos efectos da pandemia) pasaron a ser 329 mil en 2022 e 1,2 millóns en 2023. En 2025 foron máis de 1,72 millóns.
Os datos por meses das viaxes nos dous últimos anos amosan un crecemento sostido ao longo de 2024 e 2025 e un maior uso no tempo inmediatamente posterior ao verán (setembro marcou o máximo en 2024 e outubro fíxoo en 2025). O pasado ano, despois do récord acadado en outubro -máis de 200 mil viaxes- as cifras de novembro e decembro descenderon un chisco, pode que afectadas pola sucesión de días de treboada e alertas meteorolóxicas, pero en todo caso rexistraron valores moi superiores ás dos anos anteriores.
Os días 9, 10, 14, 15 e 16 de outubro do pasado ano 2025 marcaron, ademais, os récords diarios de viaxes realizadas en Bicicoruña, máis de oito mil cada día, amosando ademais que o seu uso é maior de luns a venres e fóra de festivos e meses vacacionais.
As estacións con máis bicicletas recollidas ou devoltas son as do centro da cidade, pero tamén as áreas de Riazor, Orzán ou Catro Camiños rexistran cifras moi elevadas, o mesmo que os barrios residenciais
Os datos de uso de cada estación ao longo do ano 2025 amosan tamén varias realidades. As estacións con máis bicicletas recollidas ou devoltas son as do centro da cidade, que concentra por razóns de traballo, compras, xestións ou ocio os desprazamentos dos residentes en calquera lugar do termo municipal. Así, Praza de Pontevedra, Obelisco e Porta Real rexistran os valores máis elevados.
Pero a Coruña ten moitos centros e tamén as áreas de Riazor/Cidade Escolar (Casa da Auga, Praza de Portugal), Orzán (Casa de Sol), Catro Camiños (Praza de Tabacos) suman un número moi elevado de viaxes de ida ou volta.
Nos primeiros lugares da lista aparecen igualmente estacións situadas nos barrios residenciais e populares, coma a do Miradoiro dos Castros, Os Rosales, Centro Cívico de Monelos, Praza Indalecio Prieto (Monte Alto), Praza de San Rosendo (Sagrada Familia), Parque de Santa Margarida, Parque de Oza, Durmideiras, Ventorrillo ou Matogrande.