A Coruña monta na bici: 15.000 usuarios e 5.500 viaxes ao día no servizo municipal

Usuarios de BiciCoruña no paseo marítimo da Coruña CC-BY-SA Concello da Coruña

O servizo municipal de bicicletas da Coruña continúa a bater récords. Bicicoruña vén de superar por primeira vez as 15.000 persoas usuarias e alcanzar un máximo histórico que tamén se deu no rexistro de usos diarios. Foi o pasado 26 de xuño cando na cidade houbo máis de 7.000 viaxes nunha mesma xornada, superando as 6.330 que se deran nun só día do outono de 2023. 

BiciCoruña bateu récords no mes de xuño: superou os 15.000 usuarios e houbo máis de 7.000 viaxes nun só día

Estas e outras cifras foron expostas este luns pola alcaldesa, Inés Rey, e mais pola concelleira de Mobilidade, Noemí Díaz, que atribuíron o éxito deste servizo, fundamentalmente, á completa renovación que se lle deu hai agora tres anos, en xullo de 2022, logo de que o anterior goberno municipal da Marea Atlántica apostase pola mobilidade en bicicleta como receptora dunha importante axuda da Unión Europea que supuxo tamén un pulo fundamental.  

Bicicletas municipais nunha base de BiciCoruña CC-BY-SA Concello da Coruña

Lonxe quedan os inicios da posta en marcha dun servizo do que se fan hoxe xusto 16 anos. O 15 de xullo de 2009, con Javier Losada como alcalde, botaba andar Bicicoruña, con apenas 150 vehículos —todos eles mecánicos—, dez estacións e unha escasa rede ciclable ou con carril bici limitada a unha parte do paseo marítimo. 

BiciCoruña naceu hai 16 anos, con 150 bicicletas, 10 estacións e 2.500 usuarios; hoxe ten 400 vehículos, 49 bases e 15.000 clientes

Nesta altura, son arredor de 400 o número de bicicletas (boa parte delas eléctricas, factor clave no incremento de persoas usuarias) e 49 as estacións operativas, 13 máis que se prevé que estean activas este ano e a cifra de 80 como obxectivo "a curto ou medio prazo", tal e como expresou a rexedora. 

En canto ao número de coruñeses usuarios, alcanzáronse os 2.500 naqueles primeiros inicios en 2009 e houbo mesmo algún descenso nos anos seguintes, sendo agora seis veces máis, uns 15.000, o que supón que o 6% da cidadanía conta co abono para o uso das bicicletas municipais

O salto definitivo deuse en 2022 coa chegada das bicicletas eléctricas e a renovación integral dun servizo que tiña antes desa reforma 23 estacións que agora dobra. Os 5.000 usuarios daquela pasaron en 2023 a superar os 13.000 e en setembro dese ano superáranse os 140.000 usos mensuais por primeira vez. Neste pasado mes de xuño, e tamén por primeira vez, pasouse dos 160.000: houbo case 165.000 viaxes en bicicletas municipais, unha medida de arredor de 5.500 ao día

Dúas persoas usuarias de BiciCoruña CC-BY-SA Concello da Coruña

56 km de rede ciclable

Ao aumento de bicicletas e estacións e da frota de eléctricas engádeselle outro factor fundamental no auxe do uso deste servizo na Coruña: o incremento dos tramos de carril bici (separados do resto da circulación e máis seguros ) ou de ciclocarrís na propia calzada. Esta rede ciclable pasou dos 23 quilómetros de 2019 aos 56, máis do dobre, da actualidade. 

"Non habería tantas persoas movéndose en bicicleta pola cidade se non se ampliasen as infraestruturas para facelo", destaca a alcaldesa, Inés Rey, que avanzou que algunhas das novas bases que serán postas en funcionamento nos vindeiros meses funcionarán con enerxía solar e serán "100% autosostibles". 

Ademais, a rexedora destacou que o uso de BiciCoruña evitou a emisión de 408 toneladas de CO2 á atmosfera no primeiro semestre do ano. No 2024, foron 705. "Se conseguimos, pouco a pouco, incrementar esta cifra, estaremos poñendo o noso gran de area para mellorar a cidade e, pensando en colectivo, tamén o noso planeta", concluíu Rey.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.