A finais do pasado ano Galicia superou os dous mil puntos de recarga en rúas e estradas, un 20% máis que o ano anterior. Porén, o ritmo de crecemento foi inferior á media española, o que sitúa Galicia como a segunda comunidade autónoma con peor infraestrutura de recarga de vehículos electrificados
A economía está a se electrificar. Trátase dun proceso irreversible e que avanza ano a ano, pero que aínda ten un longo camiño por diante. Unha economía que substitúa as fontes enerxéticas fósiles e contaminantes, coma o petróleo e o gas, non só axuda a reducir as nocivas emisións de CO2, senón que se beneficia do menor custo da electricidade no Estado español froito do desenvolvemento das renovables. Prezos que, ademais, non dependen dos cambios da situación internacional, como estamos a ver nas últimas semanas coa guerra de Irán.
Un dos sectores que consome máis enerxía e que, ademais, contamina máis, é o do transporte, que segue a empregar maioritariamente os produtos derivados do petróleo. A transición aos vehículos eléctricos está a avanzar a un ritmo alto: en 2025 vendéronse no conxunto de España 225.616 turismos electrificados, case o dobre que o ano anterior; a metade foron totalmente eléctricos e a outra metade híbridos enchufables. A cifra case iguala a dos vehículos diesel vendidos (256.906) pero seguiu lonxe da dos coches de gasolina (324.596) e híbridos non enchufables (484.416).
O obxectivo da UE é que todos os coches que se vendan a partir de 2035 sexan eléctricos, prohibindo a venda de novos vehículos de combustión a partir dese ano. O obxectivo, a unha década da data límite, semella moi afastado.
A rede de puntos de recarga medra nas zonas urbanas (nun ano pasou de 708 a 787, un 11% máis) pero sobre todo nas estradas interurbanas (de 1.002 a 1.276, un 27% máis). Tan só 180 teñen unha potencia superior aos 150 kW
Hai, polo tanto, moita marxe de mellora nun país no que a inmensa maioría do parque de vehículos aínda se move con gasolina e no que moitos condutores aínda non se deciden a mercar un coche eléctrico, cun peso no mercado moi inferior ao doutros países europeos, dende Noruega (o 95% dos vehículos vendidos en 2025 foron totalmente eléctricos) ata a mesma Portugal (máis do 30%). Unha das razóns aludidas, seguramente a principal, é a falta da necesaria infraestrutura de recarga, tanto nas casas coma, sobre todo, nas rúas e estradas.
Aquí tamén se está a avanzar en España, pero de novo moito máis lentamente que noutros países do continente. E en Galicia a situación é aínda peor. Segundo os datos da Asociación Española de Fabricantes de Automóbiles e Camións (ANFAC), en Galicia estaban en funcionamento no remate de 2025 algo máis de dous mil puntos públicos de recarga, un 20,6% máis que o ano anterior.
A cifra leva anos en ascenso (os catro últimos anos medrou o 52%, o 59%, o 56% e o 21% pero trátase dunha cantidade claramente insuficiente, e máis se temos en conta que na súa maioría ofrecen potencias de carga reducidas, o que ralentiza moito o proceso. Ademais, no último ano o ritmo de crecemento foi inferiro á media do Estado.
En 2025 vendéronse no conxunto de España 225.616 turismos electrificados, o 18% do total e case o dobre que o ano anterior; a metade foron totalmente eléctricos e a outra metade híbridos enchufables
A rede de puntos de recarga medra nas zonas urbanas (nun ano pasou de 708 a 787, un 11% máis) pero sobre todo nas estradas interurbanas (de 1.002 a 1.276, un 27% máis). Aumentan os puntos de recarga cunha potencia superior a 150 kW, que permiten cargar por completo un vehículo en menos de 27 minutos (de 113 a 180) e os puntos entre 50 e 150 kW (que cargan por completo un coche entre 27 e 80 minutos), que pasan de 543 a 597.
Hai catro anos a Asociación Española de Fabricantes de Automóbiles e Camións (ANFAC) e a patronal dos concesionarios (Faconauto) presentaron unha proposta de despregamento de puntos de recarga de acceso público para vehículos electrificados que inclúe a instalación ata o ano 2030 de 16.426 puntos en Galicia. Un obxectivo, de novo, que fica moi lonxe.
No indicador sobre o avance da infraestrutura de recarga en cada territorio, Galicia aparece con 9,7 puntos na penúltima posición, superando unicamente a Andalucía
A Asociación Española de Fabricantes de Automóbiles e Camiónes (Anfac) publica un Barómetro da electromobilidade, que mide o nivel de penetración dos vehículos electrificados e eléctricos puros e o nivel de desenvolvemento das infraestruturas de recarga.
Neste barómetro inclúese un indicador sobre o avance da infraestrutura de recarga en cada territorio. Este índice, en base 100, sitúa a media da UE en 25,2 puntos e a media española en 13,2 puntos, polo tanto moi lonxe. Galicia aparece con 9,7 puntos na penúltima posición, superando unicamente a Andalucía. Países Baixos (98,1 puntos) ou Noruega (73,7) encabezan a lista, na que o Estado español se sitúa nos últimos lugares, lonxe da media europea, pero tamén dos datos de Portugal (18 puntos).
As razóns da lenta implantación dos eléctricos no Estado
Son varios os factores que explican a lenta implantación do coche eléctrico en España. Por unha banda, a escasa contía das axudas públicas, inferiores ás ofrecidas por outros países, por exemplo Portugal. Tamén o reducido entusiasmo das grandes marcas tradicionais e das súas redes de concesionarios en promocionar os vehículos eléctricos.
Ademais, xoga en contra o escaso desenvolvemento da rede de puntos públicos de recarga, cun número semellante ao existente en Portugal ou Países Baixos, territorios cunha superficie moi inferior. Ademais, estes puntos non sempre teñen unha potencia elevada (que reduce o tempo de recarga) e a rede atópase moi fragmentada entre distintos operadores, o que obriga a contar cun gran número de apps instaladas no móbil, a diferenza do que sucede en Portugal, cunha rede universal.
Hai, así mesmo, outros elementos estruturais ou políticos que afectan negativamente á implantación do coche eléctrico en España. O estrutural é a maior proporción de persoas que en España viven en edificios comunitarios (en pisos), moi superior á media da UE, o que dificulta a instalación de puntos de carga nos garaxes. O político é a campaña negativa que contra os vehículos eléctricos leva a cabo a dereita política e mediática, que converteu a crítica á transición enerxética nun dos seus cabalos de batalla.