A nova 'excepción Ibérica': as renovables reducen o prezo da electricidade na Península

Evolución diaria en marzo do prezo da electricidade en cinco países europeos sobre dous exemplos de fontes renovables © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Kenueone

A diferenza no prezo da electricidade entre a Península Ibérica e a maior parte de Europa explícase pola aposta de España e Portugal nos últimos anos polo uso de fontes renovables para a produción eléctrica e a súa cada vez menor dependencia das importacións de gas fósil

A guerra iniciada polos Estados Unidos e Israel en Irán provocou a escalada do prezo do petróleo e do gas, co consecuente incremento do custo dos carburantes (paliado grazas ás rebaixas fiscais aprobadas polo Goberno do Estado) pero non afectou demasiado ao prezo da electricidade (igualmente bonificada polas medidas adoptadas polo Executivo). Cando menos en España e Portugal, pois noutros países europeos o prezo da luz si que se disparou nas últimas semanas.

Como é isto posible? A diferenza no prezo da electricidade entre a Península Ibérica e a maior parte do resto do continente explícase pola aposta de España e Portugal nos últimos anos polo uso de fontes renovables para a produción eléctrica e a súa cada vez menor dependencia das importacións de carbón (xa completamente eliminado) e gas fósil. Se en 2022, na crise provocada pola Guerra de Ucraína que disparou o prezo do gas, estableceuse unha excepción ibérica, grazas á que en España e Portugal os custos foron moi inferiores, agora de novo ambos países fican a salvo de parte dos prexuízos provocados por outro conflito armado.

En cada país funciona o denominado pool eléctrico, un mercado maiorista no que en cada momento achegan a electricidade xerada os distintos produtores e fontes, que entra -de menor a maior prezo- ata cubrir a demanda existente en cada momento. Isto é, primeiro entran as enerxías máis baratas (as renovables: solar, eólica e outras), despois a nuclear e ao final, só se a demanda non se cubriu coas anteriores, entran as máis caras, entre a que están os ciclos combinados de queima de gas. 

Cando toda a demanda se cobre con enerxía renovable, o prezo é moi reducido (en ocasións mesmo é cero ou chega a ser negativo), pero cando se necesita que entre o gas, o prezo dispárase

Para decidir o que se cobra aos consumidores (e se paga aos produtores) emprégase en toda Europa una sistema común marxinalista polo cal o prezo final en cada momento se fixa en función do custo da derradeira fonte enerxética que entrou no pool. Dito doutro xeito: cando toda a demanda se cobre con enerxía renovable, o prezo é moi reducido (en ocasións mesmo é cero ou chega a ser negativo), pero cando se necesita que entre o gas, o prezo dispárase. Os países como España e Portugal que durante varias horas ao día cobren toda a súa demanda con renovables teñen prezos moi baratos, os países que dependen do gas teñen prezos moito máis altos.

Se ollamos para a evolución dos prezos durante o mes de marzo (os EUA e Israel iniciaron os seus ataques o 28 de febreiro) vemos como os prezos medios da electricidade en España e Portugal se situaron case todos os días moi por debaixo dos de Alemaña e Italia (e tamén dos de Países Baixos, Bélxica, Grecia ou Polonia). Unicamente Francia se achega (pero a moita distancia) aos niveis dos países ibéricos, xa que a súa gran produción nuclear tamén libera o país galo da dependencia do gas, cun prezo disparado nas últimas semanas. Tan só nuns poucos días do inicio de mes os prezos en España e Portugal medraron de forma importante pola conxunción de xornadas de ceos nubrados e pouco vento.

"O que esta nova crise provocada pola guerra dos Estados Unidos en Irán está a poñer de manifesto é que seguimos a ser moi vulnerables á dependencia dos combustibles fósiles e á volatilidade dos seus prezos. É unha razón máis para apoiar as renovables", destaca Xosé Veiras

A situación vivida en marzo non é en realidade excepcional. Durante o último ano os prezos da electricidade en España e Portugal estiveron case sempre moi por debaixo dos de Italia e Polonia e tamén dos de Alemaña, Países Baixos, Grecia ou Bélxica, como se pode ver no segundo gráfico. Tamén dos de Francia, aínda que neste caso as diferenzas son menores. A crecente implantación das enerxías renovables en España e Portugal, grazas ao crecemento da fotovoltaica e da eólica fai prever que esta situación se consolidará aínda máis no futuro. É a razón de que a Península Ibérica está moito menos exposta ás consecuencias negativas da Guerra de Irán do que estivo en 2022 durante o inicio da Guerra de Ucraína. 

O terceiro gráfico amosa as grandes diferenzas existentes entre uns e outros países en relación á orixe da electricidade que producen. Por unha banda temos a España e Portugal, que están entre os países de Europa cun maior peso das renovables: eólica, fotovoltaica e tamén hidroeléctrica, que o pasado ano (os últimos meses de 2025 foron moi chuviosos) foi a máis importantes no país luso. As fontes non renovables representaron o 40% en España (a metade foi nuclear) e o 30% en Portugal.

"Vivimos nun país con dispoñibilidade de fontes abundantes de enerxía renovable e, ademais, nunha economía aínda pouco electrificada. Temos polo tanto unha marxe de mellora moi importante para sermos cada vez menos dependentes e termos cada vez máis autonomía enerxética", di o responsable de OGACLI

En Francia domina a nuclear (70%), que non xera emisións de CO2, pero que non é renovable e ademais fai o país galo dependente das importacións de uranio. As renovables están moi pouco desenvolvidas (achegaron o 26% da electricidade o pasado ano), pero o país apenas recorreu á queima de gas fósil.

No resto dos países incluídos no gráfico o peso das fontes fósiles é moi superior, o que explica o maior prezo que a súa cidadanía e empresas pagan pola electricidade, sobre todo despois de que as sancións a Rusia eliminaron unha opción barata de aprovisionamento de gas. En Alemaña en 2025 o gas achegou o 13% da electricidade e o carbón o 22%. En Italia a queima de gas foi a fonte dominante (38%), o mesmo que nos Países Baixos (37%) e Grecia (45%) e en Polonia segue a dominar o carbón.

Fronte ao importante desenvolvemento que nos últimos anos están a ter as fontes renovables no conxunto do Estado, cun grande aumento da potencia renovable instalada, en Galicia esta potencia renovable leva anos estancada, debido ao parón eólico

"O que esta nova crise provocada pola guerra dos Estados Unidos en Irán está a poñer de manifesto é que seguimos a ser moi vulnerables á dependencia dos combustibles fósiles e á volatilidade dos seus prezos. É unha razón máis para apoiar as renovables", destaca Xosé Veiras, responsable do Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) 

"As razóns medioambientais son as máis importantes, dende logo, pero temos que ter en conta tamén as económicas: vivimos nun país con dispoñibilidade de fontes abundantes de enerxía renovable e, ademais, nunha economía aínda pouco electrificada. Temos polo tanto unha marxe de mellora moi importante para sermos cada vez menos dependentes e termos cada vez máis autonomía enerxética", di.

Como podemos pasar a depender menos do gas fósil? "Con máis renovables, tanto en grandes instalacións coma en autoconsumo, e con máis almacenamento -baterías e as centrais hidroeléctricas reversibles-, que é fundamental para atender os picos de demanda sen necesidade de acender as centrais de ciclo combinado"

O problema é que fronte ao importante desenvolvemento que nos últimos anos están a ter as fontes renovables no conxunto do Estado, cun grande aumento da potencia renovable instalada, en Galicia esta potencia renovable leva anos estancada, debido ao parón eólico.  Galicia segue a ser un territorio cunha importante produción eléctrica renovable (nomeadamente eólica e hidroeléctrica), grazas ao crecemento nas décadas anteriores, pero o pasado ano a xeración descendeu e superou por moi pouco á demanda.

Nos últimos anos Galicia deixou de queimar carbón, pero esta fonte contaminante non só foi substituída por renovables, senón tamén, parcialmente, pola queima de gas fósil nas centrais de ciclo combinado de Sabón e As Pontes que se puxeron en marcha en 2007. Un gas que importamos, sobre todo de Rusia e dos Estados Unidos, importacións dos EUA que o pasado ano bateron o seu récord histórico

Para Veiras, "a solución pasaría por acadar un pacto político e social amplo sobre o desenvolvemento das enerxías renovables, en Galicia fundamentalmente a eólica. Habería que chegar a un consenso sobre canta potencia se considera necesario instalar e de que xeito queremos chegar a ese nivel"

"A introdución do gas fósil fainos dependentes das súas importacións e dos seus cambios de prezo. Ademais, debido á forma en que se calcula o prezo final da electricidade, os aumentos internacionais do prezo do gas levan tamén a un incremento do prezo que pagamos pola electricidade", destaca Veiras, que lembra que "cantas máis horas se necesite o gas para producir a electricidade que consumimos, maior será o prezo final. Canto máis se introduzan as fontes renovables e canto máis peso teñan, menor será o prezo da electricidade, como está a suceder sobre todo en España e Portugal".

Como podemos pasar a depender menos do gas fósil? "Con máis renovables, tanto en grandes instalacións coma en autoconsumo, e con máis almacenamento -baterías e as centrais hidroeléctricas reversibles-, que é fundamental para atender os picos de demanda sen necesidade de acender as centrais de ciclo combinado. Nisto temos un novo desafío para a transición enerxética", responde Veiras, que fai un chamamento a "avanzar na electrificación dos usos finais da enerxía: os usos industriais e o transporte, coa coa xeneralización dos vehículos eléctricos".

Central eléctrica de ciclo combinado a gas fósil de Sabón, propiedade de Naturgy CC-BY-SA Galiza sen Gas

"A planificación enerxética en Galicia é moi elemental e non apunta ningún escenario enerxético para o país a curto, medio ou longo prazo. Non sabemos moi ben o que quere a Xunta, pero tampouco sabemos o que queren a oposición e outros axentes sociais", critica

"Hai unha cuestión moi preocupante, en Galicia e no conxunto do Estado, que é que o peso que a electricidade ten nos usos finais da enerxía está estancado dende hai anos. É un sinal de que non se está a avanzar na electrificación da industria e do transporte. As razóns son variadas, pero hai que sinalar a falta dunha reforma fiscal verde que grave máis os combustibles fósiles e que grave menos a electricidade", alerta.

Para Veiras, "a solución pasaría por acadar un pacto político e social amplo sobre o desenvolvemento das enerxías renovables, en Galicia fundamentalmente a eólica. Habería que chegar a un consenso sobre canta potencia se considera necesario instalar e de que xeito queremos chegar a ese nivel". 

Parque eólico no Concello de Muras © Observatorio Eólico de Galicia

"A planificación enerxética en Galicia é moi elemental e non apunta ningún escenario enerxético para o país a curto, medio ou longo prazo. Non sabemos moi ben o que quere a Xunta, pero tampouco sabemos o que queren a oposición e outros axentes sociais, que cando falan de planificación enerxética nunca poñen números sobre a mesa, e apenas enuncian grandes principios e obxectivos xerais", di. E conclúe: "Un debate enerxético que non fale de números non é un debate serio: hai que falar de canta enerxía necesitamos e necesitamos moita máis potencia renovable da que temos na actualidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.