O 30 de xuño remata a bonificación impositiva aplicada polo Goberno do Estado a gasolinas e gasóleos o pasado 21 de marzo para conter a escalada de prezos e que levou a unha redución de entre 20 e 30 céntimos por litro
A redución do IVE aos carburantes que o Goberno do Estado puxo en marcha o pasado 21 de marzo para conter os prezos de gasolinas e gasóleos, disparados a consecuencia da Guerra de Irán, finaliza este 30 de xuño. Era a data límite establecida polo Real Decreto-lei 7/2026 que tamén aprobou rebaixas nos impostos eléctricos (bonificacións xa retiradas o pasado 31 de maio).
Se o IVE reducido para os combustibles (rebaixado do 21% ao 10%) supuxo unha importante redución no prezo -de entre 20 e 30 céntimos por litro-, o retorno do tipo impositivo á normalida levaría automaticamente a un ascenso equivalente. Iso, sempre que o Goberno central non decida nos vindeiros días unha extensión da medida.
Os prezos de Gasolina 95 e Gasóleo A están baixos. De feito, o da gasolina está mesmo por debaixo do que se rexistraba a finais de febreiro, días antes do inicio dos bombardeos de Estados Unidos e Israel -o 28 de febreiro- que deron comezo á guerra. Este xoves 25 o prezo medio da Gasolina 95 sitúase en Galicia en 1,46€ e o do Gasóleo A en 1,54€, neste caso si que claramente por riba do nivel do 28 de febreiro.
O prezo do petróleo regresou ao nivel previo ao inicio da guerra, ao igual que os prezos da Gasolina 95 e do Gasóleo A. Porén, estes últimos inclúen a redución de máis de 20 céntimos derivada da redución do IVE. De retirarse as axudas, estes subirían de golpe o 1 de xullo
Hai dez días a sinatura do memorando de entendemento entre EUA e Irán para poñer fin á guerra despexou o camiño cara ao cesamento das hostilidades, consolidando o descenso do prezo do petróleo e dos carburantes que en realidade xa se iniciara unhas semanas antes. O prezo do Petróleo Brent, que chegou a escalar dende os 72 dólares do 27 de febreiro ata os 118 dólares a finais de abril, sitúase na actualidade de novo neses 72 dólares previos á guerra.
Se non hai atrancos importantes nas negociacións entre EUA e Irán, o prezo dos carburantes debería seguir baixando nas vindeiras semanas. Porén, as voces que reclaman unha extensión da redución do IVE aos carburantes alertan de que se non se produce unha extensión das bonificacións a partir do 30 de xuño, ese día os prezos de gasolina e gasóleo subirían de golpe máis de vinte céntimos, o que podería levar a Gasolina 95 por riba de 1,7€ e o Gasóleo A por riba de 1,8€ en plena operación saída da tempada vacacional.
O Goberno do Estado está a preparar un novo decreto con axudas que deberá aprobarse no Consello de Ministros do vindeiro luns 29 de xuño. Gasolineras e transportistas demandan que se manteña a redución de impostos aplicada ata agora
A proposta de manter a redución do IVE aos carburantes, con todo, debe superar varios atrancos. Primeiro, a medida debe ser aprobada no Congreso por unha maioría da que o Goberno non dispón e que debe negociar para cada proposta.
E, sobre todo, enfróntase á negativa da Comisión Europea, que xa criticou a redución no momento da súa entrada en vigor, subliñando que a directiva comunitaria non permite aplicar tipos reducidos aos carburantes e que España debería ter actuado só sobre os impostos especiais. A medida foi aceptada pola UE unicamente atendendo á urxencia xerada pola guerra e por ser unha actuación meramente temporal. Así pois, unha prórroga agora chocaría contra estes criterios e España arriscaríase a un conflito xurídico con Europa.
Porén, a medida enfróntase á negativa da Comisión Europea, que xa criticou a redución no momento da súa entrada en vigor, subliñando que a directiva comunitaria non permite aplicar tipos reducidos aos carburantes e que España debería ter actuado só sobre os impostos especiais
Porén, dende a Confederación Española de Empresarios de Estacións de Servizo e dende asociacións de transportistas se demanda ao Goberno que se manteñan as bonificacións durante o verán, especialmente para os sectores profesionais. De non ampliarse, o 1 de xullo o custo de encher o depósito dun turismo elevaríase, de media, uns 15 euros dun día para outro.
O Goberno do Estado está a preparar un novo decreto con axudas que deberá aprobarse no Consello de Ministros do vindeiro luns 29 de xuño. Ademais de buscar equilibrios entre os límites impostos por Bruxelas e as demandas dos consumidores, o Executivo debe buscar o apoio dos seus socios de esquerda e, ademais, os de PNV e Junts, en conversas que están tendo lugar estes días nun momento de especial debilidade para o Goberno.