O Goberno galego está disposto a pagar medio millón máis ao ano á empresa que xestione o centro de Pontevedra que á fundación á que entregou os de Santiago e Lugo
A promesa que Alberto Núñez Feijóo lanzou en febreiro de 2017, hai agora 8 anos, de construír sete novas residencias públicas de maiores nas sete cidades galegas mudou moito neste tempo. Os edificios non os está a construír a Xunta senón a Fundación Amancio Ortega, que os doa ao Goberno galego, encargado despois de poñelos en funcionamento. Pero en lugar de facelo con persoal público, como ocorre con outras residencias de maiores da Xunta, a súa xestión está a ser privatizada.
No caso das dúas primeiras residencias, as de Santiago e Lugo, a consellería de Política Social decidiu convocar concursos limitados a entidades privadas de iniciativa social, e acabou sendo a polémica Fundación Fesan a adxudicataria. Pero coa terceira residencia que recibe, a de Pontevedra, a Xunta abre o concurso a calquera empresa privada con ánimo de lucro, á que está disposta a pagar ata medio millón de euros máis ao ano que nos centros de Santiago e Lugo. Ademais, o centro non entrará en funcionamento cando menos ata medio ano despois de recibilo rematado de mans da Fundación Amancio Ortega, unha demora que xa se rexistrou cos outros centros, que a Xunta tardou un ano en ter "a pleno rendemento".
![](https://praza.gal/storage/uploads/comparacion-857e33c.jpeg)
No caso das residencias recibidas de Amancio Ortega en Santiago e Lugo a Xunta considerou "axeitado reservar esta contratación ás entidades de iniciativa social" que reinvestisen os beneficios no seu propio obxecto social ou cuxa propiedade contase coa participación activa de empregados ou usuarios. Isto é, acoutou o concurso público para a xestión dos centros a fundacións ou cooperativas, o que supuxo que os dous centros acabasen en mans da Fundación Fesan, que obtivo os contratos grazas a rebaixar un 12% o custo das prazas.
Pero no novo concurso que vén de convocar para privatizar a xestión da terceira residencia recibida de Amancio Ortega, a de A Eiriña, en Pontevedra, coas mesmas 120 prazas que os dous centros anteriores, a Xunta abre agora o contrato a calquera empresa, sen máis xustificación que constatar a posibilidade legal de facelo así. Faino ademais aumentando as contías económicas estimadas do contrato.
En Lugo e Santiago a Xunta convocou os contratos por dous anos prorrogables un máis, mentres que en Pontevedra faino por dous anos prorrogables por outros tres máis. Tendo en conta que en todos os casos a Xunta contempla a posibilidade de modificacións contractuais de ata o 20%, o Goberno galego está disposto a pagar en Pontevedra por 5 anos de contrato ata 18,4 millóns de euros, fronte aos 9,4 millóns de euros que estaba disposto a pagar por 3 anos por cada unha das residencias de Santiago e Lugo. Isto é, o concurso de Pontevedra contempla ata medio millón máis ao ano.
![](https://praza.gal/storage/uploads/pontevedra3-b8de62d.jpeg)
Os pregos de condicións contemplan un beneficio empresarial do 5%, duns 300.000 euros nos dous anos iniciais do contrato
En todos os casos, tanto nas dúas residencias anteriores como nesta terceira, a Xunta contempla un beneficio industrial para o adxudicatario do 5%, o que no caso do centro de Pontevedra suporía, segundo os propios pregos de condicións do concurso, uns 300.000 euros nos dous anos iniciais do contrato.
Ao igual que nos dous concursos anteriores, tamén no caso da residencia de Pontevedra a Xunta limítase a esixir como requisitos de persoal que a empresa cumpra coas rateos de persoal mínimas contempladas na normativa galega, de 1996, deixando en mans das empresas a posibilidade de mellorar as súas ofertas.
Política Social non prevé abrir a residencia de Pontevedra ata medio ano despois de recibir a doazón de Amancio Ortega, quen asumiu a promesa dun novo centro nas sete cidades lanzada por Feijóo hai 8 anos
Por outra banda, a residencia de Pontevedra foi recibida de mans da Fundación Amancio Ortega o pasado 30 de outubro, nun acto ao que asistiu o presidente Rueda. Porén, non foi ata este venres 7 de febreiro que Política Social convocou o concurso para a súa xestión, no que sinala como data estimada de apertura do centro o 1 de maio, seis meses despois de recibilo. No caso da residencia de Santiago a propia consellería admitiu que tardou un ano en ter o centro "a pleno rendemento", tras recibilo o 24 de outubro de 2023. Medio ano despois daquel acto tamén publicitado polo presidente Rueda o centro seguía pechado e a Xunta aínda non formalizara o contrato para a súa xestión coa Fundación Fesan.
A Valedora do Pobo lamentou en setembro que cando estean abertas as sete residencias e Amancio Ortega "aínda serán insuficientes"
O pasado setembro, no seu informe anual, a Valedora do Pobo volveu criticar a demora de "anos" para que unha persoa con dependencia e co dereito recoñecido a unha praza nunha residencia pública ou concertada acabe ocupando efectivamente esa praza. A Xunta replicoulle que xa está a traballar para ampliar a oferta grazas ás residencias doadas por Amancio Ortega, pero a Valedora retrucou que "cando estean en funcionamento esas prazas aínda serán insuficientes para atender ás persoas con gran dependencia".