Manuel González: "Preocúpame a imaxe de arcaísmo que a outra candidatura transmite da RAG"

Manuel González, nun acto na RAG © RAG

Manuel González non dubida en presentar a súa candidatura como "a da liña continúista que fixo rexurdir a RAG e convertela nunha institución de referencia". Prevé unha votación "moi equilibrada" no plenario do vindeiro sábado e censura a "imaxe de arcaísmo" que, segundo el, transmite da Academia a candidatura de Alonso Montero, ao que acusa de "non ter programa ningún".

Vostede cualificou a proposta de Alonso Montero para lograr unha lista conxunta de inaceptable...

Totalmente inaceptable porque se hai vontade de acordo, ten que haber unha postura aberta e non ofrecer un pacto que implica que o presidente sexa Alonso Montero e que as nosas opcións sexan integrar dous membros na lista. Ademais, o acordo hai que logralo sobre un programa. Habería que discutir o que se quere para a Academia e nesa discusión debería participar todo o plenario. Esa foi a miña proposta cando convoquei a todos os membros a unha reunión privada na que debater uns puntos mínimos programáticos e, a partir de aí, ver cales serían as persoas idóneas para levalos a cabo.

Pero non se celebrou...

Enseguida recibín contestacións de membros da outra candidatura na que se acusaba a esta convocatoria dun acto electoral, malia que insistín en que era de carácter privado e sen información aos medios. Nese momento entendín que a vontade de diálogo era máis retórica que real.

Están as cousas igualadas de cara ao plenario do sábado?

Coñezo os apoios que teño e o sábado saberase o resultado. Teño confianza porque creo que a cousa está moi equilibrada.

"A miña candidatura é continuísta coa liña que fixo rexurdir a RAG e convertela nunha institución de referencia"

Aínda hai académicos indecisos?

A estas alturas, indecisos hai máis ben poucos, pero pode que algúns haxa. En todo caso, o que teño claro é que gañe ou perda a miña candidatura é unha candidatura da honestidade e continuísta no sentido de seguir a liña que fixo rexurdir a RAG e convertela nunha institución de referencia fóra e dentro de Galicia. Creo que é necesario introducir algúns cambios e asúmoos. Insisto: gañe ou perda, quedarei coa conciencia tranquila.

E gañe ou perda, teme que do sábado en diante haxa unha división na RAG?

Sexa quen sexa o gañador, ten que esforzarse en lograr un clima de cordialidade, e este lógrase ofrecendo un proxecto claro para a Academia. De momento, o único proxecto presentado é o da nosa candidatura porque a outra non presentaron absolutamente nada. Non sabería que teño que votar da outra candidatura se quixese facelo. Nós facemos unha oferta clara e por escrito e iso é o que vou manifestar no plenario do sábado.

"Somos a única candidatura cun proxecto, a outra non presentou absolutamente nada"

Méndez Ferrín volveu incidir no intento de colonización da RAG por parte doutras institucións, está de acordo con el?

Nesas cuestións non quero entrar porque ese non é o problema da Academia. O problema é ter un proxecto claro de cara a onde levar a institución e ter un programa de traballo. En cuestións conxunturais non entro, pero si teño claro que se gaño, non aceptarei ningún tipo de colonización por parte de ninguén e que manterei a independencia da RAG con respecto aos poderes políticos e ás outras entidades de tipo cultural ou do ámbito da lingua. Isto non quere dicir que a Academia non teña que ter unhas relacións cordiais cos poderes públicos e que non colabore en accións de todo tipo co resto de institucións, por unha razón de eficiencia e de exemplaridade. A colaboración é sempre exemplar de cara á sociedade.

"Preocúpame a imaxe que transmitimos á sociedade; moito me temo que Alonso Montero non sabe nada de como funciona a RAG"

É exemplar para a sociedade esta campaña para a presidencia?

A min preocúpame moito a imaxe que estamos transmitindo á sociedade. Non é que queira criticar á outra candidatura, pero preocúpame que non teña programa de ningún tipo e que un candidato á presidencia manifeste xa a súa intención de ser absentista e que non está en condicións de ir dous días á semana á Academia. Que presidente vai ser este? O presidente é o representante fundamental da RAG e ten que tela na cabeza e controlar toda a actividade que se desenvolva nela. Ten que coñecer o funcionamento da institución e moito me temo que non se coñece absolutamente nada. Nin moito nin pouco. Senón, non se farían manifestacións como as que se fan, dicindo que non utilizará o coche da RAG. Os únicos argumentos que empregan son os da demagoxia, os que desembocaron na dimisión de Ferrín. Se cadra son impactantes e serven para gañar eleccións, pero a imaxe que ten que transmitir a Academia é outra.

"A outra candidatura só emprega os argumentos da demagoxia; se cadra serven para gañar eleccións, pero a imaxe que debe transmitir a RAG é outra"

Que imaxe debe transmitir?

Unha imaxe de dinamismo, de creatividade, de presenza na sociedade, de apoio aos sectores máis innovadores, de apoio á xente que traballa na cultura de base, ao asociacionismo, aos que desenvolven o software libre... A idea que estamos transmitindo é que temos un candidato que se sente orgulloso de que nunca escribiu un mail, unha idea de arcaísmo que non corresponde coa realidade da Academia, porque nos últimos anos, por primeira vez na historia, está respondendo ás funcións que ten atribuídos polos seus estatutos e pola lei. Isto si que me preocupa.

"Estamos trasladando unha idea de arcaísmo que non se corresponde coa realidade da Academia"

Xa deixou ben claro que o recurso contra o decreto no Supremo seguirá adiante, pero advertiu de que se podería chegar a instancias europeas. É a UE a vía máis factible para defender o idioma?

Quero ter fe na Xustiza, incluso na española. O feito de acudir ao Tribunal Supremo, que a algúns lles parece case motivo de escándalo, é algo normal. Xa o fixeron os cataláns ou os vascos e non hai razón ningunha pola que non o podamos facer nós tamén. É verdade que para determinados temas lingüísticos, probablemente haxa unha maior sensibilidade en Europa que no Estado español.

Manuel González, nun acto na RAG © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.