A Xunta retruca ao Consello de Europa e presume de boas cifras do galego, que atribúe ao bilingüismo no ensino

Aula nun instituto de educación secundaria en Galicia CC-BY-SA Xunta

No seu último informe, o Consello de Europa criticara a política lingüística da Xunta polas súas "limitacións á docencia en galego" no ensino

Hai case ano e medio, o Consello de Europa volveu tirar das orellas á Xunta pola súa política lingüística. Como xa fixera nos seus informes de 2012 e de 2016,, o Comité de Expertos da institución para a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias censurou as actuacións do Goberno galego, especialmente no ensino, e advertiu da caída evidente do uso da lingua no país. No seu quinto informe sobre o cumprimento da Carta no Estado español, os expertos instaron as autoridades españolas e galegas a actuar "de inmediato" e a cumpriren os acordos ratificados polo Executivo central coa sinatura deste tratado internacional en 2001.

O Consello de Europa pedira actuacións rápidas e contundentes en tres ámbitos: a "eliminación das limitacións á docencia en galego en todos os niveis de educación precisos", a "modificación da Lei Orgánica do Poder Xudicial para garantir o uso da lingua nos procedementos xudiciais" e o "emprego do galego na Administración do Estado en Galicia". 

En xullo de 2020, a través do Ministerio de Política Territorial, o Estado remitiu ao Consello de Europa un informe en resposta ás súas recomendacións que recollía as achegas das comunidades, seguindo o procedemento habitual polo cal o Goberno de España se limita a trasladar as contribucións que lle fan chegar os executivos autonómicos. 

Posteriormente, e xa neste mes de febreiro, o Estado "elaborou un novo informe de ampliación que incorporou tamén nova información remitida polas comunidades autónomas", tal e como confirma o Ministerio de Política Territorial a Praza.gal. No caso de Galicia, foi daquela a Xunta quen --como é habitual-- achegou as explicacións ás demandas que sobre as eivas da docencia do galego no ensino fixera o Consello de Europa. E o Goberno de Feijóo volveu avalar e defender con vehemencia a súa política lingüística, atribuíndolle á aplicada no ensino os, segundo di, bos datos dos estudos sociolingüísticos. 

O Estado enviou un novo informe ampliado ao Consello de Europa en resposta ás súas demandas, achegando a información das comunidades autónomas

A resposta da Xunta pódese ver no informe, publicado xa en inglés polo Consello de Europa, e que proximamente será feito público tamén polo Ministerio de Política Territorial. Nel, e a través do Estado, o Goberno galego aclara que a educación en Galicia é "totalmente bilingüe", ao "usarse tanto galego como castelán na aula", e presume dun modelo imperante desde 2010 que lle permite ao galego "ter o privilexio de ser lingua vehicular" na ensinanza, onde esta lingua e mais o castelán "úsanse en porcentaxes idénticas". "Non hai limitacións ao ensino do galego en Galicia", conclúe. 

O Consello de Europa reprendera a Xunta por unha "presenza do galego insuficiente no ensino, especialmente a nivel preescolar", e advertira de que no ensino secundario "non se imparten as grandes materias científicas" nesa lingua. Ademais, lembrara que a actual normativa "non permite impartir máis do 50% das materias en galego" no ensino non universitario e que "aínda non hai posibilidade" de que o estudantado opte por ter unha educación integramente en galego "en ningún centro de preescolar, primaria ou secundaria".

A Xunta asegura que "en Galicia non hai limitacións ao ensino do galego" e presume dun modelo "totalmente bilingüe"

A Xunta responde que o modelo en Galicia establece unha distribución de linguas "segundo porcentaxes, polo que non é posible implementar o modelo de inmersión lingüística". E aclara tamén que o modelo vixente desde 2010 combina os idiomas "nunha única liña de educación". "Separar os estudantes en escolas ou aulas por razóns de idioma está expresamente prohibido segundo o artigo 13.2 da Lei de Normalización Lingüística", lembra o informe enviado. 

"O sistema usado é o da educación bilingüe", di o informe, obviando o trilingüismo que mesmo adxectivara o polémico decreto de 2010. Segundo o que indica a Xunta, "a implementación deste modelo de ensino de linguas en Galicia é o responsable da maioría dos datos positivos mostrados en estudos sociolingüísticos sobre a adquisición da lingua galega por parte da poboación en todos das habilidades: escoitar, ler, falar e escribir". 

O Goberno de Feijóo atribué ao seu modelo lingüístico no ensino "a maioría dos datos positivos dos estudos sociolingüísticos sobre a adquisión do galego"

Así, o Goberno galego fai referencia á Enquisa Estrutural de Fogares sobre o coñecemento e uso do galego que non estaba dispoñible no momento da elaboración do informe do Consello de Europa e di que "algúns" dos seus datos "falan por si mesmos". 

Aí, a Xunta achega gráficos e estatísticas do IGE sobre a lingua na que reciben as aulas os pequenos en Galicia, sobre as persoas que saben escribir en galego, sobre o idioma no que aprendeu a falar a poboación ou sobre o coñecemento do idioma propio. E asegura que os datos sobre a mellora no número de persoas que aseguran poder falar galego "non se pode desligar do sistema educativo bilingüe implantado en Galicia". 

Respecto á cifra que indica que hai arredor dun 12% da poboación que pode falar pouco ou nada o galego, no informe asegúrase que "é atribuíble á poboación inmigrante e aos seus descendentes, que non foron á escola en Galicia". 

Nada se di sobre os datos do mesmo estudo que advirten de que o castelán segue a ser maioritario no ensino, que un cuarto da infancia en Galicia non sabe falar galego e case a metade só usa o castelán ou os que certifican a quebra na transmisión interxeracional do idioma, con pouco máis dun 18% das nenas e nenos de entre 5 e 14 anos dando as súas primeiras palabras en galego.

A Xunta presume de datos positivos do IGE pero obvia os que advirten da quebra na transmisión interxeracional ou do escaso uso do galego entre os pequenos

O Executivo de Feijóo responde así a un Consello de Europa que fora outra vez moi crítico coa súa política lingüística, ao advertir de que "o nivel de aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias na Comunidade Autónoma non mellorou significativamente" desde o último seguimento. Os expertos lembraban hai pouco máis dun ano que "os últimos estudos sociolingüísticos mostran unha diminución do número de falantes" e que "a transmisión do idioma de pais a fillos xa non está garantida, polo que a proporción de alumnos con coñecemento do galego como lingua de uso cotiá tamén caeu de xeito significativo". Datos, todos eses, que foron logo certificados polas últimas estatísticas sobre o uso do idioma publicadas polo IGE

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.