Circes, Morganas e a rebelión da lingua: a gran festa da cultura galega en homenaxe a Begoña Caamaño

Begoña Caamaño, nunha imaxe tirada no verán de 1987, con carteis dalgunhas das actividades ao redor da lingua e da súa figura que se celebran esta fin de semana © RAG

Chega o Día das Letras. O 17 de maio celébrase dende hai seis décadas a gran festa da cultura galega, este ano protagonizada pola figura de Begoña Caamaño. Dende hai semanas, en especial nos útimos días, cidades e vilas están a acoller distintas actividades ao redor da lingua e da xornalista e escritora homenaxeada. Os actos principais concéntranse esta fin de semana, sobre todo o domingo, pero tamén o sábado.

Concertos, charlas, proxeccións, presentacións que celebran a obra de Caamaño e a lingua e a cultura galega no seu conxunto. Mesmo con agasallos, como fai Gadis, que este sábado reparte gratuitamente en todos os seus supermercados de Galicia, ata fin de existencias, 30.000 exemplares de Lenzos, as letras en cor, un caderno ilustrado inspirado nas súas obras Morgana en Esmelle e Circe ou o pracer do azul.

 

Acto central, no Teatro Principal de Santiago

O acto central do Día das Letras Galegas terá lugar no Teatro Principal de Santiago o domingo a partir das 12 horas

O acto central do Día das Letras Galegas terá lugar no Teatro Principal de Santiago o domingo a partir das 12 horas. Contará coas alocucións académicas sobre a figura e a obra da escritora e xornalista a cargo de Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Víctor F. Freixanes. O presidente da institución, Henrique Monteagudo, pechará a sesión, á que lle porá a música Sofía Espiñeira. A entrada ao acto é libre ata completar a capacidade da sala e poderá seguirse tamén en directo na web da RAG e na súa canle de Youtube.

Begoña Caamaño retratada por Sonia Díaz no parque de Bonaval de Santiago de Compostela o 30 de xullo de 2009 ©

Concerto das Letras en Vigo: Uxía e máis

Uxía protagoniza este  sábado no auditorio Mar de Vigo o concerto das Letras Galegas coa estrea en directo de Indómitas, o seu disco de homenaxe a Begoña Caamaño

Uxía protagoniza este  sábado no auditorio Mar de Vigo o concerto das Letras Galegas coa estrea en directo de Indómitas, o seu disco de homenaxe a Begoña Caamaño. Para esta actuación Uxía contará coas colaboracións de Malvela, Wöyza, Su Garrido Pombo, Margarida Mariño e As Mosas. O concerto, organizado polo Consello da Cultura Galega, dará comezo ás 20.30 horas. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo e o acto poderá seguirse en directo a través da canle da Youtube do Consello da Cultura.

Segundo Uxía, "o concerto será como un percorrido musical e emocional polas nove ondas do disco Indómitas e polas músicas que lle gustaban a Begoña Caamaño. Haberá momentos máis íntimos e outros máis de exaltación, pero a min gustaríame que, sobre todo, fose unha festa, unha celebración da vida e da obra de Begoña".

A rebeldía da lectura en galego

A Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editoras impulsan a campaña “Rebélate: compra un libro!”, unha celebración colectiva arredor da lectura, a cultura e o gozo de vivir en galego que incluirá un 10% de desconto en libros en galego este 17 de maio

A Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editoras impulsan a campaña “Rebélate: compra un libro!”, unha celebración colectiva arredor da lectura, a cultura e o gozo de vivir en galego que incluirá un 10% de desconto en libros en galego este 17 de maio.

Inspirada na figura homenaxeada este ano, a escritora e xornalista Begoña Caamaño, a campaña constrúe unha mensaxe clara: a lectura na nosa lingua non é unha obriga nin unha nostalxia, senón unha forma de liberdade contemporánea. Unha maneira de comprender o mundo, de emocionarse, de cuestionar e de gozar. Porque, como defendía a propia autora, “a alegría, o gozo, a risa, a felicidade son discurso político”.

A campaña conta tamén coa participación de creadoras e grupos musicais galegos como Fillas de Cassandra ou The Rapants, ademais de diferentes librarías de proximidade que recomendarán lecturas e reivindicarán o seu papel como auténticos pulmóns culturais do país. 

Campaña 'Rebélate: compra un libro en galego' © FLG/AGE

A Quintana, campo da festa das Letras Galegas

A Praza da Quintana de Compostela acolle este domingo ás 20 horas Circes e Morganas. Celebrando a Begoña Caamaño, unha proposta coral que combina música, poesía e audiovisual ao redor da figura da escritora, xornalista e activista

A Praza da Quintana de Compostela acolle este domingo ás 20 horas Circes e Morganas. Celebrando a Begoña Caamaño, unha proposta coral que combina música, poesía e audiovisual ao redor da figura da escritora, xornalista e activista e que está impulsada pola Deputación da Coruña co apoio do Concello de Santiago, integrada na programación das festas da Ascensión.

A deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Sol Agra, destacou que a intención da Deputación é converter a Quintana “nun campo da festa das Letras Galegas” cun espectáculo “dinámico, participativo e festivo” para celebrar a figura de Begoña Caamaño. 

No evento participarán Ana Romaní, Xiana Arias, Fillas de Cassandra, Faia Díaz e Tareixa Novo, The Vacas, Alba María, Caamaño & Ameixeiras, Andrea Nunes, Felisa Segade, Merchi Rodríguez, A Banda das Crechas, As Tamborililás Transfeministas, Zeltia Irevire, A Pedreira xunto á súa banda —integrada por Lorena Cachito, Mauricio Caruso e Alejandro Vargas—, así como Uxía, Paz Francés, As Amigas e DJ Mil.

Cartel de 'Circes e Morganas. Celebrando a Begoña Caamaño' © Deputación da Coruña

Festa das Letras, na Coruña

A Coruña conmemora o Día das Letras Galegas coa segunda edición de A Festa das Letras

A Coruña conmemora o Día das Letras Galegas coa segunda edición de A Festa das Letras, que se está a celebrar dende o xoves 14 e que chegará ata este domingo 17. A programación converte distintos espazos da cidade -como o Campo da Leña, a praza de Azcárraga, os xardíns de Méndez Núñez, o Teatro Rosalía de Castro, o Teatro Colón e o Centro Ágora- nun gran escenario para a celebración da lingua e da creación cultural galega.

Despois dos concertos deste xoves e venres, este sábado hai outras 12 actuacións en distintos lugares da cidade, tanto para o público infantil (Pakolas, Pesdelán, Cris de Caldas...) coma para o público xeral (MJ Pérez, Orquestra Bravú Xangai, 9Louro, Dakidarría, Donaire...). O domingo os Xardíns de Méndez Núñez acollen a Foliada das Letras, com Cántigas da Terra, Donaire, Maghúa, Son d’aquí, Xacarandaina e Espadana. Ademais, este sábado comezan as andainas guiadas A Coruña das Letras, con Xurxo Souto. A primeira actividade leva por título ‘A ruta de Ulises Fingal, as pedras percebeiras da contorna da Torre de Hércules.

Manifestación pola lingua

Como vén sendo habitual, o Día das Letras Compostela acollerá unha manifestación en defensa da lingua, organizada por Queremos Galego baixo o lema "O galego, lingua vital"

Como vén sendo habitual, o Día das Letras Compostela acollerá unha manifestación en defensa da lingua, organizada por Queremos Galego baixo o lema "O galego, lingua vital". A marcha, que partirá ás 12 da Alameda, quere ser "unha grande mobilización cidadá que enfronte a negativa da Xunta a garantir os dereitos lingüísticos da súa cidadanía coa forza, a unidade e o traballo conxunto dunha sociedade que defende o seu idioma porque sabe que é vital para a súa existencia"

Cartel da manifestación do vindeiro 17 de maio © Queremos Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.