Fillas de Cassandra e Begoña Caamaño, unidas no videopódcast das Letras

María SOA e Sara Faro (Fillas de Cassandra), en 'Colchas de voces', o primeiro videopódcast da Academia © RAG

A Real Academia Galega estrea o seu primeiro videopódcast, Colchas de voces, un espazo no que distintas convidadas conversarán sobre asuntos que tamén preocuparon a Begoña Caamaño como escritora, xornalista e cidadá

A Real Academia Galega estrea este xoves o seu primeiro videopódcast, Colchas de voces, un espazo no que distintas convidadas conversarán sobre asuntos que tamén preocuparon a Begoña Caamaño como escritora, xornalista e cidadá. Na primeira entrega, que xa se pode ver na rede, as protagonistas son María SOA e Sara Faro, integrantes do dúo musical Fillas de Cassandra, que reflexionan sobre a necesidade de revisitar os mitos, o feminismo ou o uso do galego.

Nas súas dúas novelas publicadas, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), a homenaxeada nas Letras Galegas volveu sobre os mitos fundacionais para analizalos e reinterpretalos, construíndo dúas grandes obras da narrativa galega contemporánea que nos interpelan sobre cuestións éticas, políticas e sociais dende a perspectiva feminista. Temas que tamén adoitan tratar as Fillas de Cassandra nas súas cancións e que preocupan e interesan persoalmente ás súas dúas compoñentes.

Na primeira entrega, que xa se pode ver na rede, as protagonistas son María SOA e Sara Faro, integrantes do dúo musical Fillas de Cassandra, que reflexionan sobre a necesidade de revisitar os mitos, o feminismo ou o uso do galego

Estes puntos de conexión saíron a luz na conversa conducida pola xornalista Alba Mancebo, que presenta tamén a serie de reels É o tempo de Begoña Caamaño que a RAG está a ofrecer nas redes sociais, contando coa colaboración doutras e doutros creadores de contidos.

Na conversa, María SOA destaca que a descuberta da literatura de Begoña Caamaño, a través de Circe ou o pracer do azul, foi algo “incrible”, ao atopar que coma elas na súa música, a xornalista empregaba os mitos para falar do mundo coas lentes de cor lila. 

O idioma que empregan é outro dos fíos que as une, xa que as tres medraron n Vigo falando primeiro castelán e tomando despois a decisión consciente de se pasar ao galego. “As dúas somos neofalantes. Coñecémonos nunha manifestación feminista e estabamos falando galego, así que non houbo reflexión contraria posible. E enténdese, quen quere entende!”, salienta María.

Na conversa, María SOA destaca que a descuberta da literatura de Begoña Caamaño, a través de Circe ou o pracer do azul, foi algo “incrible”, ao atopar que coma elas na súa música, a xornalista empregaba os mitos para falar do mundo coas lentes de cor lila

Fillas de Cassandra publicaron hai tres anos o seu primeiro álbum Acrópole. Como Begoña Caamaño, María SOA e Sara Faro elixiron reescribir mitos clásicos dende unha perspectiva feminista, dándolles voz ás mulleres, que seguen a ser silenciadas e cuestionadas.

A estrea de Colchas de voces prodúcese nestes primeiros pasos do mes das Letras Galegas e só uns días antes do concerto de estrea de Tertulia, o segundo álbum de Fillas de Cassandra, que pechan o episodio cantando un anaquiño dun dos temas incluídos neste traballo. O título do novo disco reflicte a necesidade de regresar ás conversas con vagar e á escoita. “A capacidade de falar, de entenderse, de debater é a única maneira de construír un mundo mellor conxuntamente”, destaca neste senso Sara Faro.

Colchas de voces', o primeiro videopódcast da Academia © RAG

Colchas de voces

O título de Colchas de voces parte dunha das expresións utilizadas por Begoña Caamaño para sinalar as fontes clásicas das que partía nas súas novelas

O título de Colchas de voces parte dunha das expresións utilizadas por Begoña Caamaño para sinalar as fontes clásicas das que partía nas súas novelas: “Chego mesmo a botar man de personaxes por outros inventadas. (...) Xorde un relato que semella obra miña pero que, en realidade, é como esas colchas tecidas de retallos vellos: unha historia creada con imaxes xurdidas doutras historias prestadas, cos refugallos das historias que a min me chegaron”. 

A cita pertence ao texto que a autora escribiu para a presentación de Morgana en Esmelle que se reproduce na edición conmemorativa das Letras Galegas da RAG, dispoñible na sección de publicacións de academia.gal. 

O segundo episodio deste programa da RAG, realizado co apoio económico da Xunta de Galicia, será unha conversa coa escritora Antía Yáñez e estrearase no mes de xuño.

Proxección pública do documental

O segundo episodio deste programa da RAG será unha conversa coa escritora Antía Yáñez e estrearase no mes de xuño

A Real Academia Galega abre a semana das Letras Galegas en Vigo coa proxección pública do documental ‘Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul’. A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia acollerá a presentación o luns 11 de maio nun acto de entrada libre a partir das 19 horas.

A película conta precisamente coa participación da ESADG nas dramatizacións que lles dan vida no filme a protagonistas da obra literaria de Begoña Caamaño. Vigo e a súa contorna teñen unha notable presenza na fita. Así, a praia do Tombo do Gato é o escenario da recreación da infancia de Begoña Caamaño narrada pola actriz viguesa Maika Aguado e interpretada por alumnas de Imaxinatea Labcreativo; e a praia de Barra serve de punto de encontro de Penélope e Circe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.