"Son optimista. Creo que imos ter pediatra ou pediatras nas próximas semanas, pero a data exacta correspóndelle á xerente notificala". Así respondeu Núñez Feijóo ao ser preguntado este xoves sobre o obxectivo de reabrir o paridoiro de Verín expresado pola nova directora do distrito, Guillermina Agulla, e logo de múltiples versións que desde o Goberno galego intentaron xustificar a polémica supresión do servizo.
Feijóo di ser "optimista" de cara á posibilidade de contratar pediatras para Verín e recuperar o servizo de atención aos partos suprimido pola Xunta
O presidente confirmou que xa hai "contactos" con facultativos que espera que traian "boas novas" e que permitan recuperar a atención aos partos, certificando así a marcha atrás do Executivo logo da mobilización cidadá e das protestas dos profesionais. Case ao mesmo tempo, na comisión de Sanidade do Parlamento, o seu partido volvía rexeitar unha proposición non de lei do BNG apoiada por todos os grupos da oposición que instaba a Xunta a "rectificar a súa decisión de suprimir o servizo".
Foi nun debate no que todos os representantes da oposición coincidiron en advertir de que a decisión de pechar o paridoiro foi "política" e que só a "presión cidadá" e o "cálculo electoral" pola posible perda de apoios nas vindeiras eleccións fixeron recuar a Xunta.
"Vimos a covardía política e a valentía da veciñanza", dixo Noa Presas, deputada do BNG, que lembrou que foi só despois de que profesionais e veciñanza se mobilizasen masivamente cando "a decisión irrevogable" de peche "xa non foi tan irrevogable". "Dixeron primeiro que era unha cuestión se seguridade, falaron de falta de pericia do persoal, ao que insultaron, logo dunha ambigua guía... Mentira tras mentira ocultando o que era unha realidade: que era unha decisión politica, a de desmantelar a sanidade pública e centrar a atención nas cidades", insistiu a parlamentaria nacionalista.
Ao tempo que Feijóo suxería a reapertura do paridoiro, o PP votaba en contra dunha proposición apoiada por toda a oposición que reclamaba a "rectificación" da Xunta
Presas, que pediu unha nova convocatoria de prazas de pediatría pero "atractivas e con incentivos", coincidiu na análise co resto da oposición. O deputado do PSdeG, Julio Torrado, asegurou que o paridoiro pechouse "porque Feijóo quixo" e logo de múltiples "argumentos contraditorios". "Se o resolven agora e se agora parece que hai pediatras é que tamén podía habelos de entrada, pero parece que lles gusta ver a xente sufrir", engadiu o deputado, que acusou o PP de "non ser quen de asumir que se equivocou" e de "buscar escusas para reabrilo" nos últimos días.
Pola súa banda, Eva Solla, do Grupo Común da Esquerda, cualificou de "vergonzoso" que o PP "non teña pedido desculpas nin resolto o tema" e insistiu na necesidade de procurar "incentivos" para os profesionais que accedan a traballar nos hospitais comarcais e de dar marcha atrás nunha decisión "política". "Se agora o fan é porque hai eleccións autonómicas", engadiu. Ademais, a deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao, lembrou que a Xunta "mudou de versión continuamente" e destacou a "vitoria da cidadanía" que supón a posible reapertura, algo que, como lembrou toda a oposición, "tamén apoia o PP de Ourense" e alcaldes seus como os da Gudiña.
"A súa máxima preocupación é conquistar Monte Pío"
Todos os deputados dos grupos criticaron a actitude da Xunta e do PP. O deputado popular Núñez Centeno, no entanto, acusounos de non ter como "máxima preocupación a saúde e seguridade das nais e os neonatos senón conquistar Monte Pío". Logo de presumir do aumento de persoal e de actividade no hospital de Verín nos útlimos anos, reiterou a petición de incluír a emenda do seu partido na proposta do BNG e pediu os deputados da oposición que mudasen " a súa postura electoralista".
Nesa emenda, o PP pedía incluír, entre outros puntos, demandas ao Ministerio de Sanidade para coordinar coas autonomías ofertas de MIR de Pediatría, a regulación dos residentes con rotación en hospitais comarcais ou unha normativa que permita contratos estables en prazas de difícil cobertura aos novos médicos.
Na proposición non de lei impulsada polo BNG, e apoiada por toda a oposición, tamén se reclamaba á Xunta que se reunise "de forma inmediatacoa comunidade hospitalaria de Verín de cara a fixar o calendario e orzamento necesario para o cumprimento das súas demandas, comprometéndose a ofrecer un servizo de calidade a comezar polo mantemento do catálogo de servizos do hospital, para o que deberá subsanar de forma inmediata as deficiencias de cirurxía, dermatoloxía, paritorio e pediatría hospitalaria". O PP rexeitouna, ao igual que fixera na mesma proposta presentada no pleno do Parlamento o pasado mes de decembro.