A nove días do inicio do debate de investidura de Feijóo, este tema estivo ausente dun acto no que o líder do PP se dedicou a atacar as negociacións de investidura de Pedro Sánchez
O vindeiro 26 de setembro comeza no Congreso o debate de investidura de Alberto Núñez Feijóo, un intento de de acadar a Presidencia do Goberno para o que o líder do PP non conta cos apoios necesarios. A apenas nove días da cita, o ex-presidente da Xunta protagonizou este domingo un acto político en Santiago 'Por la igualdad de los españoles' no que o tema da súa posible investidura estivo ausente e no que o candidato conservador se centrou e criticar a Pedro Sánchez e as negociacións abertas polo socialista para a súa propia investidura.
No acto, no que tamén participou o líder do PP en Galicia e presidente da Xunta, Alfonso Rueda, Núñez Feijóo publicitou o acto convocada o vindeiro domingo 24 de setembro en Madrid no que os populares denunciarán a hipotética concesión dunha amnistía aos representantes políticos cataláns condenados dende 2017.
No seu discurso houbo tamén espazo para criticar "as elites", afirmando que "o Goberno debe ser para todos e non para unha elite política"
O ton das críticas de Núñez Feijóo ao PSOE foi moi duro, chegando a afirmar que "para Sánchez a coherencia, o sentido de Estado e a defensa das institucións xa son incompatibles con militar no PSOE". De igual xeito, afondando no título do acto, o líder popular dixo que "nunca se tivo que defender con tanta énfase este principio de igualdade entre todos" e sinalou que España se atopa "nun momento de degradación moral e política", do que culpou ao presidente do Goberno en funcións.
No seu discurso houbo tamén espazo para criticar "as elites", afirmando que "o Goberno debe ser para todos e non para unha elite política", engadindo que "un político independentista non vale máis que un cidadán que non o é e aposta pola defensa da liberdade". De igual xeito, sinalou que "a Xustiza non pode facer distincións" e que “o privilexio duns poucos é prexuízo de todos”.
"O absurdo do pinganillo”
Feijóo cualificou a posibilidade de empregar no Congreso linguas distintas do castelán como "o absurdo do pinganillo”, defendendo que "todos temos a maneira de entendernos perfectamente"
Núñez Feijóo tamén cargou contra o uso do galego no Congreso. Este martes poderán empregarse por vez primeira o galego, éuscaro e catalán na cámara, no primeiro dos dous plenos previstos para aprobar a reforma do regulamento que oficializará ese dereito. O líder do PP e ex-presidente da Xunta cualificou a posibilidade de empregar no Congreso linguas distintas do castelán como "o absurdo do pinganillo”, defendendo que "todos temos a maneira de entendernos perfectamente".
En termos semellantes expresouse o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que no acto clamou: “menos amnistías, menos desigualdades, menos falar de pinganillos e máis falar de igualdade e de futuro, que é do que quere falar a xente e o que queremos en Galicia”.
Galicia, "unha illa de prosperidade"
Rueda reivindicou Galicia como “unha illa de estabilidade e prosperidade que se dedica a resolver os problemas que lle importan á xente”
Na súa intervención, Rueda reivindicou Galicia como “unha illa de estabilidade e prosperidade que se dedica a resolver os problemas que lle importan á xente”. Ademais, cargou contra as hipotéticas concesións que o PSOE podería levar a cabo para asegurar a investidura de Pedro Sánchez.
"Galicia non vai permitir que os Orzamentos Xerais do Estado sexan uns orzamentos feitos para as necesidades de Pedro Sánchez e para que o PSOE poida conseguir a investidura”, dixo Rueda, que se preguntou “de onde van saír os cartos para sufragar a investidura de Sánchez e para pagar as débedas de quen non soubo administrarse". “Galicia nunca vai permitir, nin tolerar, nin amparar que outros medren a súa costa”, engadiu.