O acto co que Feijóo anunciou a marcha a Madrid e a réplica que Pontón deu a Rueda na súa investidura poñen xa o foco nos comicios: o PP quere salvar España da ruptura e o BNG está preparado para gobernar Galicia
O 2 de marzo Alberto Núñez Feijóo e o 12 de maio Ana Pontón lanzaron as campañas electorais dos próximos comicios estatais e galegos. Unhas eleccións que poden tardar aínda ano e medio e dous anos en chegar respectivamente, xa que a súa convocatoria adiantada só está nas mans de Pedro Sánchez e Alfonso Rueda, os presidentes do Goberno de España e da Xunta aos que o popular e a nacionalista aspiran a derrocar con cadanseus eixos argumentais: o PP quere salvar o Estado da ruptura e o BNG está preparado para gobernar Galicia. Ideas forza que as dúas formacións acompañan coa transmisión de imaxes "presidenciais" dos dous candidatos.
O 2 de marzo, cando Feijóo anunciou no pavillón do Sar de Santiago a súa marcha a Madrid, fíxoo nun acto de partido pero con todas as características dun mitin electoral. Alí o principal argumento que ofreceu para deixar a Xunta e aspirar a presidir o PP estatal foi que “a Galicia non lle é indiferente España” e que el mesmo non podía acomodarse e debía sacrificarse para salvar o Estado da ruptura á que supostamente o está abocando o goberno “multipartito” de Pedro Sánchez.
Similares argumentos, pero mesmo elevando o ton sobre a ameaza de ruptura de España, seguiu empregando nos sucesivos actos que protagonizou por todo o Estado a xeito de campaña interna para facerse coa presidencia do PP pero que, como o acto de Santiago, tiveron todas as características de mitins electorais. E esa mesma ruptura do Estado para a que só o PP ten solución foi igualmente o argumento central da súa comparecencia urxente do pasado mércores na que a escenografía, a carón das bandeiras de España e a Unión Europea, tentou reforzar a súa imaxe presidencial.
Pontón aproveitou o debate de investidura no que o aspirante á presidencia debe defender o seu programa de goberno para expoñer o do BNG, mentres Rueda vén poñendo máis o foco nos resultados electorais pasados e futuros que nas políticas do que queda de lexislatura
Tamén imaxe de “presidenciable” é a tenta transmitir o BNG de Ana Pontón, á que presenta igualmente como preparada para gobernar Galicia. No seu caso o lanzamento da campaña electoral pode situarse neste pasado xoves 12 de maio, no seu discurso de réplica na investidura de Alfonso Rueda. Desde o anuncio da marcha de Feijóo o BNG xa viña facendo fincapé na idea dun cambio de ciclo iniciado nas últimas eleccións galegas, en xullo de 2020, cando os nacionalistas se situaron como primeira forza da oposición. A formación tenta transmitir que está preparada para gobernar Galicia, pero esa idea chegou ao seu punto culminante no discurso de Pontón ante Rueda.
Nun debate pensado para que o aspirante a presidir a Xunta presente o seu programa de Goberno, iso foi o que fixo Ana Pontón, ata o punto de que Rueda tivo que advertir en varias ocasións que o candidato á presidencia era el e non a nacionalista. Pontón foi debullando mesmo medidas concretas que tomaría ao día seguinte de tomar posesión dun cargo que de momento vai ser ocupado polo popular. Pero o propio Rueda xa vén poñendo o foco nas próximas eleccións.
En todos os actos da campaña interna de Rueda para facerse coa presidencia do PP de Galicia o popular marcouse como obxectivo conseguir a quinta maioría absoluta consecutiva. Mesmo nas súas intervencións no debate da súa investidura a idea da lexitimidade da súa presidencia por ser o PP o partido máis votado tivo máis peso que as propostas políticas para o que queda de lexislatura.
O ocorrido nas últimas semanas ameaza con que un dos principais eixos de debate político sexan a as especulacións con posibles adiantos electorais
Feijóo e Pontón veñen de lanzar así as campañas electorais galegas ante uns Pedro Sánchez e Alfonso Rueda que se esforzan en lembrar que os presidentes son eles. E como tales nas súas mans estará poñer data oficial aos respectivos comicios, antes do outono de 2023 no caso dos estatais e do verán de 2024 no caso dos galegos. Pero o ocorrido nas últimas semanas ameaza con que ata daquela un dos principais eixos de debate político sexan as especulacións con posibles adiantos electorais. Por se os hai, Feijóo e Pontón xa están en campaña.