Veciñanza de Monfero bótase á rúa tras quedar o seu centro de saúde cunha soa médica

Persoas usuarias do centro de saúde de Monfero, na concentración para reclamar a cobertura da segunda praza de persoal médico no centro de saúde CC-BY-NC-SA Praza Pública / Remitida

O Concello de Monfero ten apenas 1.900 habitantes e unha superficie de máis de 170 quilómetros cadrados. A idade media da súa poboación supera os 54 anos e rexistra un saldo vexetativo claramente negativo, como a maior parte do país. En maio un dos dous profesionais médicos do seu centro de saúde, Elías, xubilouse e todo o traballo quedou nas mans dunha única doutora. Ademais, "dende dende mediados do mes de xuño, o centro de saúde so conta con persoal de enfermaría" os sábados, relatan.

Este é o pano de fondo co que a veciñanza deste pequeno concello decidiu mobilizarse. Máis aínda despois de que, a finais de xuño, a doutora fose advertida de "dúas urxencias á mesma hora" e "a alternativa que lle deron dende o 061 foi que escollese cal era a prioritaria". Comezaron a recoller sinaturas -en poucos días xa xuntaran 500, isto é, máis dunha cuarta parte da veciñanza do concello- e este 22 de xullo manifestáronse nunha concorrida concentración.

Concentración en Monfero polo mantemento das dúas prazas médicas no centro de saúde, este 22 de xullo CC-BY-NC-SA Praza Pública / Remitida

"A xente está moi enfadada", resume Darío, voceiro veciñal, nun contexto no que "estamos temendo que é o que vai pasar" cando a que agora é a única doutora do centro teña as súas vacacións. O manifesto lido na protestas deste xoves foi reflexo dese enfado que, relatan, se agudizou despois de que "nos dixesen que ían mandar un médico de apoio un par de días á semana" pero "deixou de vir o 15 de xuño".

A veciñanza subliña que a dispersión da poboación e a súa elevada idade media fai preciso cubrir a praza do doutor xubilado. "Se hai dúas urxencias, a resposta vai ser a da última vez, que a doutora escolla a prioritaria?", pregúntanse

Tras máis de duascentas reclamacións formais ante a xerencia da área sanitaria de Ferrol, lamentan, "a resposta que estamos recibindo nas nosas casas din que non hai médicos suficientes e que para o cupo de Monfero, un médico xa chegaría, pero que intentarían ocupara a praza vacante". "Somos conscientes de que, se cadra, por poboación, o centro de saúde non precisaría mais dun médico", mais "Monfero ten unhas características que o fan necesario", sobre todo pola dispersión poboacional e "a idade da maioría da poboación". Neste sentido o crego Luis Rodríguez Patiño, que atende parroquias de Monfero e Aranga, advirte de que "entre os máis prexudicados" están os usuarios do centro de maiores da localidade, que tamén secundaron a concentración.

"Eses dous factores -detallan- fan que o médico teña que facer saídas aos domicilios para atender a moitos pacientes" e, mentres, "o centro queda sen médico". "Dende a Consellería -resaltan- din que as visitas aos domicilio sdeben de ser vinte minutos, contando o tempo que levar chegar ao sitio; como todos sabemos, iso en Monfero é algo imposible" que se complica aínda máis coa atención ás urxencias. "Se hai dúas, a resposta vai ser a mesma da última vez? Que escolla a prioritaria?", pregúntanse.

Concentración en Monfero polo mantemento das prazas médicas no seu centro de saúde, este 22 de xullo CC-BY-NC-SA Praza Pública / Remitida

A mobilización veciñal, advirten, vai continuar porque "cando pedimos un segundo médico, non é un capricho de ninguén". "Pedímolo -conclúe o manifesto porque é o noso dereito e porque entendemos que a doutora que temos agora precisa ese apoio". Para ela, lamentan, "a situación tampouco é fácil" e "empezamos a temer que canse e decida marchar ou peor, que teña que coller unha baixa". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.