A Xustiza pon o foco en Alcoa e nas súas estratexias nos pretendidos despedimentos colectivos ou procesos de venda impulsados nas súas fábricas galegas durante os últimos anos. Logo de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulara o ERE da multinacional na Mariña e a acusase nunha dura sentenza de actuar de "mala fe" co único obxectivo de pechar, a Audiencia Nacional vén de anunciar que investigará se a venda da factoría coruñesa --e a de Avilés en Asturias-- foi mesmo máis alá e supuxo a entrega das plantas a "empresas pantalla" co propósito de destruír postos de traballo e incumprir cos plans asinadospara abocalas tamén a un desmantelamento a prezo de saldo.
Audiencia Nacional e TSXG poñen o foco sobre a estratexia global de Alcoa para pechar as fábricas, eliminar competencia e despedir do xeito máis rendible
No fondo, ambas as dúas actuacións xudiciais intentan deitar luz sobre unha estratexia global na que Alcoa buscaría pechar as súas fábricas en Galicia, eliminar competencia e desfacerse dos traballadores da maneira máis rendible posible, utilizando os procesos de negociación de venda --consumados ou non-- só como estrataxema para atrancar calquera compra por parte dun grupo do seu sector ou impulsando a adquisición a empresas tapadeira que só colaboran na súa intención final de desmantelamento.
Coinciden as análises dos maxistrados do TSXG e da Audiencia Nacional en advertir desa posible estratexia e artimañas que levan tempo denunciando os comités de empresa de ambas factorías. E no historial de argucias das que Alcoa é acusada desde que adquiriu, a prezo de saldo, as plantas en España da empresa pública Inespal, vendida polo Goberno central de José María Aznar hai máis de vinte anos.
Na Mariña, Alcoa negociou con Liberty sabendo que non ía vender; na Coruña rexeitouna e optou por "firmas pantalla" que agora investiga a Audiencia Nacional
Advírteo a maxistrada da Audiencia Nacional, María Tardón, no auto no que admite a trámite a querela presentada pola Confederación de Cadros Profesionais (CCP) contra Alcoa, Parter Capital e o Grupo Industrial Riesgo pola venda das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés.
Alerta de que o TSXG xa atopou "mala fe" nas negociacións polo despedimento colectivo pretendido na Mariña, nun proceso paralelo e semellante no que só se buscaba apagar as cubas de electrólise para "pechar a fábrica da maneira máis rendible posible". O ditame do Superior, lembra a xuíza, destaca que as negociacións para a venda "permiten sospeitar da existencia dunha decisión estratéxica" e que a compañía entrou na negociación "con posicións predeterminadas e un claro obstáculo de non chegar a un acordo final".
No caso da venda que finalmente si se levou a cabo na Coruña, a xuíza lembra que Alcoa presentou como posibles compradores a Parter Capital Group e Grupo Industrial Riesgo --que finalmente levarían a cabo a operación en dúas fases-- e "excluíu competidoras con proxección internacional: Liberty, Quantum, Aludium e Cunext" tras ser presentadas como alternativas polo Ministerio de Industria". Na Mariña, e segundo o TSXG, Alcoa negociou con Liberty, a instancias tamén do Goberno central, pero sabendo que non vendería en ningún caso. O mesmo resultado pero con diferentes estratexias.
Alcoa optou na Coruña por un paso máis alá do que logo deu na Mariña, onde optou polo peche a través dun ERE pero sen usar empresas tapadeira
Algo semellante no que ten que ver cos empregos. No caso da factoría da Agrela, na Coruña, a querela admitida a trámite sostén que a negociación do despedimento colectivo, iniciada no outono de 2018, conseguiu "eludir o abono das responsabilidades empresariais" de Alcoa cos traballadores, "abocando á insolvencia das unidades produtivas, para a súa transmisión lucrativa a terceiros".
Logo, a actuación da multinacional xunto a Parter e Riesgo provocaron que a titularidade das plantas coruñesa --agora Alu Ibérica-- e asturiana terminasen "en mans de empresas pantalla sen capacidade nin para levar a cabo o Plan de Negocios, nin o do pagamento dos salarios dos traballadores, nin o do investimento, co que se frustra o obxectivo final da negociación: a salvagarda dos postos de traballo".
Un paso máis aínda, con posible relevancia penal grave, do levado a cabo despois na Mariña, onde o camiño foi xa exclusivamente intentar o peche, mediante outra censurada estratexia, pero sen o enguedellado proceso que fai pairar sombras xudiciais aínda máis negras sobre a multinacional.
No caso de San Cibrao, o TSXG é concluínte ao advertir da "mala fe" de Alcoa ao "non mudar nada" na súa posición sobre despedimentos e compensacións aos traballadores desde a súa proposta inicial. E sinala unha única intención: "Paralizar as cubas electrolíticas da fábrica para o seu posterior peche". Coa oferta de ERE, engadiran os maxistrados, a empresa só pretendía "vestir o mesmo, pero dunha maneira diferente". Neste caso, un ERE para desmantelar a fábrica e botarlle o feche. Na Coruña, e segundo a querela, entregar a planta para poder destruír empregos de maneira máis sinxela e axudar ao esmorecemento da factoría.
"Do auto e da sentenza despréndense indicios dunha estrataxema por parte de Alcoa, a de eliminar o que lle molesta nas súas intencións", di o avogado de CCP
"É evidente que do auto e da sentenza despréndense indicios dunha estrataxema por parte de Alcoa, a de eliminar a xente que molesta nas súas intencións; a xuíza da Audiencia Nacional ten en conta, precisamente, o ditame do TSXG porque entende que pode haber esa estratexia global que non agrangue só o persoal que pretende despedir na Mariña, senón o da Coruña e Avilés", reflexiona Alfonso Freire, que impulsou a querela de CCP.
Sobre o proceso na Mariña, a avogada de CCOO no xuízo, Celia Veiga, destaca que, tal e como ratifica a sentenza, Alcoa tiña "o interese estratéxico de pechar unha parte da factoría, reducindo a nivel de corporación a produción de aluminio por motivos de competencia pero baseando unha decisión lexítima nunha actuación fraudulenta, a de intentar despedir persoa a un custo reducido para gañar máis a nivel global". Todo mentres a multinacional abría unha fábrica de fundición con cubas en Canadá.
"A estratexia de Alcoa na Mariña é pechar unha parte da factoría e reducir a produción por motivos de competencia", di a letrada de CCOO
Así, Freire deita luz sobre un proceso, a de Alcoa na Coruña e Avilés, no que acusa a multinacional de ir máis aló e "querer matar as empresas" aproveitándose da "boa fe dos traballadores". "Aparecen tres empresas interesadas nas plantas que teñen capacidade de competir no mercado do aluminio internacional, para logo decantarse por un fondo de investimento suízo sen relación co sector, e en seis meses, malia os compromisos, pasala a un grupo que non pertence a ninguén, descoñecido e sen capacidade financeira para manter o persoal", explica para advertir dunha "guerra de desgaste e cansazo".
"Non se cumpren os plans, non hai carga de traballo, ocúltanse os supostos proxectos, desaparecen existencias e négase información", insiste Freire. Alcoa tiña un compromiso de investimento de ata 96 millóns, pero líbrase del. Ao incumprir o grupo Parter tamén os seus compromisos, a multinacional queda exonerada tamén das súas obrigas. Aí está a gran sospeita.
"Os sindicatos chegaron a un acordo para manter o emprego, pero Alcoa saltou as condicións a través da venda a quen o persoal non quería; é un engano para eles e un negocio para as compañías implicadas", engade o letrado sobre un plan que non cre casualidade e sobre o que agora a xustiza deberá investigar se se debeu a un pacto previo e amañado entre Alcoa, Parter e o Grupo Riesgo, ademais de pescudar a orixe dos fondos de todas estas operacións.
"Alcoa busca abocar as sociedades a un concurso de acredores que utilizaría para abaratar os custos dun desmantelamento; é unha operación de mera maquillaxe"
De aí que. ademais dos presuntos delitos de estafa agravada, insolvencia punible, apropiación indebida, contra a seguridade dos trabaladores e pertenenza a grupo criminal, o letrado non descarte outro por branqueo de capitais.
Nas condicións actuais, advirte Freire, a continuidade das plantas de Avilés e da Coruña é "inviable". Segundo cre, o obxectivo de Alcoa é claro: "Abocar adrede as sociedades a unha sitaución de concurso de acredores que utilizaría para abaratar os custos dun desmantelamento". Ao final, insiste, os prexudicados son centos de traballadores e as súas familas. "As penas que levan aparelladas implicarían o grao máximo de estafa ou administración deseal", di, por unhas operacións de "mera maquillaxe".
Tampouco semella casualidade o acontecido logo na Mariña. Así, tal e como recorda Freire, despois da venda na Coruña e Avilés, Liberty --que xa optara a estas plantas-- volveu ofrecerse como comprador na Mariña. "Non houbo maneira malia a mediación do Ministerio de Industria, pero os fornos estaban operativos e a empresa pasaría a competir no mercado internacional; iso non lles interesaba, o que querían era parar as cubas", lembra.
"Cando xorde a posibilidade de que Liberty merque a fábrica, Alcoa asústase moitísimo porque o último que quería era que continuase a produción"
"No momento que xorde a posibilidade de que unha empresa produtora como Liberty merque a fábrica, Alcoa asústase moitísimo porque o último que quería era que continuase a produción", engade a letrada de CCOO no proceso de San Cibrao, que advirte de que neste caso acabouse por "confirmar o temor". "A estratexia e decisión de Alcoa non era de tipo económico, senón todo o contrario: como a fábrica da Mariña é rendible, non queren que sexa outra empresa quen a opere, senón pechala de vez", remata.