Alcoa asume que a sentenza do TSXG frustra e paraliza os seus plans de recorte na Mariña

Mobilización ante a factoría de Alcoa, en San Cibrao, nunha foto de arquivo CC-BY-NC-SA CIG

Alcoa detén os seus plans de recortes na factoría de fundición de aluminio de San Cibrao mentres revisa a sentenza que este xoves declarou nulo o ERE que pretendía aplicar sobre 534 traballadores da fábrica da Mariña, pero insiste na "necesidade de reestruturación" por "problemas estruturais significativos e permanentes".

Alcoa paraliza s plans de recorte previstos "mentres revisa a decisión xudicial" que "declarou o proceso de despedimento colectivo nulo de pleno dereito"

Nun comunicado asinado en Pittsburgh (EUA), a multinacional asegura que paraliza por agora os plans de recorte previstos "mentres revisa a decisión xudicial" que "declarou o proceso de despedimento colectivo nulo de pleno dereito". Nun documento dirixido aos seus accionistas, Alcoa lémbralles que, como resultado do ditame do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), "non incorrerá no cargo previsto anunciado de entre 35 e 40 milóns de dólares de custos relacionados cos recortes e o despedimento colectivo". 

Cartel contra o peche de Alcoa San Cibrao nun local comercial de Burela CC-BY-SA Praza Pública

Alcoa aclara que polo momento aforrará entre 35 e 40 millóns de dólares que tiña previstos destinar ás indemnizacións polo despedimento colectivo

Pero tamén que a folga laboral no conxunto do complexo provocará que "a compañía rexistre un impacto negativo sobre os ingresos antes de impostos no cuarto trimestre de aproximadamente 10 millóns de dólares, principalmente relacionados coa refinería". "A sentenza xudicial non resolve a folga", advirte. 

Ademais, a empresa lembra que o pasado 9 de outubro anunciou a súa decidión de reducir as 228.000 toneladas de capacidade de fundición da factoría e proceder ao despedimento colectivo logo de completar catro meses de consultas cos representantes de traballadores da planta de aluminio e tras deixar a refinería de alúmina fóra do proceso. 

Logo da denuncia do persoal, o TSXG declarou nulo o ERE, recorda Alcoa, que asegura que "actuou de boa fe e cumprindo plenamente a lei", en contraposición ao duro ditame da sentenza, que carga con dureza contra a "mala fe" da multinacional, á que acusa de utilizar o ERE co único obxectivo de apagar as cubas de electrólise e pechar a fábrica de vez. 

"A necesidade de reestruturar a fundición de San Cibrao persiste debido a problemas estruturais significativos e permanentes", remata a empresa. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.