Alcoa teima nas perdas millonarias para negar "mala fe" no ERE dunha planta que prevé "deficitaria"

Un intre no xuízo polo ERE de Alcoa, no Tribunal Superior © TSXG

Alcoa alude ás "perdas recorrentes" de "1 millón de euros á semana" para pedir que se levante a prohibición de parar as cubas de electrólise

Alcoa teimou este xoves, na primeira xornada do xuízo pola impugnación do ERE presentado pola multinacional na planta da Mariña, en que o despedimento colectivo "axústase a dereito" porque a factoría é "deficitaria sexa quen sexa o usuario". Bernardo Pérez Navas, avogado da compañía, foi máis aló e advertiu de que o seu cliente "non descarta" pedir "a nulidade" do proceso ao estarse retransmitido online a vista, algo que considera unha "vulneración da lei". 

Do mesmo xeito, o letrado solicitou que se levante a medida cautelar que prohíbe a Alcoa apagar as cubas de electrólise porque xera "perdas recorrentes" que cifrou en arredor de "1 millón de euros á semana" e que alcanzarían os 170 millóns en tres anos. 

Unha barricada ante a factoría de Alcoa, no día do inicio do xuízo polo ERE CC-BY-SA CCOO-Galicia

Segundo a empresa, o despedimento colectivo, que afectaría de maneira indirecta máis de 500 traballadores e a outros 400 indirectamente, "non é un peche" ao non afectar a refinería de alúmina e quedar sobre un cento de empregados na fundición. "O ERE trata de evitar que o despedimento colectivo afecte a totalidade dos traballadores”, argumentou a firma, que mesmo considera unha "boa nova" que se leve a cabo. 

Alcoa xustifica os despedimentos nas perdas polo elevado "custo enerxético" ante a ausencia dun estatuto electrointensivo ou pola "sobrecapacidade" do mercado

O letrado de Alcoa volveu tirar do "custo enerxético" para xustificar os despedimentos, un problema "estrutural" do que acusou á falta do estatuto da industria electrointensiva prometido polo Goberno central, á fin da poxa de interrompibilidade ou á "sobrecapacidade" do mercado de aluminio. 

Ademais, volveu acusar as administracións de seren parciais no proceso e rexeitou a "mala fe" que estas e os sindicatos atribúen á compañía. Tamén insistiu, como na vista polas medidas cautelares, en que o apagado das cubas non faría inviable rearrincar a maquinaria, algo que, dixo, sería "posible" e custaría "entre 35 e 50 millóns de dólares". 

En canto ao proceso de venda, finalmente non levada a cabo, Alcoa aludiu a "diferenzas insalvables" na negociación e volveu poñer o foco en Liberty, a empresa interesada na planta, á que acusou de utilizar a compra como palanca para acceder á refinería de alúmina

Por último, acusou a autoridade laboral da Xunta de "extralimitarse" nas súas funcións e ao Ministerio de Industria de presentar un plan industrial "con todas as incertezas posibles".

Pola súa banda, o avogado do Estado advertiu de que o preito “é o momento que está a esperar” Alcoa “desde outubro de 2019” porque lle ofrece a posibilidade de completar o seu plan se se lle dá razón finalmente, xa que “en realidade  nunca quixo negociar unha venda e deixar de despedir aos traballadores”.

Mobilización de persoal de Alcoa durante o xuízo polo ERE CC-BY-NC-SA CIG

O avogado da Xunta, ademais, lembrou, en contra do que di Alcoa sobre as causas de nulidade do despedimento, que non houbo período de consultas, “ou o que se practicou con esa aparencia non o foi”, para evitar os despedimentos, minorar as súas consecuencias ou buscar alternativas, nin se entregou á representación dos traballadores a documentación precisa nin se concretou a efectividade dos despedimentos, o que “non é compatible coa boa fe“, o que se une á falta dun plan de recolocación consensuado. Para o Goberno galego, a "mala fe" está "probada"

Mentres, ante a planta de Alcoa na Mariña, centos de traballadores concentráronse para seguir o xuízo, logo de que se confirmase a súa celebración ao non ahaber acordo entre a empresa e o comité no acto de conciliación. O persoal volveu reclamar a intervención pública inmediata da fábrica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.