Alcoa ataca con dureza a Xunta e o Goberno central e argumenta que non se lle pode "obrigar a vender si ou si" a planta da Mariña sobre a que prevé un ERE e o despedimento de máis de 500 traballadores. E menos, segundo denuncia, cando o posible comprador formulou condicións "fóra da mesa de negociación, ilegais e con peticións desorbitadas de diñeiro", ademais de "non ter presentado ningún plan industrial nin de investimentos".
Alcoa carga contra Xunta e Goberno central e aclara que non se lle pode "obrigar a vender si ou si" a planta da Mariña
A multinacional empregou estes argumentos, entre outros, na vista celebrada na sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) na que pediu que se desestimase a petición de CIG, CCOO e UGT de medidas cautelares para paralizar o ERE na planta de Alcoa que afecta 524 traballadores. Os sindicatos, xunto ao comité de empresa, reclaman que se deteña o despedimento colectivo e se impida a parada das cubas de electrólise, o que faría inviable o reinicio da actividade segundo o persoal, algo que Alcoa tamén nega.
A Consellería de Economía e o Ministerio de Industria interveñen na vista como "partes interesadas", unha condición contra a que se manifestou o avogado da multinacional, que acusou as administracións de "parciais" e de "situarse totalmente en contra da empresa", o que as "deslixitimaría" para intervir nun proceso do que pediu que fosen "excluídas".
Alcoa pide que os gobernos galego e español non interveñan como "partes interesadas" no proceso e acúsaos de actuar de maneira "parcial"
No seu escrito ao TSXG, os sindicatos reclaman a intervención ou administración xudicial dos bens produtivos e, xa que logo, da planta de aluminio por parte da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) durante o tempo que dure o proceso de impugnación do despedimento colectivo e ata que haxa sentenza firme.
Ademais, piden que se ordene a Alcoa que evite executar os despedimentos e non deteña a produción de aluminio nin as cubas de electrólise na fábrica. En todo caso, a resolución do tribunal tardará aínda uns días logo da vista iniciada este mércores e despois do lóxico proceso de deliberación.
Na audiencia, a estratexia de Alcoa para xustificar a súa negativa a deter o ERE parece clara. O seu letrado advertiu en varias ocasións da actuación "contraria á imparcialidade" da autoridade laboral e cargou contra Xunta e Ministerio de Industria, aos que considera "suxeitos imparciais" no proceso. Ademais, tamén en repetidas veces, censurou os, segundo dixo, continuos intentos das administracións por "obrigar a empresa a vender si ou si" por supor "un atentado contra os dereitos á propiedade privada e á liberdade de empresa". Respecto da acusación de "fraude de lei" no ERE presentado, o avogado advertiu dunha acusación "moi grave".
"Obrigar a empresa a vender si ou si supón un atentado contra o dereito á propiedade privada e á liberdade de empresa", di Alcoa
Porque Alcoa, ante as críticas de traballadores e gobernos contra a súa actitude, tratou de virar o foco cara a Liberty House, grupo que negociou unha compra finalmente frustrada, á que acusou de "saír das marxes da negociación" e de ter como "único interese solicitar dereitos sobre a planta de alúmina", máis alá dunha posible compra da de aluminio, unha opción que a multinacional di que nunca estivo sobre a mesa. Culpou o grupo interesado do fracaso na negociación, acusándo de "desaparecer durante 14 días" e logo agocharse "tras da SEPI".
A multinacional acusa a Liberty de ter como "único interese" a planta de alúmina e non a de aluminio e de "non presentar plan industrial nin de investimentos"
"Non pode obrigarse a unha empresa a vender porque a venda non é un plan social nin ten por que ser a panacea", argumenta Alcoa, que advirte de que "a venda a un terceiro non é unha solución porque si" e que se pregunta "por que" Liberty "vai ser capaz de facer rendible unha planta deficitaria se Alcoa non é quen de facelo".
Foi aí cando o letrado da multinacional norteamericana cargou contra Liberty con dureza, acusándoa de "non presentar nunca o plan industrial e de investimentos" que prometera e de non ter "interese real" na planta de aluminio primario, senón na de alúmina, que Alcoa non puxo en venda.
Segundo a empresa, a última proposta no marco da negociación na que a SEPI exercía xa de mediador supoñía a compra da planta por 1 euro mentres Alcoa asumía un custo total de "130 millóns". "Puxéronse enriba da mesa e Liberty non quixo e pedía 170 millóns", advertiu o letrado, que cifrou en 32 millóns de euros o custo do despedimento colectivo que pretende e que acusou o grupo interesado na planta de reclamar no total da contribución económica para chegar a un acordo ata 90 millóns en previsión dun posible peche futuro.
Alcoa asegura que ofreceu 130 millóns para a venda da planta a Liberty, que "rexeitou": "Pedía 170"
Para Alcoa, a "presión" exercida polas administración para unha venda "entra en conflito" coa liberdade de empresa e o dereito á propiedade privada. Ademais, acusa os gobernos galego e español de "propiciar unha especie de pinza" contra a empresa, que di que non ten "intención nin de pechar nin de desmantelar a planta" e que asegura que os despedimentos son a maneira de "salvala".
Alcoa advirte de que a vista "non é lugar para discutir as causas" do despedimento colectivo, pero insiste no elevado "custo enerxético", un problema "evidente e innegable". "É imposible operar a planta sen baixar o prezo da enerxía", di a empresa, que sitúa en "máis do 40%, entre 10 e 17 millóns de euros ao mes", os custos enerxéticos da compañía. Ademais, xustifica a "hibernación" das cubas por ser "o foco fundametnal das perdas da planta, de máis de 1 millón de euros por semana".
Alcoa asegura que "cantas máis toneladas se producen, máis se perde" na planta que, segundo o seu letrado, sumou perdas de 50 millóns en 2018, 61 en 2019 e que estima que chegarán aos 58 a final de 2020. "A causa é estrutural e non conxuntural", repetiu a empresa respecto dos 170 millóns de perdas nos últimos tres anos. "Se a planta fose rendible, todos os operadores do sector estarían pegándose para comprala pagando e non recibindo diñeiro", insistiu tras recordar que estas perdas son "severas e recorrentes" e que nelas non se inclúe "o impacto da folga" dos traballadores.
Alcoa advirte de 170 millóns de perdas nos últimos tres anos: "É imposible operar a planta sen baixar o prezo da enerxía"
A multinacional, ademais, nega, como advirten persoal e administracións, que o apagado das cubas supoña a inviabilidade dun reinicio da actividade. No entanto, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, que declarou como testemuña, alertou de que a falta de investimentos e as condicións dos transformadores provocaría "case seguro" a imposibilidade de reinicio e unha "catástrofe" na planta.
Foi nunha tensa quenda de pregunta por parte do avogado de Alcoa, que antes xa censurara a actitude do comité de empresa durante as negociacións e mesmo durante as protestas, acusándoos de pór as restricións pola pandemia como escusa para evitar xuntanzas pero mobilizarse "con abrazos e incumprindo as medidas" na Mariña.
Á saída da vista, o presidente do comité de empresa amosouse "seguro" de que serán concedidas as medidas cautelares porque porque “o argumento da multinacional é sempre o mesmo, que queren parar as cubas”.