Pacto no Congreso para que o Goberno de España interveña Alcoa na Mariña

Mobilización de persoal de Alcoa na Mariña CC-BY-SA CCOO

A intervención temporal da planta de Alcoa albíscase xa como a única solución para evitar o despedimento de máis de 500 traballadores da factoría da Mariña. Neste luns, o Congreso aprobou unha proposición non de lei na que se insta o Goberno central a que se leve a cabo "á maior brevidade posible" para garantir así a continuidade da actividade e do emprego e logo do acordo alcanzado entre PSOE, PP e BNG. 

O Congreso aproba unha iniciativa, pactada entre PSOE, PP e BNG, na que se insta o Goberno central a intervir temporalmente a fábrica para a súa posterior venda

Socialistas, populares e nacionalistas pactaron unha proposta transaccional coa que chaman ao Executivo a "adoptar cantas medidas sexan necesarias á maior brevidade posible, incluída a intervención pública temporal para a súa posterior venda a un investidor privado que garanta un proxecto industrial viable para o mantmento da actividade industrial e dos postos de traballo na factoría de Alcoa en San Cibrao". 

O acordo entre as tres forzas foi anunciado polo portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, na súa intervención na Comisión de Industria da Cámara Baixa na que reclamou que se adoptasen medidas para a continuidade da fábrica na Mariña logo de que a pasada semana Alcoa presentase o ERE que pon en perigo uns 1.000 empregos. Pouco despois, a iniciativa era aprobada. 

A proposta inicial do Bloque reclamaba, ademais da intervención da planta "para retornala ao ámbito publico", tamén a creación dunha "tarifa eléctrica galega" e a posta en funcionamento do estatuto do consumidor electrointensivo. Finalmente, e ante a premura por atopar unha solución que evite os despedimentos, BNG, PP e PSOE acordaron unha proposta que se limite á intervención temporal "urxente" da factoría para evitar a aplicación do ERE e a paralización das cubas. 

"O máis importante é procurar unha solución xa e que a proposta sexa tomada en conta polos gobernos galego e español", advertiu Néstor Rego, que asegura que "non hai outra alternativa". 

O PSOE advirte de que aposta tamén mesmo pola intervención "se a vía da venda de Alcoa non vai adiante"

O PSOE, a través da súa deputada Ángeles Marra, advertiu de que o Goberno de España "traballa" xunto á Xunta en calquera posibilidade para evitar os despedimentos tras "quedar claro que Alcoa quere pechar a planta e deixar sen futuro á Mariña". "Se a vía da venda non vai adiante, mesmo estaríamos dispostos a aceptar esta proposta transaccional" que inclúe a posiblidade da intervención, asegurou a parlamentaria. 

Ana Pontón, na xuntanza co comité de empresa de Alcoa na Mariña CC-BY-NC-SA BNG

Desde Galicia en Común, o deputado Antón Gómez-Reino defendeu tamén unha "intervención pública e coordinada" entre o Estado e o resto de administracións públicas como única solución para o futuro da planta de Alcoa. “Nunca se tiña que ter privatizado Inespal como fixo o PP, tan patriotas que malvenden o público cando é rendible; unca máis axudas multimillonarias a empresas sen compromiso co emprego", dixo. 

O texto pactado a partir da iniciativa do Bloque saíu adiante cos votos a prol do propio BNG xunto a PSOE, PP, Unidas Podemos, Ciudadanos, PNV, ERC, EH-Bildu e Foro Asturias. O único grupo representado na comisión que votou en contra foi Vox.

A aprobación da iniciativa no Congreso chegaba case ao tempo no que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantiña unha xuntanza cos representantes do persoal da factoría da Mariña e das auxiliares. 

"Só queda unha alternativa: a intervención pública. A solución non vai vir dos xulgados, ten que vir do Consello de Ministros e da Xunta", advertía Pontón desde San Cibrao. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.