Estudantes da Mariña, á fronte das protestas para salvar os empregos na factoría de aluminio

Marcha de estudantes contra os despedimentos en Alcoa San Cibrao, este 11 de outubro en Cervo CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Alcoa aseguraba o pasado venres que está a actuar de "boa fe". Facíao nunha carta ao seu persoal no que tamén se laiaba por non poder "chegar a un acordo cos representantes dos traballadores". E, acto seguido, evidenciaba a súa intención de despedir 524 persoas na factoría de aluminio de San Cibrao, coa que quedou, xunto á de alúmina, no proceso de privatización de Inespal a finais dos anos 90 do século pasado.

A marcha de estudantes xunto a persoal da factoría procura facer ver que boa parte do futuro laboral da comarca pasa pola continuidade do complexo de alúmina-aluminio co que quedou Alcoa na privatización de Inespal

Ao contrario que noutras fases deste proceso, os Gobernos de Galicia e España coinciden, cando menos, nunha parte do diagnóstico. A multinacional estadounidense actúa "de mala fe" e bloquea a venda ao grupo Liberty que, aseguran, permitiría á factoría seguir adiante. Por iso, manteñen, agora non se descarta ningunha opción. Nin sequera a nacionalización temporal do complexo industrial (a través da Sociedad Española de Participaciones Industriales -SEPI-). 

Intervir e facelo de contado é o que reclama o persoal. "Que se movan", clamaba o pasado venres o presidente do comité de empresa do complexo mariñao, José Antonio Zan. Esa reivindicación volveuse botar ás estradas de Cervo este domingo, 11 de outubro, pero á fronte da comitiva non estaban os traballadores de Alcoa, senón mozas e mozos da comarca. Estudantes ao berro de "queremos traballar e non emigrar" porque, subliñan, o futuro das comarcas depende de que a fábrica subsista. 

Dende o alto do Castelo, entre Xove e Cervo, a comitiva descendeu ata chegar á contorna da fábrica. "Os estudantes somos currantes", repetiron. "A solución, unha intervención", repetiuse ante a fábrica. Tratábase de facer ver, sinalan dende o comité de empresa, que o futuro laboral de boa parte deste estudantado pasa por que o complexo de alúmina-aluminio siga vivo, xa sexa para traballaren directamente nas factorías ou nos moitos negocios que dependen da súa actividade.

O comité de empresa insta os gobernos a intervir xa para facilitar a venda da planta ao grupo Liberty e impedir que Alcoa despida o persoal e faga hibernar as cubas

O descubrimento dunha placa de "benvida" ao grupo Liberty no lugar onde ata hai uns días estaba o logotipo de Alcoa, que ardeu nunha das protestas do persoal, simbolizou a petición dun persoal que segue clamando pola intervención gobernamental. O persoal, que continúa en folga indefinida e impedindo a saída de aluminio da fábrica, ten tamén como obxectivo impedir que Alcoa poña a hibernar as cubas da fábrica de aluminio. De facelo, advirten, a venda sería moito máis complicada.

Nas últimas horas, por parte da Xunta vénse instando o persoal a que impugne o ERE que formula Alcoa. O Ministerio de Industria, pola súa banda, mantiña o pasado venres que "a única responsable do fracaso das negociacións" é a propia Alcoa, que "empurra" as Administración e o que ata agora é o seu persoal a "un conflito innecesario". Asegura o Goberno de España que a súa intención é "seguir traballando para lograr unha solución que manteña o emprego e as capacidades industriais en Lugo"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.