Goberno central e Xunta fan fronte común para deter o ERE en Alcoa e o persoal pide preparar xa a intervención

Mobilización de persoal de Alcoa na Mariña CC-BY-SA CCOO-Galicia

Goberno central e Xunta insisten, desta vez si, nunha fronte común para frear as intencións de despedimentos de Alcoa na Mariña, mesmo levándo aos tribunais. Ambas as dúas administracións aseguraron que acudirán á vía "xudicial, administrativa e laboral" para frear o ERE que pretende o despido de máis de 530 traballadores --que suporía a perda de emprego doutros tantos obreiros das auxiliares-- e poder garantir a produción de aluminio primario en San Cibrao. 

Goberno central e Xunta advirten de que acudirán á vía "xudicial, administrativa e laboral" para frear o ERE e Industria volve ameazar coa devolución das axudas

"Estamos analizando todos os instrumentos dispoñibles dentro do ordenamento xurídico e do marco da Comisión Europea para garantir o futuro industrial", dixo este martes no Senado a ministra de Industria, Reyes Maroto, que asegurou que malia a negativa de Alcoa, "o interese de Libery House por investir na planta continúa en pé e o seu proxecto grante o futuro da actividade". 

Mobilización de persoal de Alcoa na Mariña CC-BY-SA CC

Poucas horas despois, tras a celebración da mesa multilateral polo futuro de Alcoa na Mariña, o conselleiro de Industria, Francisco Conde, insistiu en que as dúas administracións traballan "en todas as alternativas posibles"  para “dar unha resposta administrativa, laboral e xudicial” ante un posible despedimento colectivo. 

Con todo, nin o Executivo central nin o autonómico fixeron referencia á intervención publica da planta, opción que o persoal --en folga indefinida desde o pasado domingo-- demanda como única alternativa para desatascar o conflito e evitar o peche definitivo. 

Xunta e Executivo central din traballar "en todas as alternativas posibles" pero non fan referencia á intervención pública da planta

Desde a Xunta e o Estado insístese no "máximo compromiso" cos traballadores para levar a cabo unha "resposta coordinada", tamén co persoal. Desde o Goberno central teiman en lembrarlle a Alcoa que calquera evidencia de incumprimentos por parte da compañía provocará a solicitude da devolución de todas as axudas públicas recibidas nos últimos anos. 

Agora, ambas administracións agardan polos movementos de Alcoa, que ten ata o vindeiro 13 de outubro para comunicar o despedimento colectivo. Mentres, o comité de empresa solicítalles que apuren xa os trámites para unha intervención inmediata no caso de que non haxa resposta positiva por parte da multinacional e advirten da importancia de que se cumpra co compromiso de "non parar as cubas" en ningún momento. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.