O persoal de Alcoa impide a saída de aluminio da Mariña e irá á folga desde este domingo

Mobilización do persoal de Alcoa San Cibrao este 29 de setembro de 2020 CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Arredor dun milleiro de traballadores de Alcoa na Mariña --uns 500 da planta de aluminio e outros tantos da de alúmina-- están convocados a unha folga indefinida a partir do vindeior domingo 4 de outubro logo do fracaso das negociacións entre a empresa e Liberty para a venda da factoría. 

Un milleiro de traballadores de Alcoa está convocado á folga indefinida desde o vindeiro domingo 4 de outubro

A decisión foi tomada este martes en asemblea polo persoal, tamén despois de que non se chegase a un acordo entre o comité de empresa e a a multinacional estadounidense, que pretende aplicar un ERE mentres operarios, Xunta e Goberno central pretenden ampliar o prazo para a aplicación do expediente co obxectivo de que a SEPI adquira a factoría temporalmente, antes de ser vendida ao grupo Liberty. 

A convocatoria para este paro indefinido foi xa rexistrada neste martes, nunha xornada na que se intensificaron as protestas, con concentracións ás portas de Alcoa, onde se queimaron pneumáticos e o propio cartel da empresa. Ademais, o acceso ao complexo industrial estivo cortado durante toda a mañá, non permitíndoselle o paso a ninguén ata a celebración da asemblea ás 13 horas, na que se decidiu evitar a saída de aluminio da factoría, aínda que si permitir a entrada da mteria prima para continuar coa produción.

O persoal de Alcoa decidiu en asemblea impedir a saída de alumino da factoría 

O comité de empresa insiste en instar a Xunta e Goberno central a manter a "presión" sobre Alcoa nos vindeiros 15 días, prazo que a emprsa ten para comunicar o ERE que afectaría máis de 530 traballadores e que deixaría sen emprego tamén outros 400 operarios das auxiliares, o que suporía un duro golpe para toda a comarca. 

Ademais, insisten na opción de intervención da planta por parte do Estado para evitar que se paren as cubas e garantír así a produción e a continuidade dos postos de traballo. Os representantes dos traballadores advirte de que Liberty House, o grupo que negociou con Alcoa a súa compra, mantén o interese na planta malia teren fracasado as negociacións nos últimos días. 

Tanto o comité de empresa como o Goberno central e a Xunta acusan a Alcoa de actuar de "mala fe" na negociación tras romper as conversas e mesmo rexeitar a oferta da SEPI para que fose esta sociedade estatal quen adquirise a fábrica. Alcoa, pola contra, di ter actuaco con "boa fe" pero critica que as alternativas incluísen condicións "fóra de mercado". 

A Xunta e o Goberno central estudan "todas as vías", mesmo a intervención, para que Alcoa "dea paso" a Liberty

Desde a Xunta, o seu vicepresidente e conselleiro de Economía, Francisco Conde, asegura que ambas as dúas administracións estudan "todas as vías" desde o punto de vista xurídico e administrativo, mesma a intervención, para conseguir que Alcoa "deixe de operar a planta" e "dea paso" a Liberty. 

O comité de empresa, pola súa banda, cualifcou de "incrible" a actitude amosada durante os últimos días de negociación por Alcoa, empresa que pasou a ser duramente criticada tanto por traballadores como por Xunta e Executivo central. Ademais, pediu o apoio da cidadanía e do persoal para "seguir facéndose oír" e anunciou a colocación dunha carpa durante as 24 horas do día na entrada da fábrica para todas aquelas persoas que queiran colaborar nas mobilizacións ou amosar o seu apoio. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.