Goberno central e Xunta acusan a Alcoa de "actuar de mala fe" durante as últimas semanas e amosan a súa "decepción pola ruptura da negociación" do proceso de venda da planta de aluminio a Liberty House. Así llo manifestaron o Ministerio de Industria e o Executivo autonómico ao comité de empresa nunha reunión telemática na que cargaron contra a actitude da multinacional estadounidense.
Ministerio e Xunta acusan a Alcoa de "actuar de mala fe" nas últimas semanas e amosan a "decepción pola ruptura da negociación" a última hora
A ministra de Industria, Reyes Maroto, e o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, reuníronse cos representatnes de UGT, CCOO e CIG e trasladáronlles a "decepción de ambos executivos" con Alcoa, á que acusan de "decidir romper as negociacións para vender á británica Liberty House apenas unha hora antes de que finalizase o prazo establecido para chegar a un acordo".
O Goberno central advirte de que Alcoa rexeitou todas as propostas, mesmo a compra temporal da planta por parte da SEPI
Segundo informa o Ministerio nun comunicado, Alcoa "rexeitou sistematicamente" todas as ofertas postas enriba da mesa nas últimas semanas tanto pola empresa interesada como polo Goberno central, que "estaba disposto a comprar temporalmente a planta a través da SEPI, para vendela inmediatamente a continuación aos británicos de Liberty”.
Esta foi a opción que manexou o Executivo central desde que o pasado martes Alcoa rompese as negociacións para o que o Goberno considera “unha operación novidosa e impecable, que cumpría todos os requisitos legais tanto españois como a nivel comunitario”.
Desde o comité de empresa, pola súa banda, aseguran que a multinacional condicionou a “despedimentos asinados” unha ampliación do prazo de negociación coa SEPI para a venda, o que considera unha "auténtica vergoña".
Así, tanto Reyes Maroto como Francisco Conde instan a Alcoa a que reflexione "sobre as consecuencias que a súa decisión terá para os seus traballadores, as súas familias e a comarca da Mariña no seu conxunto“, e a aceptar “algunha das solucións” ofrecida, xa que insisten en que "si é posible alcanzar un acordo" que permite continuar coa produción e manter os postos de traballo.
"Non existen argumentos que poidan xustificar unha decisión que prexudica todas as partes”, di o Ministerio, que xunto á Xunta promete "seguir traballando para chegar a un acordo que garanta os postos de traballo e as capacidades produtivas da planta, co obxectivo de que non se pare a produción”, di a nota do Goberno central.
Mentres, o persoal espera explicacións sobre a negativa --polo momento-- á intervención pública e temporal da planta por parte do Estado para evitar o fracaso final e insiste nesta posibilidade. Este luns o comité está convocado xunto ás administracións para a mesa multilateral sobre o proceso de venda. Ademais, os representantes sindicais viaxarán a Nigrán, onde ao mediodía se reinician as conversas do ERE que ameaza máis de 530 traballadores directos, 400 das auxiliares e o futuro dunha comarca enteira.
Desde o comité de empresa, este mesmo luns, aseguran que "non é que exista mala fe" por parte de Alcoa, senón que "existe unha premeditación absoluta por parte de Alcoa para pechar a planta". O presidente José Antonio Zan, ademais, insiste en que o ERE impulsado pola compañía é "ilegal", polo que instan ás autoridades laborais a que o "rompan".
Para Zan, “non se pode negociar” con Alcoa así, porque unha empresa "non pode vir a un Estado e pór de xeonllos dúas administracións”, ás que reclamou que se interveña a fábrila se é preciso.