Conta atrás para os empregos da planta de Alcoa en San Cibrao: o domingo remata o prazo

Concentración do persoal de Alcoa en Lugo © CIG

Este domingo expira o prazo aberto en agosto para as negociacións entre Alcoa e GFG Alliance (Liberty House) para acordar a venda da planta de San Cibrao. A alegría (e o alivio) que seguiron o pasado 13 de agosto á decisión de Alcoa de manter aberta durante seis semanas, ata o 28 de setembro, a negociación do ERE, e as conversas co grupo británico. Porén, poucos avances houbo neste tempo, no que traballadores e sindicatos veñen acusando a Alcoa de non estar interesada en negociar, buscando o fracaso das conversas e mesmo rexeitando a mediación institucional.

Este xoves Alcoa convocou a derradeira reunión de negociación do ERE para este luns 28 de setembro en Madrid, algo que foi duramente criticado polo Comité de Empresa da factoría de San Cibrao, pois ata agora non se celebrar ningunha xuntanza na capital do Estado, que nestes momentos atravesa unha situación crítica por mor da pandemia de coronavirus. O Comité de Empresa denuncia "mala fe" por parte da compañía.

Este domingo expira o prazo aberto en agosto para as negociacións entre Alcoa e GFG Alliance (Liberty House) para acordar a venda da planta de San Cibrao

Xa na recta final desta conta atrás este mércores deu comezo unha folga indefinida do persoal das empresas auxiliares da planta de San Cibrao. A asemblea de traballadores e traballadoras das auxiliares acordou activar a folga como medida de presión a Alcoa para que desbloquee o proceso de venda, mais tamén para urxir a Xunta e o Goberno español a que forcen esa operación con GFG, o único proxecto que está enriba da mesa, a única posibilidade de salvar os postos de traballo.

O persoal das auxiliares de Alcoa San Cibrao levou a cabo unha folga esta semana © CIG

"Somos traballadores/as directos/as da fábrica e imos loitar polo noso futuro até o último momento do conflito coas mesmas premisas que os compañeiros/as do comité de Alcoa: impedir a parada das cubas e que non haxa nin un só despedimento", sinalaba Kike Rocha, voceiro da plataforma coordinadora das auxiliares, que denunciaba a falta e vontade da multinacional estadounidense para chegar a un acordo.

Traballadores e sindicatos veñen acusando a Alcoa de non estar interesada en negociar, buscando o fracaso das conversas e mesmo rexeitando a mediación institucional

A folga tivo un seguimento masivo, como todas as mobilizacións que están a levar a cabo os traballadores industriais afectados e tamén o conxunto da sociedade da Mariña. Este mércores, no inicio do paro, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, acusou novamente a Alcoa de buscar o fracaso das negociacións e de incumprir o acordo acadado o pasado 13 de agosto, no que todas as partes aceptaron traballar na proposta de mediación feita polas administracións española e galega para acadar unha solución. 

Alcoa "está aproveitando este tempo para autoxustificar que a venda non é posíbel, abocando a que este proceso acabe da peor maneira e negándose a aceptar a mediación institucional como marco no que acadar unha solución", denuncia a CIG

Carril denunciou que a multinacional "está aproveitando este tempo para autoxustificar que a venda non é posíbel, abocando a que este proceso acabe da peor maneira e negándose a aceptar a mediación institucional como marco no que acadar unha solución". "Se o que pretende Alcoa é chegar ao día 28 sen venda, e polo tanto ameazando coa parada das cubas e os despedimentos, non llo imos permitir", concluíu Carril, chamando a intensificar as mobilizacións.

No marco dunha xuntanza telemática, a CIG instou de novo a Alcoa a non poñer máis obstáculos ao proceso de venda e a aceptar "que a mediación á que nos sometemos pasa tamén por non boicotear as reunións convocadas polos gobernos, asistindo a elas". Entre os obstáculos impostos por Alcoa nas conversas está, por exemplo, a garantía de subministros de alúmina unicamente por cinco anos ou as acusacións a GFG Alliance de realizar "demandas imposibles".

Complexo industrial de Alcoa en San Cibrao CC-BY-SA Praza Pública

Alcoa sinalou este mércores que non ve "realista" que se poida asinar a venda antes deste domingo, cando finaliza o prazo

Alcoa sinalou este mércores que non ve "realista" que se poida asinar a venda antes deste domingo, cando finaliza o prazo. Afirmouno o presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado Baselga, que de novo acusou a Liberty House de poñer enriba das mesa "demandas non razoables". Pola contra, o comité de empresa de Alcoa en San Cibrao vén defendendo o proxecto proposto por Liberty House, que cualifica de "claro" e "conciso" e que "a deixaría a primeiro nivel á hora de competir co resto das empresas do sector e facendo produtos de valor engadido de moi alta competencia". O Comité de Empresa instou ao Goberno central a presionar a Alcoa para que acepte a súa mediación e acorde a venda da factoría.

 

Reproches entre PP e PSOE e proposta de nacionalización

O PSdeG acusa o PP de “facerlle o traballo sucio a unha empresa tan irresponsable como Alcoa”

Esta semana o Parlamento Galego aprobou por unanimidade instar ao Goberno central a "fixar un prezo eléctrico competitivo, que pase pola aprobación dun estatuto para consumidores electrointensivos, incrementar ata o máximo que autoriza a Unión Europea as compensacións por custos indirectos de CO2 e un novo sistema de xestión da demanda que substitúa á poxa por interrompibilidade". A iniciativa foi presentada polo PP e contou co apoio de BNG e PSdeG-PSOE, aínda que os socialistas criticaron os populares por rexeitar incorporar unha emenda e por “facerlle o traballo sucio a unha empresa tan irresponsable como Alcoa”. O PSdeG considera que a iniciativa supón “darlle escusas a Alcoa, como se o prezo da enerxía fose a causa do peche logo de que dixeran que non continuarían aínda que fose gratis”.

O BNG instou ao Goberno presidido por Pedro Sánchez a anunciar a súa "disposición" a nacionalizar a planta de San Cibrao co obxectivo de "forzar" un acordo de venda

Así mesmo, o PSdeG-PSOE criticou que Núñez Feijóo se presente como “defensor a ultranza do noso país” logo de permanecer “calado” mentres o Goberno do PP "estivo seis anos, entre 2012 e 2018, sen fixar o marco regulatorio para as electrointensivas". Ademais, afeou que os populares queiran "sacar peito" mentres “o actual goberno ultima o Estatuto das Electrointensivas en apenas dous anos en minoría, con procesos electorais polo medio e co bloqueo do PP aos orzamentos”.

Pola súa banda, o BNG instou ao Goberno presidido por Pedro Sánchez a anunciar a súa "disposición" a nacionalizar a planta de San Cibrao co obxectivo de "forzar" un acordo de venda. En termos semellantes vén expresándose a CIG, que aposta pola nacionalización do complexo de San Cibrao no caso de frustrarse a venda ou de resultar nun acordo insuficiente. "É unha opción posíbel e viábel e non existen limitacións normativas que impidan esta intervención pública, para que só fai falta vontade política", sinalou o sindicato.

Cartel contra o peche de Alcoa San Cibrao nun local comercial de Burela CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.