O 28 de setembro é a nova data para que a empresa negocie co grupo Liberty House, interesado en mercar a factoría, única saída viable para os sindicatos
Como nas anteriores crises periódicas a conta de anuncios de peche por parte da empresa, a postura contraria das administracións impulsadas polos sindicatos segue a facer mudar os plantexamentos iniciais de Alcoa. Se a finais de maio a empresa anunciaba a súa intención de pechar a súa planta de aluminio en San Cibrao, deixando só en funcionamento a veciña de alúmina e botando a centos de traballadores directos e indirectos, agora acepta manter aberta ata o 28 de setembro a negociación do ERE deses postos laborais para, mentres, negociar a venta da factoría ao grupo Liberty House, interesado nela e única saída viable para os sindicatos.
A decisión de Alcoa, que implica manter activas as cubas de produción, cuxo apagamento dificultaría a continuidade da fábrica, prodúcese despois de que así o propuxesen conxuntamente Goberno central e Xunta, que tras semanas de reproches cruzados mesmo emitiron un inédito comunicado conxunto. Nel propuñan a todas as partes, empresa e sindicatos, ampliar seis semanas, ata o 28 de setembro, o prazo de negociación do ERE para facilitar á súa vez a negociación de venda da planta.
A aceptación por parte da empresa, que implica manter en funcionamento as cubas durante ese tempo, prodúcese despois de que a empresa rexeitase a pasada semana participar en novas xuntanzas de negociación e previamente insistise en parar a produción.
Agora Alcoa xa admite que a ampliación do período de consultas do ERE facilita “unha potencial venda da planta de aluminio” que incluiría “as series de electrólisis e a fundición”, que “continuarán operando durante o proceso”, pero non a planta de produción de alúmina, que Alcoa quere conservar malia que Liberty House tamén amosara interese na súa compra.
Este xoves a Xunta emitiu un novo comunicado no que “agradece a todas as partes que se sumen á proposta realizada o pasado martes polos gobernos estatal e galego”. Pola súa banda, os sindicatos amosaron o seu agradecemento aos dous gobernos por secundar a proposta de ampliación do prazo do ERE que eles mesmos lanzaran para facilitar así a que consideran única saída posible, a venda da planta a unha empresa interesada en mantela en funcionamento.