Os traballadores de Alcoa concentráronse este venres pola mañá en Compostela, ante a sede do Parlamento galego que celebraba a súa sesión de constitución. Buscaban recadar así o apoio dos distintos grupos parlamentarios á súa demanda de que as negociacións sobre o ERE presentando en San Sibrao se prorroguen durante seis semanas (do 10 de agosto ao 20 de setembro), para facilitar así a posibilidade de que a planta sexa adquirida polo grupo británico Liberty House. Representantes dos tres grupos parlamentarios achegáronse a falar con membros do comité.
Os traballadores piden estender as conversas ata o 20 de setembro para facilitar a venda a Liberty
A proposta do comité de empresa contempla a celebración dunha xuntanza semanal, a través dunha mesa multilateral, para manter puntualmente informados dos avances desas negociacións tanto á Comisión Representativa dos Traballadores e Traballadoras, como á Xunta, o Ministerio de Industria, CIG, CCOO e UGT. O proceso de venda desenvolveríase “sen para nin unha cuba”, para que as instalacións poidan venderse a Liberty House coa planta en funcionamento.
Unicamente no suposto de que a venda da planta de aluminio a Liberty House non chegase a producirse a 20 de setembro, o día 21 de setembro as partes reuniríanse para finalizar o período de consultas nos termos que se acorden. De facerse efectivo o ERE, iso significaría o despedimento colectivo dos 534 empregados da empresa e duns 450 traballadores e traballadoras do aluminio dunhas 20 empresas externas
O persoal reclama o apoio da Xunta de Galicia e do Goberno central para que "forcen" a Alcoa a regresar ás negociacións
As negociacións entraron este mércores e xoves en punto morto, despois de que os representantes de Alcoa se negasen a asistir ás dúas xuntanzas convocadas, entre as acusacións do persoal á multinacional de estar "torpedeando" a posible compra por parte de Liberty.
O persoal reclama o apoio da Xunta de Galicia e do Goberno central para que "forcen" a Alcoa a regresar ás negociacións. Tamén piden que a multinacional renuncie á súa teima de parar as cubas, unha medida que dificultaría unha futura compra. "Non se pode permitir a una multinacional americana pisotear a todo un Goberno central”, sinalou durante a concentración o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan.
Tanto Xunta como Goberno Central, ao igual que os principais sindicatos -CIG, CCOO e UGT-, apoian o mantemento das negociacións, enfocadas a favorecer a venda da planta a un comprador interesado en facela funcionar. Así o certificaron hai dous días nun comunicado conxunto no que animaron “a seguir traballando, desde a unidade, para lograr que o proceso de compra-venda da planta de Alcoa San Cibrao teña as certezas necesarias para que dita operación sexa efectiva”.
Tanto Xunta como Goberno Central, ao igual que os principais sindicatos -CIG, CCOO e UGT-, apoian o mantemento das negociacións
A voceira do PSdeG na Deputación de Lugo, Pilar García Porto, subliñou o "apoio constante" da Deputación de Lugo aos traballadores de Alcoa. De igual xeito, a vicepresidenta da Deputación lucense, Maite Ferreiro, trasladou o seu apoio aos traballadores de Alcoa e das auxiliares e sinalou que “os últimos acontecementos, coa actitude de Alcoa nas negociacións do ERE, demostran que a única solución para que as cubas non paren é intervir a empresa”. “O Goberno do Estado e a Xunta teñen que aclarar xa de que lado están,do lado dos traballadores, do futuro da Mariña, ou do lado da empresa”, engadiu.