Este luns remata o prazo ampliado de consultas do ERE iniciado por Alcoa para pechar a planta de aluminio sen que neste tempo se concretase a súa venda ao grupo Liberty
A finais de maio Alcoa anunciou a súa intención de pechar a súa planta de aluminio da Mariña e deixar en funcionamento só a de alúmina, decisión que a levou a solicitar un expediente de regulación de emprego (ERE) para o medio milleiro de empregados directos da factoría. Tras pedirllo de xeito conxunto Xunta, Estado e sindicatos, en agosto a empresa aceptou aprazar a negociación dese ERE seis semanas máis para, nese tempo, negociar co grupo Liberty, interesado na compra da planta. O prazo remata agora sen acordo entre as dúas empresas e este luns Alcoa citou aos representantes sindicais para poñer fin á negociación do ERE.
A medida que se foi achegando a fin do prazo sen concretarse a negociación entre Alcoa e Liberty, o persoal da factoría e das empresas alleas que traballan para ela foi intensificando as súas protestas, con cortes de estradas durante a pasada semana, un peche nos concellos de Xove e Viveiro este sábado e unha manifestación en Xove este domingo. Unha marcha desde a estación de tren da localidade ata a Casa do Concello á que asistiron tamén representantes dos principais partidos políticos, entre eles o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, que o sábado secundaba as críticas dos traballadores contra Alcoa, á que acusan de non negociar lealmente a venda.
“Ou Alcoa permite a venda ou o Estado debe utilizar todas as vías legais de intervención para que a entrada do inversor sexa unha realidade”, reclama Gonzalo Caballero ao Goberno central encabezado polo seu propio partido
“Ou Alcoa permite a venda ou o Estado debe utilizar todas as vías legais de intervención para que a entrada do inversor sexa unha realidade”, reclamaba novamente o socialista ao Goberno central encabezado pola súa propia formación. Unha intervención estatal que hai meses que vén reclamando o BNG.
Tamén desde os representantes dos traballadores a reclamación unánime é a dunha intervención estatal que faga que Alcoa venda a planta en vez de pechala, única saída que ven para a salvación dos seus postos de traballo xunto cunha reclamación dunha nova tarifa eléctrica para este tipo de instalacións industriais consumidoras de grandes cantidades de enerxía.