Alcoa pecha a planta de aluminio de San Cibrao. A multinacional estadounidense comunicou ao persoal da factoría a aplicación do despedimento colectivo na planta, que deixará na rúa a 524 traballadores. A empresa xustifica que no periodo de consultas que se desenvolveu nos últimos meses non puido "chegar a un acordo cos representantes dos traballadores". Tampouco se puido completar un proceso de venda ao grupo británico Liberty, interesado en adquirir a factoría, mais a multinacional defende que "negociou de boa fe e fixo importantes concesións para facilitar un acordo".
A multinacional estadounidense defende que nos últimos meses "negociou de boa fe", a pesar de que persoal, sindicatos e administracións acusan a empresa de ter bloqueado unha posible venda da factoría ao grupo Liberty
Pola contra, persoal, sindicatos e administracións acusaron a Alcoa nas últimas semanas de dificultar un posible acordo, coincidindo Xunta e Goberno central en acusar a empresa de "actuar de mala fe". O executivo central e o autonómico advertían este mércores que acudirían á vía "xudicial, administrativa e laboral" para frear o ERE e o ministro de Industria ameazou con forzar a Alcoa a devolver as importantes axudas económicas recibidas. Persoal e sindicatos, que reclaman que a planta sexa intervida polo Estado, acusaran a Alcoa de empregar o proceso de negociacións "para autoxustificar que a venda non é posible".
Pouco despois de coñecerse o anuncio de Alcoa, o Ministerio de Industria difundiu un comunicado acusando á multinacional de ser "a única responsable do fracaso nas negociacións de venda da planta". O Ministerio considera que a empresa "empurra os traballadores e ás Administracións a un conflito innecesario", xa que "había solucións para acadar un acordo de compra-venda". Neste senso, o Goberno central reitera o seu "malestar" polo feito de que Alcoa "abandonase a negociación non respondendo á proposta do Goberno de que sexa a SEPI a que actuase de intermediaria para a venda da planta a Liberty House".
O Ministerio de Industria asegura que "seguirá traballando para lograr unha solución que manteña o emprego e as capacidades industriais en Lugo"
O Ministerio de Industria asegura que "seguirá traballando para lograr unha solución que manteña o emprego e as capacidades industriais en Lugo". Este xoves eldiario.es publicaba que o Ministerio de Industria podería ter encargado un informe a Avogacía do Estado para preparar unha posible intervención da planta de San Cibrao. Esta intervención non sería necesariamente permanente, senón que serviría para evitar a paralización das cubas e preparar unha venda a algún comprador interesado.
Alcoa, que tamén levará a cabo a hibernación das cubas de electrólise, prevé que o proceso de despedimentos se complete no primeiro trimestre de 2021. Unha vez finalizado, manteranse 99 traballadores dedicados na súa maior parte a operar a fundición, afirma. As indemnizacións dos afectados polo despedimento colectivo serán de 30 días por ano traballado, cun máximo de un ano de salario.
Alcoa critica "a falta dun marco enerxético competitivo", unha situación "que non prevemos que cambie"
O presidente de Alcoa en España, Álvaro Dorado, afirma que "a planta de aluminio enfróntase a dificultades estruturais importantes que a fixeron non competitiva" e xustifica esta situación no prezo pagado pola electricidade e na ausencia dunha mellor oferta do Estado para os grandes consumidores industriais, criticando "a falta dun marco enerxético competitivo", unha situación "que non prevemos que cambie", di. Asegura que a planta "perdeu máis de 110 millóns de euros entre 2018 e 2019, e actualmente perde aproximadamente 1 millón de euros por semana" e di que "as proxeccións para os próximos anos non cambian esta situación, xa que o marco enerxético español segue sendo pouco competitivo en canto a custos e certidume para a produción de aluminio primario".
Dorado remata a carta dirixida ao persoal da factoría afirmando que "comprende" que son "momentos moi difíciles" e asegurando que manterán "a transparencia na evolución deste proceso tan complicado".
"A estas alturas, unha intervención pública vía expropiación está máis que xustificada", di Paulo Carril (CIG), que reclama que "os gobernos teñen que actuar coa mesma contundencia e rapidez coa que o está a facer a multinacional"
A CIG reaccionou de inmediato ao anuncio da aplicación do ERE colectivo na planta de San Cibrao, esixindo a Xunta e Goberno central que dean "pasos decisivos para intervir de inmediato a factoría e garantir que as cubas de electrólise sigan en activo". O mantemento das cubas foi unha das grandes esixencias do persoal nos últimos meses, subliñando que no caso de que paren, como anuncia Alcoa, as posibilidades de vender a factoría a algún comprador interesado serían moito máis reducidas.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, afirma que "a estas alturas, unha intervención pública vía expropiación está máis que xustificada e non existe nada na normativa galega, española ou europea que impida esta actuación". "É agora cando o Goberno español e a Xunta deben demostrar que teñen vontade política real para nacionalizar a fábrica e defender o mantemento dun sector estratéxico para o noso país como o do aluminio", sinala Carril
O presidente do Comité de Empresa, José Antonio Zan, reclamou que tanto Xunta como Goberno central se "movan" nas próximas horas para evitar, sobre todo, a hibernación das cubas
O sindicato salienta que "non se pode seguir perdendo o tempo en declaracións de intencións cando Alcoa xa puxo data para os despedimentos e a parada das cubas". "Os gobernos teñen que actuar coa mesma contundencia e rapidez coa que o está a facer a multinacional", afirma Carril. A CIG insta a "intensificar as mobilizacións" e a manter a unidade de acción "como único camiño para paralizar os plans de desmantelamento da multinacional e forzar as administracións a actuar coa urxencia e a contundencia que require esta crítica situación".
De igual xeito, o presidente do Comité de Empresa, José Antonio Zan, anuncia unha intensificación das mobilizacións por parte dos traballadores, destacando que non van "baixar os brazos" nin "deixar de loitar". Zan reclamou que tanto Xunta como Goberno central se "movan" nas próximas horas para evitar, sobre todo, a hibernación das cubas.
Alcoa, que tamén levará a cabo a hibernación das cubas de electrólise, prevé que o proceso de despedimentos se complete no primeiro trimestre de 2021
Nas últimas horas a Xunta remitiu un novo escrito de advertencia a Alcoa no que acusa á compañía de ter incumprido o deber de "boa fe contractual á que está obrigada en aplicación da normativa laboral" durante o proceso de negociacións para a posible venda da planta a Liberty House. A Consellería de Traballo denuncia que Alcoa "foi absolutamente insensible á posición estratéxica que unha empresa destas características ten nunha zona como A Mariña".
Este xoves anunciouse ademeais que Alcoa é a principal beneficiaria en Galicia dos fondos económicos que o Estado central entrega ás industrias en compensación por emisións de CO2, polos que podería recibir case 10 millóns de euros. En total, as industrias instaladas en Galicia recibirán 13,4 millóns e no conxunto de España a achega será duns 61 millóns de euros para todas as empresas. Con todo, dende a Delegación do Goberno central en Galicia xa se advertía que estas posibles axudas dependen aínda da "debida contestación aos requerimientos de información" esixidos a Alcoa e Alu Ibérica.