O TSXG estudará o día 28 a paralización do ERE en Alcoa mentres segue o debate sobre a intervención da planta

Mobilización dos traballadores de Alcoa en Viveiro © CIG

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) celebrará o vindeiro mércores 28 outubro a audiencia sobre a solicitude de medidas cautelares en relación ao ERE presentado por Alcoa na súa planta de San Cibrao. A solicitude foi presentada por CCOO, CIG e UGT e busca paralizar o ERE que deixaría na rúa a 524 traballadores e, igualmente frear a parada das cubas de electrólise, un proceso que os sindicatos sinalan que sería "fatal" e que "suporía un dano irreversible nas capacidades produtivas da fábrica de San Cibrao e lastraría calquera posible saída para garantir a continuidade dos empregos e da produción".

A medida foi solicitada por CCOO, UGT e CIG, buscando evitar ademais a parada das cubas de electrólise, que dificultaría moito calquera opción de venda

No escrito presentado ante o alto tribunal galego, demándase a intervención ou a administración xudicial dos bens produtivos da factoría, asumíndose a intervención e administración da planta de aluminio por parte da SEPI durante o tempo que dure o proceso de impugnación do despedimento colectivo e mentres non haxa sentenza xudicial firme. E de maneira subsidiaria, pídese que se ordene a Alcoa non executar os despedimentos individuais e, en consecuencia, que non proceda a parar a produción de aluminio na fábrica nin as cubas de electrólise.

Persoal de Alcoa, mobilizado ante a planta de San Cibrao © UGT

O Goberno central "chegará onde teña que chegar" e "contempla todas as opcións", dixo a ministra Reyes Maroto sobre unha posible intervención

Máis aló da decisión que adopte o TSXG, os tres sindicatos esixen de Xunta e Goberno central "unha actuación firme, decidida e inmediata de cara á intervir a fábrica e apartar a dirección de Alcoa da toma de decisións", tendo en conta "que xa confirmou a súa intención de executar o ERE e desmantelar o complexo industrial". Neste senso, as centrais sindicais van solicitar reunión urxente da Mesa Multilateral para "pór en común coas administracións" as accións a seguir e coñecer que traballos concretos fixeron o Ministerio de Industria e a Xunta dende a última xuntanza no camiño de efectivizar a intervención.

Para CCOO, CIG e UGT, "a estas alturas non valen as medias tintas nin máis declaracións de intencións", salientando que "as actuacións teñen que ser firmes e teñen que realizarse xa"

Nos últimos días representantes tanto do Goberno central coma da Xunta seguiron a realizar declaracións nas que non pechan a porta a esta posible intervención, pero sen avanzar publicamente nesta decisión. A ministra de Industria, Reyes Maroto, afirmou este domingo nunha entrevista concedida a El Periódico de Catalunya que o Goberno "chegará onde teña que chegar" e -preguntada sobre unha posible expropiación- dixo que o Executivo "contempla todas as opcións". 

Reyes Maroto sinalou que "no caso da expropiación temos que ver a parte xurídica e a idoneidade coa Comisión Europea e por tanto traballamos nesa alternativa ou outras". E engadiu que "o obxectivo é manter as capacidades produtivas" e que "Alcoa equivocouse". "É unha empresa que recibiu moitas axudas públicas e ten, por tanto, un compromiso coa sociedade española. Esperamos que recapacite", concluíu.

A Xunta apoiará a intervención "se chegado o momento ese é o camiño", di o conselleiro de Industria

De igual xeito, o conselleiro de Industria, Francisco Conde, afirmou este luns que a Xunta apoiará a intervención "se chegado o momento ese é o camiño". Conde asegurou que existe unha "unidade de acción" neste tema entre o Goberno galego e o Goberno central.

Para CCOO, CIG e UGT, "a estas alturas non valen as medias tintas nin máis declaracións de intencións", salientando que "as actuacións teñen que ser firmes e teñen que realizarse xa". "Nin o Goberno español nin o Goberno galego poden permitir que o futuro de toda unha comarca e dun sector industrial estratéxico como o aluminio quede ao arbitrio das decisións dunha empresa privada", engaden.

Mobilización dos traballadores de Alcoa © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.