O TSXG dá folgos á loita contra o ERE de Alcoa ao impedir a parada das cubas

Instalacións de Alcoa en San Cibrao CC-BY-NC-SA CIG

O TSXG estima parte das peticións dos sindicatos e impide a Alcoa a parada das cubas para manter a maquinaria activa por se o ERE fose declarado nulo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) permite a Alcoa levar a cabo os despedimentos previstos pero impídelle parar as cubas, estimando así parte da solicitude de medidas cautelares presentadas polos sindicatos CIG, CCOO e UGT contra o ERE presentado pola compañía na súa planta da Mariña. 

Logo da audiencia celebrada o pasado 28 de outubro na sala do social da Coruña, o alto tribunal decretou agora as medidas cautelares, aínda que non todas as reclamadas polos sindicatos na súa demanda contra Alcoa e na que interviñan como partes interesadas a Xunta e o Goberno central. 

Manifestación pola continuidade da planta de San Cibrao, hai uns meses en Viveiro © Rebelion Aluminio

As centrais solicitaron a intervención ou administración xudical dos bens produtivos e a intervención e administraicón da planta por parte da SEPI durante o tempo que dure o proceso de impugnación do despedimento colectivo --que afecta máis de 500 traballadores e suporía a perda do emprego doutros 400 nas auxiliares-- e mentres non houbese sentenza firme. Ao tempo, os sindicatos reclamaban que se impedise a Alcoa executar os despedimentos individuais e que non parase a produción de aluminio ni as cubas de electrólise, que din que suporía de facto a fin do complexo industrial. 

O TSXG acepta a última das demandas e ordena a Alcoa "absterse de levar a cabo calquera actuación dirixida a facer efectiva a parada das cubas" xa que, aínda que o alto tribunal entende que a compañía si pode executar os despedimentos, debe manter a maquinaria activa por se finalmente o ERE fose declarado nulo. 

Segundo o alto tribunal, manter as cubas en situación de retomar a produción de maneira inmediata é "imprescindible no caso hipotético da inmediata readmisión que se derivaría dunha declaración de nulidade do despedimento colectivo”, posto que o apagado das cubas electrolíticas, “aínda non sendo un proceso irreversible, ofrécese complexo, custoso e dilatado no tempo, carrexando, en suma, graves prexuízos aos traballadores”.

O apagado das cubas "aínda non sendo un proceso irreversible, é complexo, custoso e dilatado no tempo e conleva graves prexuízos aos traballadores”

No entanto, o TSXG cre que outorgar á SEPI a administración da planta mentres non haxa setnenza sería unha medida "desproporcionada" e que a intervención sería, en todo caso, unha “medida alternativa igualmente eficaz e menos prexudicial” para a empresa.

Nesta consideración foi clave, como se aclara no auto, a posición procesual da Avogacía do Estado que, ademais de manifestar na vista que non asistía en representación da SEPI, asegurou que consideraba “desproporcionada a administración ou intervención xudicial da planta”. 

Os xuíces tamén indican no auto que esta intervención, que estaría orientada a controlar as actividades desenvolvidas na planta co obxectivo de manter as cubas en situación de reiniciar de inmediato tras unha eventual cualificación do despedimento colectivo como nulo, non concorda, con todo, coa posición procesual do letrado do Ministerio de Industria.

Concentración do persoal de Alcoa ás portas do Parlamento © CIG

O TSXG cre "desproporcionada" a administración da planta por parte da SEPI, pero ve a intervención temporal como “igualmente eficaz e menos prexudicial”

En canto á petición sindical de que non se executen os despedimentos, o TSXG conclúe que non é posible, pois “trastornaría os límites e prazos” que debe cumprir a empresa con respecto ao ERE. Tampouco se acolle por parte do tribunal a pretensión de que se ordene á factoría que manteña a actividade na planta, por considerar que se trataría dunha “medida desproporcionada”.

Desde o comité de empresa, o auto foi cualificado como "moi satisfactorio" xa que "corrobora" as súas teses sobre a eventual para das cubas. José Antonio Zan, presidente, instou a empresa a "sentar a negociar a venda" tras o que considera o "último revés" para Alcoa. 

Ademais, o comité de empresa advertiu de que aínda que o TSXG permite executar os despedimentos, estes serían "unha parte mínima" porque, segundo di Zan, arredor do 90% do persoal é preciso para manter en funcionamento as cubas, ademais de que logo poderían ser recorridos

O comité advirte de que o veto á parada das cubas implica que o 90% do persoal non poida ser despedido xa que é necesario para mantelas en funcionamento

Pola súa banda, a ministra de Industria, Reyes Maroto, di que o Goberno central segue “tendendo a man” a Alcoa para  un acordo e “buscar solucións para a planta de San Cibrao” tras un auto que considera “un éxito sen precedentes”.

Desde a Xunta, o conselleiro de Industria, Francisco Conde, cre que a decisión de impedir a parada das cubas permite “seguir adiante desde a unidade de acción cos traballadores” para acadar o “obxectivo último” de “continuar coa produción de aluminio primario en San Cibrao e, polo tanto, o mantemento dos postos de traballo”. Ademais, insta a Alcoa a que volva á senda do diálogo, pero advirte de que de non facelo, o Goberno galego pedirá a intervención da factoría. 

Alcoa, segundo conta Europa Press na súa web, "acata" o auto do TSXG e di que o está "analizando. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.