O Goberno central aproba á fin o estatuto para a industria electrointensiva e a Xunta di que "chega tarde"

Complexo industrial de Alcoa en San Cibrao, nunha imaxe de agosto de 2020 CC-BY-SA Praza Pública

Dous anos despois de que o Goberno se comprometese, o Consello de Ministros aprobou por fin o Estatuto dos Consumidores Electrointensivos, real decreto que debe tornarse en clave para xerar un marco estable ao importe da enerxía para a industria altamente dependente da electricidade, como a factoría de aluminio de Alcoa na Mariña. Á espera da resolución que sobre o ERE presentado pola compañía tome o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o documento que ve luz este martes semella clave tamén nas opcións que o persoal teña de evitar un despedimento colectivo que afectaría máis de medio milleiro de traballadores directos e case outros tantos de maneira indirecta. Falta por ver agora se é insuficiente ou se non é demasiado tarde.

O estatuto beneficiará 612 empresas de alto consumo eléctrico e uns 300.000 traballadores

Segundo explicou o Goberno central, o estatuto beneficiará 612 empresas de alto consumo eléctrico ao rebaixarlles considerablemente a factura da luz e incrementar a súa competitividade. O documento chega logo de que o Executivo tivese que reformar o proxecto ante as advertencias de a UE podía acabar considerándoo axudas de Estado incompatibles coa normativa comunitaria. 

Feijóo e a ministra Maroto, nunha visita a Alcoa CC-BY-SA Xunta de Galicia

A ministra de Industria, Reyes Maroto, cre que o Estatuto do Consumidor Electrointensivo supón "un instrumento de política industrial co que o Goberno de España mellora a competitividade da grande industria e favorece o investimento industrial ao contar as empresas, por primeira vez, dun marco normativo de recoñecemento a estes consumidores, con novos instrumentos que ofrecen maior estabilidade, seguridade e certeza do prezo da enerxía". 

O Executivo central cre que o estatuto "proporciona "un marco xurídico e económico de seguridade e certeza dos custos enerxéticos"

Para o Goberno central, o documento dota varias emrpesas indisutriais cun custo enerxético "especialmente crítico" dun "marco xurídico e económico que proporciona seguridade e certeza dos custos enerxéticos e mellora a súa competitividade internacional" e respectando a lexislación europea. 

Segundo o Executivo central, o estatuto beneficiará 612 empresas de máis de 60 actividades industriais e uns 300.000 traballadores, ao que se unen as axudas compensatorias por custos de emisión indirectas de CO2 ou o Fondo Español de Reserva para Garantías de Entidades Electrointensivas, conformando así un "novo marco legal ao servizo da grande industria". 

O número de compañías beneficiadas é elevado, o que supón tamén que hai moitas máis para repartir respecto de, por exemplo, á poxa de interrompibilidade. De aí que os grandes consumidores desconfíen dun apñoio que non lles permitiría rebaixar a diferenza cos seus competidores en Alemaña ou Francia. 

No entanto, segundo Maroto, corrixiríase a "desvantaxe competitiva" que orixina ás industrias que operan en España "non contar aínda cun marco desta natureza” como si teñen noutros países. 

As empresas que reciban estas axudas deberán manter a actividade produtiva durante un período de polo menos tres anos

O Estatuto impón obrigas e compromisos ás empresas en canto a eficiencia enerxética, I+D+I e substitución de fontes contaminantes para poder optar aos mecanismos destinados á redución dos custos enerxéticos. Ademais, deberán manter a actividade produtiva durante un período de polo menos tres anos desde a data de concesión das axudas.

Cartel contra o peche de Alcoa San Cibrao nun local comercial de Burela CC-BY-SA Praza Pública

Entre os mecanismos para os custos enerxéticos, figura a compensación de ata o 85 % dos custos que se repercuten no prezo da luz polo financiamento das primas ás renovables, os custos de coxeración de alta eficiencia e o extracusto correspondente aos territorios non peninsulares.

A Xunta cre que o estatuto "chega tarde e sen consenso" e non arranxa a "incerteza" de moitas empresas

Ademais, o Estado asume cobertura dos riscos derivados da adquisición de enerxía eléctrica a medio e longo prazo de consumidores electrointensivos para fomentar a contratación bilateral a longo prazo.

Sumando todas as compensacións destacadas polo Goberno central, o apoio á industria electrointensiva superaría os 260 millóns de euros

Malia a mensaxe do Goberno central, o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, criticou que o estatuto "chega tarde e chega sen consenso". "As empresas electrointensivas están ante unha situación de incerteza sen que os pagos por CO2 se ampliasen até o máximo permitido", queixouse.

Así, empresas como Alcoa, que quere pechar a planta de aluminio de Cervo e outras na comunidade que fan un uso intensivo de electricidade, segundo advertiu, "non teñen unha certeza clara sobre a situación a futuro".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.