A finais de maio Alcoa anunciou a súa intención de pechar a súa planta de aluminio en San Cibrao e despedir máis de cincocentos traballadores directos. Tras a intervención conxunta dos gobernos central e galego co acordo dos sindicatos, a empresa aceptou abrir un período de negociación cun posible comprador que evitase o peche, pero deu por fracasadas as conversas a finais de setembro e acabou presentando un expediente de regulación de emprego (ERE) para o despedimento do seu persoal que este xoves o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou por considerar que a empresa actuou con “mala fe” na negociación e que tiña como única intención utilizar o despedimento colectivo para poder levar a cabo o seu único obxectivo: "Apagar as cubas e pechar a fábrica da maneira máis rendible posible”.
A contundente sentenza vira o conflito laboral na Mariña e dá un balón de osíxeno á comarca, ameazada polo enorme impacto laboral e social do ERE
A sentenza, por contundente e histórica, vira de todo o conflito laboral na Mariña e dá un enorme balón de osíxeno a unha comarca amezada polo impacto social e económico que suporía a aplicación do ERE ou o peche dunha factoría que, en conxunto, representa o 30% do PIB da provincia de Lugo. Ademais, o TSXG aclara que se mantén a medida cautelar que no pasado 4 de novembro prohibiu a Alcoa parar as cubas.
O ditame --contra o que cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo-- chega dous días despois de que o Goberno central aprobase á fin o estatuto para industrias electrointensivas como Alcoa, un documento prometido hai dous anos e que, aínda que cualificado de insuficiente pola maioría de actores implicados, prevé bonificar a industria de elevado consumo eléctrico ata o 85% dos cargos da factura eléctrica.
O alto tribunal condena así a empresa a "reincorporar os empregados afectados ao seu posto de traballo e a pagarlles os salarios deixados de percibir desde a data do despedimento ata a súa efectiva readmisión", segundo indica nunha nota de prensa, estimando a pretensión principal da demanda presentada polos sindicatos COO, CIG e UXT fronte ao despedimento colectivo presentado e que afectaría 524 traballadores de maneira directa e case outros tantos de xeito indirecto.
O TSXG considera que a intención de Alcoa era "paralizar as cubas da fábrica para pechala" e que o ERE pretendía "vestir o mesmo dunha maneira diferente"
A Sala do Social do TSXG aprecia "mala fe" nas negociacións por parte de Alcoa porque a súa posición sobre os despedimentos e as compensacións "non mudou nada" desde a proposta inicial. E conclúe que a intención da compañía é "paralizar as cubas electrolíticas da fábrica para o seu posterior peche" e que coa oferta de ERE realizada o que pretendía era "vestir o mesmo, pero dunha maneira diferente". Os maxistrados destacan que ese ERE temporal "non privaría a empresa da posibiliade de extinguir os contratos de traballo unha vez rematada a súa vixencia".
Os xuíces destacan que o persoal afectado está no límite para que a empresa non tivese que devolver as axudas públicas pero puidendo apagar as cubas
Os xuíces consideran “sumamente significativo” o número de traballadores afectados polos despedimentos, pois destacan que a súa porcentaxe “aproxímase, sen superalo, a aquel que, segundo as normas regulatorias, lle permite á empresa consolidar as axudas recibidas das administracións públicas sen ter que devolvelas e, á vez, sen impedirlle o peche das cubas”.
Así, insisten en que os traballadores que seguisen no cadro de persoal poderían ser despedidos unha vez superados os prazos de garantía das axudas. Todo iso permite á Sala deducir, segundo explica na sentenza, que “o fin único e primordial que guiaba a empresa era apagar as cubas e pechar a fábrica da maneira máis rendible posible”.
O TSXG asegura que “todas as supostas concesións” realizadas por Alcoa durante a negociación producíronse “coa finalidade de evitar a cualificación de nulidade do despedimento, única que lle impediría levar a cabo a decisión estratéxica de paralización das cubas e o peche da fábrica”. Así, indica que a Xunta lle advertiu ata en dez ocasións sobre a necesidade de prolongar o período de consultas, algo que a compañía realizou “sempre no último momento e con resistencias, argüíndo empecinadamente o elevado custo de manter as cubas electrolíticas en funcionamento”.
O tribunal advirte que as "supostas concesións" de Alcoa só pretendían evitar a nulidade do despedimento e poder así paralizar as cubas e pechar a fábrica
O ofrecemento do ERE produciuse, segundo os maxistrados, tras unha advertencia da Xunta, como autoridade laboral competente, e “nun momento moi avanzado da negociación”. Ademais, conclúen que se prolongou “non coa finalidade de discutir sobre o despedimento colectivo, senón para deixar tempo para negociar a venda cun terceiro”.“A pobreza das negociacións é tal que se limitou practicamente a dúas cuestións acerca das posibilidades reais da venda da planta de aluminio a un terceiro e os efectos da parada e rearranque das cubas de electrólise”, salienta a Sala.
O ditame asegura que os diálogos de Alcoa cunha empresa para vender a planta “permiten sospeitar da existencia dunha decisión estratéxica”, pois sosteñen que a multinacional entrou na negociación “con posicións predeterminadas e un claro obstáculo para non chegar a un acordo final”. Ademais, apunta que a venda da planta a un terceiro "nunca estivo suxeito a negociación direta entre as partes empresarial e social", senón que se debateu entre Alcoa e Liberty por unha parte e a SEPI por outro.
En relación con las posibilidades reales de la venta de la planta de aluminio a un tercero, debe hacerse constar que, pese al enorme protagonismo de este asunto a lo largo del periodo de consultas, en realidad, se trata de un aspecto que nunca estuvo sujeto a negociación directa entre las partes empresarial y social
Os gobernos central e galego xa acusaran de "mala fe" a Alcoa na negociación fracasada para a posible venta da fábrica
A “mala fe” de Alcoa xa fora criticada polos gobernos central e galego despois de que non se concretasen as negociacións para a venta da planta, pero no xuízo polo ERE a empresa negouno asegurando que as perdas millonarias da planta fana deficitaria. Previamente, a xustiza xa rexeitara a comezos de novembro, de xeito cautelar e antes de entrar a analizar o fondo da cuestión, a intención da empresa de parar as cubas de electrolise do complexo por considerar que iso dificultaría reanudar o seu funcionamento se finalmente o ERE resultaba declarado nulo, como agora vén de ocorrer.
O TSXG advirte que "paralizar as cubas da fábrica para o seu posterior peche" é o "imperativo categórico que nunca muda" por parte de Alcoa nas negociacións, "sexa cal sexa o escenario de consultas coa representación legal do persoal ou de proceso de venda ou sexa cal sexa a proposta".
Celebración do persoal ás portas da factoría
Coñecida a noticia, varios traballadroes da fábrica celebraron xa na tarde deste xoves a sentenza ás portadas da planta de aluminio de San Cibrao, queimando pneumáticos e berrando consignas contra dirixentes da empresa.
As reaccións á sentenza non se fixeron agardar. O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, espera que a nulidade do ERE signifique "outro paso cara ao mantemento do emprego e da actividade industiral" e celebrou a decisión do TSXG porque "certifica a tese defendida pola Avogacía do Estado, o persoal e o resto de administracións".
Ademais, a ministra de Industria, Reyes Maroto, cre que "se fai xustiza con 500 traballadores e toda unha comarca". Mentres, Alcoa, segundo declaracións que recolle Europa Press, asegura que estudará a sentenza pero advirte que "a necesidade de reestruturar a planta existe" e suxire un recurso ante o Supremo.
A Xunta agarda que Alcoa "volva á senda do diálogo para negociar a venda da planta" logo da sentenza. O consellerio de Economía, Francisco Conde, cualifica de "boa nova" o ditame do TSXG e pon en valor o "esforzo conxunto" de Xunta, Goberno central e comité de empresa.
Desde o BNG, vese na sentenza "unha vitoria" dos e das traballadoras pero "urxe ao Estado e á Xunta unha intervención pública". "É o empurrón definitivo e pedimos a ambos gobernos que non pidan máis tempo", asegurou Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque.
A ministra Reyes Maroto cre que "se fai xustiza con 500 traballadores e toda unha comarca" e Alcoa advirte que "a necesidade de reestruturar a planta existe"
Pola súa banda, o secretario xeral de CCOO-Galicia, Ramón Sarmiento, sinalou o "día de celebración que para toda a clase traballadora galega" supón o ditame, "unha gran noticia, dun alcance que aínda non somos capaces de calcular". "Cómpre agora emprazar a unha solución definitiva no ámbito industrial. Alcoa obrou de mala fe, persegue intereses espurios e o noso país merece facer viable unha alternativa industrial que garanta o emprego na comarca da Mariña", engadiu.
CIG, ademais, acolleu con "enorme satisfacción" a decisión do TSXG que "confirma que a nulidade debía ser o resultado final deste proceso debido á mala fe amosada pola empresa durante todo o período de negociacións, como consecuencia da interpretación máis regresiva da reforma laboral". "A resolución tamén evidencia a necesidade de que o Goberno español e a Xunta actúen de forma decidida no camiño de apartar a Alcoa da xestión da fábrica como única garantía real da continuidade industrial e do mantemento de todos os postos de traballo", asegura.
Desde UGT-Galicia, saúdan a sentenza e instan a empresa a "sentar e negociar unha saída para garantir o futuro da planta da Mariña". "A loita non remata aquí e entre todos hai que seguir traballando polo futuro de Alcoa e polo emprego", di.