A Audiencia Nacional investiga se a venda de Alcoa na Coruña implicou entregar a planta a empresas pantalla para destruír empregos

Cabeceira dunha manifestación contra o peche da planta de Alcoa na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

A Audiencia Nacional vén de admitir a querela presentada o pasado mes de outubro pola Confederación de Cadros Profesionais (CCP) contra Alcoa, Parter Capital e o Grupo Industrial Riesgo pola venda das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés. O tribunal investigará o proceso, no que CCP acusa as tres compañías de varios delitos, entre eles estafa agravada, insolvencia punible ou apropiación indebida, sinalando que Alcoa entregou as dúas plantas a sociedades pantalla para evitar salvar os postos de traballo.

A xuíza da Audiencia Nacional admite a querela presentada pola Confederación de Cadros Profesionais contra Alcoa, Parter e o Grupo Industrial Riesgo e oficia á Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal para que realice unha investigación integral 

No auto de admisión, a xuíza María Tardón oficia á UDEF (Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal) para que realice unha investigación integral respecto das persoas físicas e xurídicas contra as que se dirixe a querela para o esclarecemento dos feitos e de forma previa a resolver sobre as dilixencias pedidas polos querelantes. Ademais, "tendo en conta a ausencia de claridade e concreción que se advirte na querela", a xuíza pide á UDEF que a informe sobre a "titularidade real" das dúas factorías, os seus socios, órganos de administración e representación, capital social, situación financeira e cantos elementos poidan resultar relevantes para determinar a súa posible solvencia.

Rüdiger Terhorst, de Parter Capital Group, e Marc Pereira, de Alcoa © Ministerio de Industria

En xullo do pasado ano, Alcoa e o fondo de investimento suízo Parter pecharon o acordo para a venda das dúas factorías, que nese momento empregaban uns 700 traballadores. O acordo, que chegaba despois de semanas de incerteza e só un día antes de que se fixese efectivo o despedimento colectivo, incluía o compromiso do mantemento do 100% dos empregos durante dous anos, ademais da realización de investimentos nas plantas, por parte da sociedade creada para a súa xestión, Alu Ibérica.

Nos últimos meses as tensións entre os traballadores e o Grupo Riesgo non deixaron de medrar, mentres que nunca se fixeron efectivos os investimentos prometidos

Porén, poucos meses despois, en abril deste ano 2020, Parter vendeu as dúas factorías ao descoñecido Grupo Industrial Riesgo. Alu Ibérica xustificaba a decisión "ante a difícil situación que atravesa a industria do aluminio en España, agravada extraordinariamente a nivel global como consecuencia da crise sanitaria da Covid-19". O novo xestor prometía que ía "reindustrializar" ambas as dúas fábricas "sempre co obxectivo de preservar os empregos". Porén, dende entón as tensións entre os traballadores e o Grupo Riesgo non deixaron de medrar, mentres que nunca se fixeron efectivos os investimentos prometidos.

En outubro a Asociación Profesional de Cadros de Alcoa, integrada na Confederación de Cadros Profesionais, presentou a querela, acusando a multinacional de enganar aos sindicatos representantes dos traballadores no marco da negociación da extinción colectiva da relación laboral, iniciada no outono do ano 2018, "elidindo desta forma o abono das súas responsabilidades empresariais cos traballadores, abocando á insolvencia das unidades produtivas, para a súa transmisión lucrativa a terceiros". 

Xuntanza da Mesa de Seguimento das negociacións para a venda das plantas de Alcoa. © Ministerio de Industria

A querela conclúe que Alcoa, Parter e o Grupo Riesgo "levaron a que a titularidade das dúas factorías termine en mans de empresas pantalla sen capacidade nin para levar a cabo o Plan de Negocios, nin o do pago dos salarios dos traballadores"

A querela conclúe que coas súas actuacións, Alcoa, Parter e o Grupo Riesgo "levaron a que a titularidade das dúas factorías termine en mans de empresas pantalla sen capacidade nin para levar a cabo o Plan de Negocios, nin o do pago dos salarios dos traballadores, nin o do investimento, co que se frustra o obxectivo final da negociación: a salvagarda dos postos de traballo". 

O auto lembra que ao longo das negociacións, "ALCOA presentou como posibles compradores ás entidades Parter Capital Group e Grupo Industrial Riesgo e excluíu a competidoras con proxección internacional: Liberty, Quantum, Aludium e Cunext, que ao longo do primeiro semestre de 2019 foran presentadas polo Ministerio de Industria".

O auto lembra que ao longo das negociacións, "Alcoa presentou como posibles compradores ás entidades Parter Capital Group e Grupo Industrial Riesgo e excluíu a competidoras con proxección internacional: Liberty, Quantum, Aludium e Cunext"

A querela engade que se incumpriron as cláusulas de contratación, o que determinaría a liberación de Alcoa da obriga de investir. Alcoa comprometérase a investir, entre outros conceptos, 20 millóns de dólares en cada planta, e a emprestar un apoio financeiro doutros 15 millóns por cada unha delas, por un tempo de dous anos. A querela denuncia que "o primeiro que fai Alcoa é bloquear o investimento dos 40 millóns de dólares, consignándoo notarialmente, o que freou os investimentos e o pagamento dos salarios, pagamentos de seguridade socia e achegas a plans de pensións dos traballadores, que seguían unidos á empresa"

Concentración na Praza de María Pita da Coruña contra o peche de Alcoa en novembro de 2018 © Concello da Coruña

O auto da Audiencia Nacional lembra que o TSXG tamén atopou "mala fe" nas negociacións de Alcoa para vender a planta de San Cibrao

A investigación aberta pola Audiencia Nacional engádese á sentenza ditada a pasada semana polo TSXG, que anulou o ERE presentado por Alcoa na planta de San Cibrao, acusando a compañía de unicamente buscar o peche da fábrica na Mariña. Este ditame tamén é citado pola xuíza da Audiencia Nacional, que no seu auto subliña que o Tribunal Superior galego tamén atopou "mala fe" nas negociacións, nun proceso paralelo e semellante ao seguido nas factoría da Coruña e Avilés, pois o único que buscaba Alcoa era apagar as cubas electrolíticas para pechar a fábrica da maneira máis rendible posible. 

A sentenza do TSXG subliña que as negociacións de Alcoa cunha empresa para vender a planta "permiten sospeitar da existencia dunha decisión estratéxica" e que a compañía entrou na negociación "con posicións predeterminadas e un claro obstáculo de non chegar a un acordo final".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.