O Grupo Industrial Riesgo farase cargo da xestión das antiguas fábricas de Alcoa na Coruña e Avilés logo de que esta compañía adquirise o 74% do capital de Alu Ibérica menos dun ano despois de que as plantas fosen mercadas polo fondo de investimento suízo Parter.
Grupo Industrial Riesgo faise co 74% do capital de Alu Ibérica menos dun ano despois de que as plantas fosen mercadas polo fondo suízo Parter
Segundo informa Alu Ibérica nun comunicado, este grupo industrial español adquiriu "a maioría do paquete accionarial" de Alu Ibérica A Coruña e Alu Ibérica Avilés, polo que se fai cargo da xestión de ambas plantas desde este mes de abril co obxectivo de "impulsar a actividade destas instalacións industriais" e advertindo de "accións inmediatas no campo dos necesarios investimentos nas plantas". O novo xestor di qeu "reindustrializará" ambas as dúas fábricas "sempre co obxectivo de preservar os empregos en ambas comunidades".
Alu Ibérica xustifica a revenda na "difícil situación que atravesa a industria do aluminio en España", que foi "agravada pola crise do coronavirus"
Esta operación de revenda chega menos dun ano despois de que o fondo Parter comprase a Alcoa as plantas de aluminio galega e asturiana e malia que aquela operación estivese sempre supeditada a un proxecto industrial que nunca chegou. Alu Ibérica xustifica a decisión "ante a difícil situación que atravesa a industria do aluminio en España, agravada extraordinariamente a nivel global como consecuencia da crise sanitaria da Covid-19", o que levou a Parter Capital a "integrar en Alu Ibérica, como socio estratéxico, ao conglomerado de empresas do Grupo Indutrial Riesgo, a través do seu vehículo de investimento System Capital Management SL (SCM)".
Segundo o comité de empresa da factoría de Avilés, Parter e este grupo industrial levarían negociando desde o outono pasado, poucas semanas despois de que o fondo suízo mercase as dúas plantas en xullo.