Un milleiro de traballadores de Alcoa da planta de San Cibrao, na Mariña, manifestáronse este mércores polas rúas de Lugo en demanda dun mellor estatuto de consumidores electrointensivos que o presentado hai dúas semanas polo Goberno central, reclamándolle ao Executivo que "rectifique" e teña en conta as súas alegacións.
Os manifestantes, que portaban unha faixa na que se podía ler 'Peche Non. Enerxía, Solución', levaban tamén unha vintena de cruces, aludindo ao risco de peche da factoría que, din, se podería producir se non hai un prezo da electricidade máis baixo para este tipo de industrias.
Para o presidente do Comité de Empresa, o proxecto de estatuto que o Goberno central puxo enriba da mesa "non serve e deixa en moi mala situación a toda a industria de Galicia e do norte de España"
A marcha, que partiu a primeira hora da mañá da Estación de Autobuses (onde chegaran varios autobuses procedentes de Cervo e Xove), rematou na Praza de San Marcos, ante a sede da Deputación Provincial. Alí o presidente do ente, José Tomé, e outros representantes do goberno provincial, saíron a recibir os manifestantes, entrando no edificio un grupo deles. No interior, o presidente do Comité de Empresa, José Antonio Zan, mantivo un diálogo co presidente provincial, José Tomé, quen lle manifestou o apoio da Deputación ás demandas dos traballadores.
O presidente da Deputación, José Tomé, manifestoulles aos traballadores o apoio do ente provincial ás súas demandas
Zan afirmou en declaracións aos medios que o proxecto de estatuto que o Goberno central puxo enriba da mesa "non serve e deixa en moi mala situación a toda a industria de Galicia e do norte de España". “Nos apoiamos as súas reivindicacións, queremos que siga aberta a planta de Alcoa en San Cibrao e que continúen os postos de traballo. Estamos facendo todas as xestións que son posibles co Goberno Central para que o Estatuto se modifique”, declarou pola súa banda José Tomé, que engadiu que “unha vez remate este prazo de alegacións ábrese un período de negociacións onde existe a posibilidade de modificar o Estatuto".
Nas alegacións presentadas o comité de empresa e sindicatos como CC.OO. reclaman que se identifiquen os consumidores hiperelectrointensivos, como no caso destas dúas empresas, para que teñan unhas condicións específicas que atendan o seu alto custo enerxético de produción, ao igual que se fai en Francia. Consideran que "non dá solución ás empresas que realmente acreditan unha elevada intensidade de consumo" ao engadir "moitas máis empresas" con menor consumo enerxético e "esquecerse de quen está pasando" os maiores problemas.
Gonzalo Caballero criticou o “cinismo” de Feijóo, que “intenta caldear o ambiente con fins electorais pero que cando gobernaba Rajoy non facía nada polas empresas de consumo electrointensivo”
Mentres, polo BNG Olalla Rodil manifestou que “o goberno do Estado debe rectificar e manter os máis de 2.000 postos de traballo de Alcoa”, criticando que “o estatuto presentado é insuficiente e non serve para resolver o problema da industria electrointensiva”.
Finalmente, o candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, fixo un chamamento "a traballar a carón do goberno de España para pechar o período de alegacións ao estatuto das electrointensivas con todas as melloras posibles”. Para Caballero, “a única vía para avanzar é sacar adiante o estatuto" e “á vez meter toda a presión a multinacional, que recibiu 40 millóns de euros de axudas ás emisións de CO2 no ano pasado, para que manteña a actividade no centro de Alcoa en San Cibrao”.
Caballero criticou así mesmo o “cinismo” de Feijóo, que “intenta caldear o ambiente con fins electorais pero que cando gobernaba Rajoy non facía nada polas empresas de consumo electrointensivo”.