A decisión implica que nos anos 2022 e 2023 non se producirá aluminio primario na factoría, co compromiso da multinacional de reiniciar o 100% das cubas no 2024. O 70% dos traballadores apoiaron a proposta
A factoría de Alcoa en San Cibrao non producirá aluminio primario nos anos 2022 e 2023. Os traballadores aprobaron en referendo a proposta da empresa de cesar durante dous anos a actividade de electrólise e da planta de ánodos, unha hibernación que comezará de inmediato e estará rematada en tres semanas. A cambio, a multinacional comprométese a reiniciar no ano 2024 o 100% das cubas e a manter os empregos. Alcoa espera que no ano 2024 o prezo da electricidade sexa inferior ao actual, que cualifica de "inasumible".
A votación tivo unha participación do 76% dos empregados, dos que o 69,68% votaron a favor, o 24,26% en contra, o 4,95% en branco e o 1,11% foron votos nulos. En cambio, entre os traballadores das empresas auxiliares a proposta foi rexeitada cun 58% en contra. Con todo, esta negativa non afecta ao resultado final, dado o maioritario apoio do persoal directamente contratato por Alcoa. Previsiblemente, a multinacional e o Comité de empresa asinarán este mércores o acordo aprobado en referendo.
O peche das cubas foi sempre rexeitado polos traballadores e traballadoras de Alcoa. Porén, finalmente foi aceptado como a solución "menos mala", sempre co obxectivo que manter os actuais postos de traballo. Ademais, a empresa comprométese tamén a garantir nestes dous anos os contratos dos transportistas e as empresas auxiliares e, igualmente, a realizar investimentos na factoría.
O peche das cubas foi sempre rexeitado polos traballadores e traballadoras de Alcoa. Porén, finalmente foi aceptado como a solución "menos mala"
A empresa defendía que a proposta finalmente aprobada supón unha "solución a medio-longo prazo" para a factoría de aluminio na Mariña, dados os actuais "desorbitados" prezos da electricidade. Defendía, neste senso, que a paralización da activida é "unha opción para manter o emprego, promover a viabilidade futura da planta e frear as importantes perdas que a planta está a acumular”. A multinacional afirma que tentará "traballar urxentemente para asinar preacordos de subministración de enerxía minimamente competitivos a partir de 2024"
A decisión implica que durante os dous vindeiros anos o Estado español non producirá aluminio primario por primeira vez en varias décadas
O acordo conta tamén co apoio de Xunta de Galicia, aínda que o conselleiro cualifica o peche temporal da actividade como "unha saída en falso", e do Goberno central, que hai unhas semanas subliñou que a clave era "o mantemento do emprego e da capacidade produtiva do aluminio primario da planta a medio e a longo prazo". Dende o Goberno galego sinálase que "a solución definitiva en Alcoa debe pasar primeiro por fixar un prezo eléctrico competitivo que realmente viabilice e garanta a produción de aluminio primario en San Cibrao".
A decisión finalmente adoptada implica que durante os dous vindeiros anos o Estado español non producirá aluminio primario en ningunha factoría por primeira vez en varias décadas.
Este outono a Xustiza declarou ilegal o ERE presentado por Alcoa
Este outono a Xustiza declarou ilegal o ERE presentado por Alcoa en San Cibrao, o que supuña que a multinacional non podía -sen un novo acordo- apagar as cubas de electrólise nin levar a cabo o despedimento colectivo previsto sobre o cadro de persoal.