Alcoa ofrece "permiso retribuído” ao persoal afectado e o compromiso de “non iniciar ningún despedimento colectivo por un período de catro anos”
Alcoa muda algo a estratexia menos dun mes despois de que o Supremo confirmase a nulidade do ERE que pretendía na Mariña. A multinacional trasladou ao comité de empresa de San Cibrao unha proposta de acordo que prevé cesamentos temporais da actividade da planta a cambio dun "permiso retribuído” aos traballadores afectados e o compromiso de “non iniciar ningún despedimento colectivo por un período de catro anos”.
A través dun comunicado de prensa, Alcoa informa dunha proposta na que ve unha "solución a medio-longo prazo" para a factoría de aluminio na Mariña. Na nota insiste nos "desorbitados prezos da electricidade” que “fan inviable a planta na actualidade”. Ante esa situación, di buscar "un esforzo por atopar unha solución” que propuxo este luns ao comité de empresa.
A multinacional ofrece deter a fabricación de aluminio durante dous anos ante os "desorbitados prezos da electricidade” e como "solución a medio-longo prazo"
"Unha opción para manter o emprego, promover a viabilidade futura da planta e frear as importantes perdas que a planta está a acumular”, di a empresa sobre unha oferta aberta e que convida a negociar cos representantes dos traballadores, que convocaron pleno extraordinario ás 9:30 horas deste martes para que os sindicatos a valoren. Ademais, o comité solicitará tamén unha xuntanza con Xunta e Goberno central para que analicen tamén esta iniciativa de Alcoa, que será tamén debatida nunha asemblea xeral que xa estaba convocada para o mediodía o mesmo martes.
O acordo que ofrece a compañía suporía o cesamento temporal da actividade de electrólise e da planta de ánodos por dous anos, co "compromiso" de Alcoa de “traballar urxentemente para asinar preacordos de subministración de enerxía minimamente competitivos a partir de 2024, sendo eses preacordos a premisa para iniciar o cesamento temporal de dous anos”.
Ademais, a firma ofrece tamén “proporcionar un permiso retribuído aos empregados afectados durante o cesamento temporal de dous anos” (con oportunidades de rotación e plans de formación) e “operar a fundición para asegurar a subministración de metal aos clientes”. Os outros puntos da súa proposta refírense a “reiniciar toda a actividade a partir de xaneiro de 2024” e a “non iniciar ningún despedimento colectivo por un período de catro anos”.
Na nota, Alcoa precisa que a refinaría de alúmina de San Cibrao non se ve afectada por este acordo proposto e “seguiría funcionando con normalidade”.
Alcoa pretende "preacordos de enerxía razoables" para "cesar a produción temporalmente" e comprometerse a reiniciala en 2024
“Cremos que esta proposta é unha solución razoable para os traballadores, permitirá a viabilidade futura da planta de aluminio e deterá as perdas significativas que está a acumular”, asegura o director comercial de Alcoa, Tim Reyes, que engade que “cos prezos da enerxía en niveis desorbitados, é de interese para todos cesar a produción temporalmente unha vez que se obteñan preacordos de enerxía razoables, co compromiso do seu reinicio completo en dous anos”.
Así, desde a empresa asegúrase que as perdas operativas en novembro superan os 20 millóns de dólares, sen contar os efectos da folga do persoal, e que o custo da electricidade supón máis do 60% dos custos totais de produción.
O Ministerio de Industria, que dixo tamén ter recibido a proposta de Alcoa, aseguran que manterán proximamente unha reunión para que Alcoa explique "os termos da proposta con maior detalle" e, en particular, "o plan industrial que debulle os investimentos necearios para garantir as capacidades industriais e a competitividade da planta". Ademais, pedirá máis concreción sobre "as actuacións que aseguren a base actual de clientes e os seus contratos de subministro".
Para o Ministerio, insisten, as premisas deben ser "o mantemento do emprego e da capacidade produtiva do aluminio primario da planta a medio e a longo prazo".