A volta do persoal de Alcoa na Mariña á folga indefinida ante a ruptura das negociacións para a venda da planta iniciouse cunha protesta ás portas da fábrica este luns, con queima de pneumáticos e do cartel da empresa.
O comité de empresa critica a multinacional e o Executivo central: "Alcoa que deixe as mentiras e venda; e o Goberno que empece a comprala"
"Madrid escoita, A Mariña está en loita" ou "queremos traballar e non emigrar" foron algunha das consignas que berraron os traballadores, que volveron clamar pola venda de vez da fábrica, con críticas á empresa e ao Executivo central. "Que deixen as boas palabras e mentiras e vendan a fábrica; e o Goberno que empece a comprala", demandou ante os compañeiros o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan.
Entre as súas críticas, Zan advertiu que "o que non di Alcoa é que o 20 de outubro quere despedir", en referencia á data na que o Tribunal Supremo ten previsto pronunciarse respecto do ERE que foi tombado pola xustiza en primeira instancia. "E o que non di o Goberno é que non está a cumprir co que pactaron tanto o Congreso como o Parlamento galego", dixo, en referencia desta vez á intermediación da SEPI "ou outro organismo equivalente" que non se dá levado a cabo.
O presidente do comité de empresa avogou por continuar na "loita" e na unidade para pelexar polo futuro de Alcoa na Mariña, mentres a multinacional lamentou o inicio da folga porque "o que contribuirá á solución" na factoría non será o paro, di, "senón unha verdadeira solución do Goberno ao problema da enerxía eléctrica".
Nun comunicado, a empresa di estar comprometida a "seguir adiante coa transferencia da planta a un terceiro", pero aclara que "primeiro debe resolverse o marco enerxético". "O que contribuiría á solución non é unha folga, que ten un impacto negativo para o futuro das plantas de alúmina e de aluminio, senón unha verdadeira solución do Goberno ao problema da enerxía eléctrica", di Alcoa.
Así, a empresa di que logo de que o Executivo central "descartase unha posible venda á SEPI", presentou o pasado 30 de xullo unha proposta para "atopar unha forma de traballar" con administracións, sindicatos e comité "para abordar os problemas enerxéticos da produción de aluminio primario e obter garantías sobre o prezo da electricidade".
Alcoa insiste en que antes de afrontar a venda "primeiro debe resolverse o marco enerxético" e dar "unha verdadeira solución ao problema da enerxía eléctrica"
Segundo Alcoa, esta proposta prevía a continuidade das operacións da planta ata o 30 de xullo de 2022 "para dar tempo a atopar unha solución sobre a enerxía". "Unha vez resolto este problema", Alcoa levaría a cabo "un novo proceso de traspaso da planta, previa confirmación expresa da solvencia dun comprador a través de instrumentos do Estado, conforme ofrecera a ministra de Industria".
No entanto, Alcoa insiste en asegurar que a planta de Aluminio non é viable debido ao marco enerxético pouco competitivo de España e aclara que paga a tal hora un prezo medio anual de arredor de 95 euros MW/hora, "máis do triplo do que paga a compañía en calquera outra planta de aluminio do mundo".