O Goberno de España acusa a Alcoa de "poñer trampas" para non vender a planta da Mariña

Pancarta pola solución ao conflito de Alcoa na Mariña CC-BY-SA CCOO-Galicia

A Xunta carga contra o Goberno central, o Goberno central contra Alcoa e Alcoa segue dilatando o proceso. As negociacións polo futuro da planta da multinacional na Mariña seguen a sufrir bandazos sen atopar aínda solución para unha fábrica capital no porvir económico do norte de Galicia. 

Alcoa insiste en que xa empezou a negociar cos potenciais interesados na súa planta mariñá e que "mantén o seu compromiso" de avanzar na venda á SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais), que sería a encargada de transferir a planta a un terceiro. 

A un tempo, o secretario xeral de Industria, Raül Blanco, acusa a Alcoa de poñer “trampas” para non vender cando xa hai, “polo menos”, seis empresas interesadas. O pasado martes, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía da Xunta, Francisco Conde, denunciou a "inacción" do Executivo central, acusándoo de negarse agora a adquirir as instalacións a través da SEPI. 

Mobilización contra o peche de Alcoa na Mariña CC-BY-SA CCOO-Galicia

"Alcoa enrocouse nun proceso xurídico, poñendo o Goberno e a SEPI como escusa para non vender. Hai polo menos seis empresas interesadas na compra da planta e para isto non é necesaria a triangulación nin a intermediación do Goberno", declarou á prensa Raül Blanco, teimando na postura que nunha carta amosara xa Industria, que ten a intención de que sexa a multinacional quen negocie directamente as ofertas e escolla un comprador de "perfil industrial".

O Goberno central acusa a Alcoa de "poñer o Executivo e a SEPI como escusa para non vender" e di que "non é necesaria" a súa intermediación ante o interese de seis empresas

Xa que logo, Alcoa advirte de que negociará coas empresas interesadas pero tamén que debe ser a SEPI quen merque a planta para logo traspasarlla a este terceiro, unha proposta que non ten tan clara o Executivo, que asegura que a venda "pódese realizar con total normalidade dentro do marco xurídico". "E as administracións estarán, tanto o Goberno como a Xunta, detrás desa operación, vixiando que se faga conforme ao marco xurídico e dando todas as garantías necesarias para que esa venda se produza", dixo Blanco. 

"Intervirase con todo o necesario sei eso é requirido e, posteriormente, darse apoio ao investimento do novo propietario", continuou quen cre "absurdo e surrealista" o proceder de Alcoa. "Caemos de novo nas trampas que nos pon Alcoa se todo se condiciona a resposta xurídicas e procesos de meses anteriores, cando agora hai un proceso claro de seis licitantes que queren comprar esa planta", insiste Blanco. 

"O único que ten que facer Alcoa é vender deixar paso a outro propietario que teña licenza moral para operar en España", di Raül Blanco

"O único que ten que facer Alcoa é vender deixar paso a outro propietario que teña licenza moral para operar en España", asegurou tras indicar que, precisamente, "a Alcoa acábaselle a súa licenza moral". 

"Non podemos estará máis tempo aguantando as trampas no proceso de venda de Alcoa e os seus procesos eternos de venda e de diálogo. Que venda, que o faga dentro do marco xurídico e que o proceso vaia cara adiante", reprochou Blanco, que insiste en que esa é "a mellor garantía para os traballadores e para A Mariña". 

Complexo industrial de Alcoa en San Cibrao, nunha imaxe de agosto de 2020 CC-BY-SA Praza Pública

Alcoa, pola súa venda, asegurou que xa iniciara "conversas" cos candidatos remitidos polo Ministerio de Industria. Na reunión de seguimento do proceso, a multinacional asegurou que xa proporcionou aos candidatos "a folla de condicións xerais (term sheet) que usaría para a venda á SEPI". 

Cinco dos seis grupos interesados en facerse coa planta pasaron “a primeira criba” que implica asumir unha cláusula de confidencialidade, mentres que o sexto aínda poderá facelo estes días, segundo informa o comité de empresa.

Pola súa banda, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, aclara que os traballadores teñen previsto reunirse con tres dos seis posibles compradores para coñecer os plans instruais e enerxéticos a longo prazo e que esperan que os outros dous aspirantes contacten tamén con eles. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.