Hai agora un ano, a finais de maio de 2020, Alcoa lanzaba a súa enésima ameaza de peche dende a fin do colchón de cartos públicos obtido coa privatización de Inespal aprobada polo Goberno Aznar a finais dos anos 90. Nesa ocasión, a multinacional estadounidense puxo sobre a mesa a clausura da factoría de aluminio da Mariña (Xove-Cervo), cun despedimento colectivo de máis de medio milleiro de persoas.
O despedimento colectivo de medio milleiro de persoas lanzado por Alcoa para pechar a factoría mariñá de aluminio foi tombado ante a Xustiza: o TSXG concluíu que a multinacional actuou de mala fe
A loita contra o ERE comezou decontado. Nas rúas e estradas da Mariña, con sucesivas mobilizacións multitudinarias, no propio complexo industrial a través dunha folga total, pero tamén nos tribunais de xustiza, nun proceso no que o persoal acabou logrando tombar o ERE. O Tribunal Superior de Xustiza anulou o despedimento colectivo o pasado decembro baseándose que Alcoa actuara con mala fe e coa única intención de pechar a factoría.
Alcoa asumiu que os seus plans se frustraran e, aos poucos, deu en aceptar o desbloqueo da venda da factoría de aluminio, a que reclama o persoal e apoian os Gobernos galego e español malia os seus tirapuxas na materia. Ás portas do inicio das conversas para esa venda, o persoal de Alcoa, as súas familias e milleiros de veciños e veciñas da Mariña volvéronse manifestar este 30 de maio, neste caso en Xove.
"Alcoa non se pecha", "Enerxía solución" volveron ecoar este domingo mentres o comité de empresa resalta que segue "pendente" da intervención pública da factoría mediante a Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI), como compradora temporal antes do traspaso da factoría a un comprador industrial que garanta a carga de traballo. Nos últimos meses, o persoal vén sinalando a necesidade de que o comprador teña experiencia industrial e non sexa un fondo voitre.
O persoal agradece o apoio da comarca nun ano de intensas mobilizacións e reitera a necesidade de que a SEPI interveña a factoría para garantir que o comprador final traia consigo un plan industrial viable
Neste sentido, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, lembra en declaracións que recolle este domingo El Progreso que polo momento só hai un posible comprador sobre a mesa, o grupo Liberty. Mentres se desenvolven as conversas, sinala Zan, o persoal seguirá mobilizado para esixir a intervención por parte da SEPI como garante de que o comprador final traia consigo un proxecto viable e evite os atrancos que seguen atravesando as antigas factorías de Alcoa na Coruña e Avilés.
Alén de manter a presión ás portas das negociacións e de reclamar o cumprimento dos compromisos por parte dos gobernos, a mobilización serviu tamén para recoñecer o apoio da comarca ao persoal, a comezar polas propias familias. "Deixastes parte da vosa vida neste último ano e saístes á rúa sen medo", resumiu Zan, lembrando que a pandemia foi un atranco engadido nesta loita.
Tamén o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, resaltou na mobilización de Xove a necesidade de que a SEPI "non escape do seu papel protagonista na consecución dunha solución" nunhas negociacións que, coida, nunca chegarían sen a "resposta contundente, firme e continuada" do persoal de Alcoa "e do conxunto da cidadanía da Mariña". Neste sentido, coida Carril que "non pode ser que, un ano despois, con toda a acumulación de mobilización" e tras "a sentenza gañada", aínda non haxa unha "solución viábel e con garantías de futuro".