O documento pactado implica o inicio das negociacións entre Alcoa e a SEPI para unha venda e a suspensión da folga do persoal ata o 30 de abril
O comité de empresa e a dirección de Alcoa chegaron este luns a un acordo para que a multinacional inicie negociación da venda da planta de aluminio de San Cibrao á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) ao tempo que os traballadores suspenden a folga que manteñen desde o pasado mes de outubro.
O pacto, logrado logo de varias xornadas de reunións nas últimas semanas, está pendente de sinatura se é ratificado en referendo polo persoal da factoría da Mariña, que votará entre martes e venres nas instalacións.
Alcoa deberá remitir unha proposta xeral á SEPI nun prazo de dúas semanas desde a sinatura do acordo
O acordo consensuado entre comité e dirección establece que Alcoa iniciará a negociación coa SEPI e que remitirá nun prazo de "non máis tarde de dúas semanas a partir da sinatura unha proposta de termos xerais (termsheet) para iniciar as negociacións".
Ademais, o documento consensuado indica que Alcoa "comprométese a negociar de boa fe coa SEPI e manter a continuidade da produción de complexo de San Cibrao, tanto na planta de aluminio como na refinería de alúmina".
Alén disto, "informarase da evolución" as negociacións tanto ao comité como á Xunta e ao Ministerio de Indutria a través unha mesa multilateral que se reunirá unha vez ao mes.
No acordo, os representantes dos traballadores conseguiron un compromiso requirido desde hai tempo a Alcoa, o de que "asegure" que se "contará con recursos adicionais segundo as necesidades produtivas e organizativas de produción e mantemento do complexo", evitando o desmantelamento da fábrica, "ata alcanzar os efectivos necesarios". E ponse como exemplo os departamentos de electrólise e a brigada de mantemento.
Alcoa comprométese tamén, respecto das cubas, que "pararán unicamente" as que estean en emerxencia --que impliquen un risco para a seguridade de prsoas ou instalcións-- e que se manterán activas un "número por riba do límite técnico en ambas series" procedendo tamén á súa reparación ou substitución no caso de ser necesario.
No acordo tamén se establece que a empresa "non adoptará ningunha nova medida extintiva de carácter colectivo". Mentres, o persoal acepta "suspender a folga indefinida" iniciada o pasado 4 de outubro e "manter a paz social" durante a vixencia do pacto que, nun principio, terá validez ata o vindeiro 30 de abril.