Sen acordo na xuntanza entre Alcoa e o comité de empresa da planta da Mariña para intentar avanzar nas negociacións da venda da fábrica. A multinacional esixe a desconvocatoria da folga indefinida mentres que os representantes do persoal ofrecen "paz social temporal" durante sete semanas e a intervención da Sociedad Estatal de Participacións Industriais (SEPI) como mediador nas conversas.
A reunión para intentar avanzar nas negociacións para a venda acaba sen acordo e Alcoa atribúeo ás "esixencias adicionais" do comité
Logo da reunión deste xoves, Alcoa lamentou non ter logrado a un acordo "debido ás esixencias adicionais formuladas pola representación dos traballadores" e malia amosar a "súa disposición a explorar de novo a venda da planta de aluminio de San Cibrao á SEPI, tal e como veñen demandando o Goberno e os representantes dos traballadores", aínda que, aclarou, "na medida en que a folga se desconvoque".
O comité pide a Alcoa que garanta a contratación do persoal necesario para manter as instalacións e a reactivación do servizo de rebrascaxe das cubas de electrólise. "Non ten sentido que cheguemos a ningún acordo e que as instalacións caian por falta de persoal", advirte.
A empresa, malia a anulación do ERE por parte da xustiza e os duros reproches dos tribunais, asegura que "sempre actuou de boa fe" e insiste no seu compromiso co "diálogo e a transparencia" para lograr "o mellor acordo posible" para unha planta que, insiste, ten "unha situación insostible".
O comité reclama á empresa o mantemento da planta e a inclusión da SEPI nas negociacións para a venda
José Antonio Zan, presidente do comité de empresa, asegura que Alcoa fala xa dun período de "nove meses" como prazo para atopar unha saída á planta e que a xuntanza conseguiu que "se movese nalgúns puntos" ao aceptar que debe incorporar a un grupo de traballadores ou que as negociacións sexan seguidas e fiscalizadas nun órgano "no que estea a SEPI".
Alcoa insiste en só negociar a venda no caso de desconvocarse a folga, razón pola que o comité pide que a SEPI entre na negociación ao ser "un terceiro que non deu a súa opinión e que é moi importante porque se están marcando os prazos".
"Alcoa di que pode chegar aos nove meses e nós dicimos que para o primeiro acordo propomos unha suspensión da folga e unha paz social temporal durante sete semanas. Duraría ese tempo coa vista de sacar unha saída a esta problemática e chegar a unha solución", engadiu Zan, que insistiu en que o perasoal "quere un acordo que dea paz social e normalidade á fábrica", pero sempre que vaia "dentro dun proceso de venda" no que a SEPI "ten algo que opinar".
"Se as instalacións están ben, a SEPI dá o visto e prace e se produce esa suspensión de folga temporal, pódese avanzar nese período de negociación", rematou, tras anunciar que quedaba suspendida a asemblea de traballadores deste venres.