Alcoa amósase disposta a valorar ofertas pero pon como "condición" que sexa a SEPI "quen adquira en primeiro lugar a planta de aluminio para a súa posterior venda ao terceiro"
O proceso para a venda da planta de Aluminio de San Cibrao levaba tempo bloqueada por varios motivos. Un dos principais era a redacción da cláusula de indemnidade, que limitaba a responsabilidade de Alcoa tras unha posible venda e no que Alcoa e Goberno central non se poñían de acordo. Na mesa multilateral celebrada este xoves a multinacional estadounidense aceptou unha nova redacción desta cláusula, "se o principal obstáculo para que a SEPI acceda a comprar a planta reside na cláusula de limitación de responsabilidades", regresando "á proposta de setembro de 2020, que non foi rexeitada en ningún momento", sinalou o presidente de Alcoa en España, Álvaro Dorado, nunha carta remitida aos traballadores da factoría.
Neste texto, Dorado sinala que a compañía "estará disposta a traballar con actores interesados na adquisición da planta de aluminio" pero pon como "condición" que sexa a SEPI "quen adquira en primeiro lugar a planta de aluminio para a súa posterior venda ao terceiro".
O Ministerio destaca que "hai compradores interesados" na planta e insta a Alcoa a iniciar as conversas con eles
Ningún representante do Goberno central participou na mesa multilateral deste xoves ante o bloqueo amosado pola empresa nas últimas semanas. Con todo, Raúl Blanco, secretario xeral do Ministerio de Industria, destacou este xoves pola noite que "hai compradores interesados" na planta de aluminio primario de Alcoa e instou á empresa a dar os seguintes pasos con eses compradores interesados: "Alcoa ten que iniciar as conversas con eles, quien ten que traballar esa operación é Alcoa e propoñer unha operación viable. Dende o Goberno facilitaremos que esa operación de venda sexa posible vía SEPI".
Os traballadores insisten en que o comprador debe ter experiencia no sector, ser "industrial" e rexeitan a participación de fondos voitre
O persoal da factoría celebrou o paso adiante dado este xoves e instou ao Goberno central a avanzar nas negociacións, criticando que o Executivo e a compañía estivesen tres meses "enredados" con esta cláusula de responsabilidade. José Antonio Zan presidente do comité de empresa, pensa que o anuncio realizado por Alcoa pode significar un "desbloqueo" da situación. Porén, indicou que debe ser a SEPI a que proporcione as garantías de que o comprador é "viable". Os traballadores insisten en que o comprador debe ter experiencia no sector, ser "industrial" e rexeitan a participación de fondos voitre, dos que desconfían.
O persoal di descoñecer cales son os "compradores interesados" citados polo secretario xeral do Ministerio de Industria e apostan en primeiro lugar por Liberty House, grupo con sede en Londres e parte de GFG Alliance, que manifestou dende hai meses o seu interese na adquisición na planta.
O pasado 22 de xaneiro Alcoa asinou co persoal un acordo para negociar a posible venda da planta ata o 30 de abril, un prazo que expira este venres. Nese acordo os representantes dos traballadores comprometíanse a manter a "paz social" ata esta xornada
O pasado 22 de xaneiro Alcoa asinou co persoal un acordo para negociar a posible venda da planta ata o 30 de abril, un prazo que expira este venres. Nese acordo os representantes dos traballadores comprometíanse a manter a "paz social" ata esta xornada. Este acordo pode ser agora prorrogado, ampliando o tempo para acadar un acordo de venda que permita a continuidade da planta, da súa actividade e dos postos de traballo.
De momento, a multinacional manifesta que mantén "o seu compromiso de avanzar na negociación da venda da planta á SEPI", conforme "co proposto polo Goberno" e co acordo que asinado en xaneiro cos representantes dos traballadores "co obxectivo de atopar a mellor solución para todas as partes".
O presidente da Deputación de Lugo criticou que "a Xunta sempre estivo de perfil" neste tema: "utilizou a Alcoa de xeito electoral, para sacar a foto, pero na realidade nunca achegou nada á solución do problema"
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, destacou este venres que "o tema de Alcoa vaise resolver polo traballo e pola acción do Goberno de España, que non lle permitiu á empresa impoñer as súas pretensións". Aínda que recoñeceu que en ocasións semella que este proceso vai “amodo”, sinalou que o importante é que “calle ben” e non deixar que a empresa “saia coa súa”. “A empresa vai acabar accedendo ou ben a vender a unha empresa compradora ou ben a que a SEPI faga de ponte cun comprador”, augurou Tomé.
O presidente do ente provincial criticou que "a Xunta sempre estivo de perfil" neste tema: "utilizou a Alcoa de xeito electoral, para sacar a foto, pero na realidade nunca achegou nada á solución do problema", dixo. Tomé contrapuxo o apoio que outros Gobernos autonómicos, como o vasco, emprestan ás súas empresas en problemas e denunciou que "o Goberno galego ten diñeiro sen gastar ano tras ano no IGAPE e non é quen de empregalo en axudar ás empresas".