A folga xeral paralizou a actividade económica na Mariña e sacou milleiros de persoas ás rúas en Burela polo "futuro" e contra o "abandono"
Coa actividade económica parada e milleiros de persoas nas rúas. Así respondeu A Mariña á convocatoria de folga xeral para reclamar "futuro" e solucións ante a crise industrial e esixir investimentos, servizos públicos e infraestruturas nunha comarca farta do seu "abandono". Sindicatos e concellos destacaron o "amplo seguimento" e o "éxito" dunha xornada que paralizou polígonos, hostalería, comercio e outros sectores, ademais de reducir tamén ao mínimo a actividade en colexios e institutos, con moitos dos centros cunha presenza mínimo de alumnado.
Cos conflitos en Vestas e Alcoa como último expoñente da crise industrial, arredor de 15.000 persoas percorreron as rúas de Burela na que foi a culminación dunha "resposta masiva" da cidadanía á chamada da CIG, CCOO e UGT. Unha marcha multitudinaria e que abrangueu toda a sociedade. E outra comarca paralizada na demanda de futuro no norte de Galicia, tan só oito meses despois do éxito doutra folga xeral en Ferrolterra, Eume e Ortegal, territorios que comparten moitos dos problemas e demandas de infraestruturas, investimentos e un plan industrial ante a crise.
Os sindicatos destacan o "éxito" da folga, só oito meses despois de que outro paro xeral paralizase Ferrolterra, Eume e Ortegal
Localidades como Viveiro, Ribadeo, Foz, Burela ou Xove amenceron sen apenas actividade e con rúas máis baleiras ou con máis paseantes do habitual nunha xornada que os sindicatos destacan por reafirmar a capacidade de mobilización da comarca, que secundou masivamente a folga en todos os sectores económicos: desde o industrial ata o agro, pasando polos autónomos e comerciantes, as administracións públicas ou o estudantado.
Na marcha, cargos públicos da Mariña e representantes políticos como a portavoz do BNG, Ana Pontón, que pediu "medidas concretas no DOG e no BOE, que para Alcoa pasan pola intervención pública, con implicación do Goberno central e da Xunta porque hai 1.10 empregos en xogo". "Basta de fotos e promesas incumpridas", insistiu.
Pola súa banda, Valentín González Formoso fixo súa a reclamación de "carga de traballo" e "garantía laboral e industrial" na comarca e pediu a Xunta, Goberno central e Alcoa un "impulso claro" para a venda da factoría.
Desde o PP, Miguel Tellado eximiu a Xunta e instou a PSOE e BNG a que "deixen de lado os intereses partidistas" e se "unan" aos populares na demanda de solucións para Alcoa, o gran polo industrial dunha comarca. Ademais, culpou da situación ao Goberno central e botou en falta a presenza da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, na xornada de protesta.
A Xunta, pola súa banda, en boca do seu vicepresidente Alfonso Rueda, cargou tamén contra o Executivo de Sánchez e as súas politicas de transición enerxética, aínda que recoñeceu que a xornada na Mariña era "unha chamada de atención a todo o mundo".
No entanto, os sindicatos insisten en sinalar o "abandono" ao que todos os gobernos e administracións someteron durante anos a comarca ao igual que fixeran antes en Ferrolterra, Eume e Ortegal, e en destacar que a folga na Mariña non é só laboral ou centrada nos conflitos na industria.
"É unha folga social que non atinxe só os traballadores, senón ao pequeno comercio, aos servizos, á hostalería, ao mar ou á administración"
Destacouno María José Novoa, secretaria comarcal de CCOO da Mariña, que pediu "loitar" polo futuro da comarca e que destacou que o paro deste mércores "non era ao uso, senón unha folga social que atinxe non só aos traballadores, senón tamén ao pequeno comercio, aos servizos, á hostalería, ao mar ou á administración". "Se pecha a industria, as infraestruturas irán a menos; se as infraestruturas van a menos, a industria tamén; se a industria non vén a xente emigra; e se baixa a poboación, os servizos que temos erán cada vez peores e mínimos, que é cara a onde imos", exemplificou sobre unha xornada na que mesmo as administracións locais chamaron á folga ou pecharon directamente as súas instalacións en apoio do paro, como no caso do Concello de Cervo, gobernado polo PP.
Pola súa banda, Xorxe Caldeiro, responsable da Unión Local da CIG na Mariña advertiu da "riqueza" da coarca en recursos. "Saímos protestar polo que non tempos, polo que nos negaron durante décadas e polo que nos queren quitar", dixo, tras referirse á histórica falta de investimentos nas infraestruturas, a deterioración progresiva do antigo FEVE ou a negativa a liberar o dique de Alcoa.