CIG, CCOO e UGT chaman a toda a comarca a unha folga xeral para reclamar "medidas inmediatas" contra o "abandono" da Mariña
"A pobreza, a desertización industrial e o despoboamento poden ser imparables". Os tres sindicatos maioritarios reclaman "medidas inmediatas" para pór fin ao eterno "abandono" que sofre A Mariña, convocada a unha folga xeral de 24 horas en toda a comarca para o vindeiro 17 de novembro. Un berro unánime e contundente é o que pretenden CIG, CCOO e UGT da man de autónomos, hostalaría, comercio, industria e toda a veciñanza dunha área ameazada pola incerteza de Alcoa, o seu principal polo económico, ou o anuncio de peche de Vestas, pero golpeada desde hai anos pola perda continua de servizos, a falta de investimentos e a espera por infraestruturas longamente demandadas.
Unha "débeda histórica" na que coinciden todos os partidos pero que, lembran os sindicatos, ningún goberno aborda ou lle pon solución. Fartos, os sindicatos convocan folga xeral, a primeira comarcal na Mariña, oito meses despois doutra en tres comarcas lindeiras polo oeste que paralizou Ferrolterra, Eume e Ortegal. O norte galego, afectado en conxunto polo impacto da crise industrial, peches sen alternativa como o de Endesa, o devalo da industria eólica ou a lenta agonía do tren que o discorre -de Ferrol e Ribadeo- e que serve como metáfora ideal da decadencia dun territorio falto de impulso.
Sindicatos e veciñanza reclaman "futuro" para A Mariña nunha folga que non enfoca só a crise da industria -sector que en porcentaxe de afiliacións á Seguridade Social supera en moitos concellos a media galega ou a de localidades como Vigo- senón tamén o "abandono" da comarca e as consecuencias en forma de despoboamento, cuns 5.000 habitantes menos que hai unha década.
Todo o norte sofre o desmantelamento industrial e a falta de investimentos; a folga xeral na Mariña chega tras a convocada en Ferrolterra, Eume e Ortegal
Sinalan a perda de servizos bancarios co peche de oficinas, a supresión do Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) dos xulgados de Viveiro, a "decadencia" do antigo FEVE ou o "desmantelamento" do Hospital da Costa e os recortes en persoal sanitario tras a criticada supresión da área sanitaria. E reivindican investimentos.
Así, CIG, CCOO e UGT lembran que os orzamentos do Estado só fixan unha partida de 100.000 euros para a reclamada A-74 ou que nos de Galicia "non hai nada referido á comarca". E advirten que "todo o apoio que os partidos políticos da comarca manifestan" ás súas reivindicacións "non se ve reflectido nos feitos tanto da Xunta (PP) como do Estado (PSOE-UP)".
Á marxe do conflito de Alcoa ou Vestas, A Mariña sinala a supresión da área sanitaria, o abandondo do ferrocarril ou a falta de infraestruturas
Mentres, desde os concellos mariñaos, a problemática é común e as reivindicacións, semellantes alén da formación política. "Xustificamos e apoiamos a folga porque A Mariña leva anos sufrindo un importante desmantelamento industrial, agora máis impactante polo de Alcoa ou Vestas, pero algo xa acumulado de hai tempo", di María Loureiro, alcaldesa socialista de Viveiro, que engade a este problema "principal" outros como a "falta de infraestruturas claves" para a comunicación ou o desleixo co ferrocarril.
"Queremos dicirlles ás diferentes administracións, sexan da cor que sexan, que asuman as súas competencias e que teñamos de vez na Mariña un plan industrial que nos permita desenvolver o futuro", engade a rexedora, que advirte que é a Xunta quen, neste caso, ten esa competencia en materia de industria pero que insiste en que a folga e a demanda vai "máis aló de partidos". "Somos e fomos a grande esquecida", insiste tras asegurar que a grave crise actual "vén de lonxe".
Desde Barreiros, a súa alcaldesa, Ana Ermida (BNG), coincide no da crise arrastrada. "Levamos moitos anos na comarca reclamando, desde o ámbito político, social e empresarial, a necesidade de investimentos e de infraestruturas. É unha débeda histórica que ano tras ano e goberno tras goberno segue sen satisfacerse", di a rexedora, que cre que a suma a esta situación da "crise industrial" coloca A Mariña "nunha situación complicada para poder competir".
"Somos e fomos a comarca esquecida; estamos pagando agora o acontecido anos atrás", di María Loureiro (PSdeG), alcaldesa de Viveiro
Ermida entende e apoia a folga polo "agravio comparativo" que di que a comarca sofre, afectada por "eivas na comunicación por estrada ou no ferrocarril" que fan "máis complexo" o futuro. "Está a situación do FEVE, da autovía do Cantábrico no seu momento, agora a non chegada da A-74... O único que nos queda, tanto desde as institucións como desde outros sectores, é a presión social porque as demandas funcionan cando ademais das administracións teñen detrás un pobo organizado e unido", insiste quen destaca que as reclamacións "van máis aló da visión puramente ideolóxica". "Falamos da necesidade de supervivencia dunha comarca", asegura.
"Hai que ter perspectiva: o obxectivo é salvar Alcoa porque non quero imaxinar o que pasaría se marcha", di Alfonso Villares (PP), alcalde de Cervo
"O que agora ocorre é resultado de moitos anos atrás; a autovía do Cantábrico, por pór un exemplo, parou en Vilalba, e nos tempos de bonanza fomos a comarca olvidada... Iso é o que estamos pagando agora", coincide María Loureiro quen cre que, entre todas as reivindicacións debería erguerse outra que evite casos como o de Vestas -que vén de rexeitar ampliar ata final de ano a negociación do ERE- ou as continuas ameazas de Alcoa. "Non temos normativa ningunha que evite que as multinacionais boten aquí anos aproveitando os nosos recursos para logo marchar sen consecuencia ningunha", di.
Para Alfonso Villares, rexedor polo PP de Cervo, "a clave é Alcoa". "A falta de infraestruturas e de investimentos é unha reivindicación lóxica na que levamos anos, mesmo a crítica do abandono da comarca é lexítima, pero é no ámbito industrial onde temos a nosa espada de Damocles", di o alcalde, que insiste en que o "obxectivo fundamental" é evitar o peche de Alcoa que, lembra, supón o 30% do PIB da provincia de Lugo.
"O que nos queda é a presión social; as demandas funcionan cando detrás hai un pobo organizado e unido", di Ana Ermida (BNG), alcaldesa de Barreiros
"Quen tiña que dar o paso aquí desde o minuto un era o Goberno central, que debe aprobar o estatuto electrointensivo que reclama o comité de empresa e intervir a factoría temporalmente, como tamén solicita o persoal", explica Villares, que recomenda "centrarse" á hora de demandar. "Sempre pedirei pola miña xente e a miña comarca, pero temos os habitantes que temos e hai que ter perspectiva; o obxectivo aquí é salvar Alcoa porque non quero imaxinar o que pasaría se marcha", di o alcalde da localidade onde se asenta a multinacional.
Desde Viveiro, María Loureiro cre, no entanto, que A Mariña "ten 70.000 habitantes e un gran potencial, tanto no turismo como noutros sectores", pero asume que é o futuro industrial o que debe tirar do resto e os investimentos os que deben tamén tirar da industria. "Levamos dez anos perdendo emprego e xa chegamos a un momento crítico; se non se aposta por investir na comarca estamos condenándoa a non ter futuro", engade Ana Ermida desde Barreiros.
A rexedora do BNG cre que o berro e a reivindicación que xurdirá da folga xeral e das mobilizacións do vindeiro día 17 "é unánime na comarca, tamén en todos os partidos e institucións". "Outra cousa é cando as demandas chegan a instancias máis altas; aquí o discurso teno todo o mundo moi claro máis alá de onde sexas, a clave está logo na forza que logramos facer cando chegamos á Xunta e ao Goberno central e hai que reclamar ante os propios compañeiros", reflexiona.